Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na moda intelectual

Os anos de Martin Margiela

Modelo creado polo propio Margiela.

Martin Margiela, o mais influínte deseñador de vangarda dos últimos corenta anos vén de ser suxeito dunha exposición no Museo da Moda de Amberes (MOMU). Non é esta a primeira vez que Margiela é celebrado cunha exposición e tampouco resulta ser, a presente, a primeira ocasión na que a totalidade do mundo da moda e da arte de vangarda dirixe a súa mirada cara ao traballo do visionario creador belga formado na Academia de Belas Artes de Amberes. Pero si que se trata do primeiro evento no que se expón unha parte específica da súa produción, aquela que desenrolou entre 1997 e 2003 coa empresa de bens de luxo francesa Hermès.

Baixo o rótulo Margiela The Hermès Years, a exposición comisariada pola directora do museo, Kaat Debo, repasa a, até agora, algo esquecida colaboración do deseñador coa afamada e prestixiosa casa francesa de marroquinería, moda e, dende hai varias décadas, tamén dedicada ao chamado "estilo de vida". Vén sendo habitual que Hermés, que conta cun sólido equipo creativo, realice convenios plurianuais con recoñecidos deseñadores para crear as súas coleccións. Así o fixo con Jean Paul Gaultier durante varias tempadas e tamén con Christophe Lemaire. Os anos de Martin Margiela na empresa son agora repasados con delicadeza nesta exposición que subliña a actividade paralela que o deseñador mantivo ao longo dos anos coa súa propia empresa, Maison Martin Margiela, e con Hermés, por medio dunha posta en escena apoiada na cor. Para as creacións dedicadas a Hermés o decorado, é da recoñecible cor laranxa das caixas e embalaxes da firma. Para as creacións de Maison Martin Margiela, o decorado é branco, nunha cita literal á etiquetaxe desa cor, e sen texto, que levaban as prendas do deseñador, soamente recoñecibles polas catro puntadas de fío que ocupaban os lados da etiqueta..

Os aportes que ten feito Margiela, e mais o seu equipo, para ser considerado tan notable, son moitos e de diversa natureza. Foi un firme impulsor do traballo en conxunto até o punto de que a cara do deseñador non era retratada pola prensa durante os anos que dirixiu a Maison. Asemade, o belga empregou a técnica da reciclaxe e reutilización antes que ninguén, antes mesmo que se coñecera polo mercado esa posibilidade máis aló das tendas de segunda man. Nos seus deseños, unha gabardina trocaba en vestido e unhas sandalias podían converterse nun chaleco.

Fixo roupas que podían ser empregadas de diversos modos, con moitos cortes, aperturas, bolsos e partes desmontables, de xeito que unha clásica roupa de augas "trench", podía ser en Hermés e na Maison, unha capa, un vestido, un chaleco. Taménc reu Margiela un novo concepto dos desfiles, coa celebración de auténticas performances nas que empregaba modelos non profesionais ou mesmo modelos que desafiaban os canons do sistema, incluíndo donas en idade de ser avoas, mulleres de etnias variadas e de tallas máis grandes que o frecuente.

Ademais, no caso de Hermés, Martin Margiela fixo un tratamento sutil do luxo, con prendas que aparentemente eran sinxelas e sen ambicións pero que cumprían á perfección, grazas ao seu corte e patronaxe, a función de envoltorio do corpo como se fose un pano empuxado polo vento acariciaddor. As cores de gran sutileza arreo; aquí e acolá pequenos detalles de refinamento como os botóns que ían cosidos con dous buratos máis, de xeito que debuxaban o da marca. Ou as voltas nas mangas e nos ombreiros, cheos de perfís feitos á man ou aínda recuperación dunha antiga etiqueta co nome completo da marca e a localización París que xogaba nas prendas como se fose unha peza conceptual de caligrafía.

Por todos estes motivos, o mundo da moda e o mundo da arte celebran con ledicia este aniversario que recorda unha páxina da historia da moda tan discreta como inesquecible.

Cada home, un artista

  • Na actualidad,e o deseñador de Maison Margiela é John Galliano. O deseñador inglés era xa coñecido por unha fulgurante traxectoria á fronte da súa propia firma e tamén en Christian Dior. Non se poden esquecer, entón, todos os espectaculares desfiles que organizou para a casa francesa durante case dúas décadas. As modelos vestidas coma geishas para representar unha Madame Butterfly inventada, as escaleiras da ópera Garnier de París cheas de modelos vestidas como a Marquesa Casati ou as modelos chegando ao lugar do desfile montadas nun tren do lonxona oeste son algunas das memorables postas en escena que deixou para o recordo. Arestora,John Galliano, para a Maison Margiela,cumplimenta as dúas premisas de facer vestidos e accesorios de inimitable creatividade con execución artesanal única. A este traballo de excelencia súmase outro valor que é a propia filosofía orixinaria de Martín Margiela,cal vén ser a da concepción da creatividade baseada nun certo éxito democrático, divulgativo e grupal. A célebre frase de Joseph Beuys "cada home un artista" ben serve de leitmotiv para as propostas de Margiela-Galliano, pois cada prenda é interpretada dun xeito distinto por quen a leva, ao seren vestimentas intercambiables na maioría dos casos. E engadiríamos o aforismo "cada home un coleccionista",pois quen merca unha peza de Margiela-Hermés-Galliano, coida dela por sempre,como se fora unha creación de arte. A arte de poñerse roupa e a arte de coleccionar roupa por medio da intelectualidade da moda de Margiela.

Compartir el artículo

stats