Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Edurne Baines: "O noso é a comunicación gráfica de Galicia"

Edurne Baines - directora de belagua edicións

A editora Edurne Baines. // carducho

- Que é o que quere aportar Belagua dentro do panorama editorial galego actual?

- Cando comezamos, hai xa catro anos, fixemos unha aposta polos libros de fotografía centrados en Galicia. Pola nosa traxectoria profesional,tiñamos os medios e o coñecemento para facer proxectos editoriais de divulgación da nosa terra e do seu patrimonio, en xeral;pero, ao contrario doutras publicacións existentes, nós quixemos dar protagonismo absoluto á fotografía,deseñando libros de gran formato cunha coidada edición gráfica.

- Os libros de fotografía adoitan ser caros polo seu proceso de impresión. Como é a demanda destes libros en Galicia?

-Levamos feitos tres libros destas características e a nosa experiencia está sendo moi positiva. Penso que o público cada vez aprecia máis o valor deste tipo de publicacións, tanto para o seu propio gozo como para facer un regalo con selo de autenticidade. Por exemplo, o noso buque insignia, Galicia, todo un mundo, de Ricardo Grobas, está sendo adoptado como regalo corporativo por varias empresas e entidades galegas. Que os nosos libros teñan esa consideración, que sirvan para afirmar a identidade galega da xente, nos anima a continuar esta liña de publicacións.

- E ten cabida en Belagua a fotografía artística?

-Polo momento non nolo plantexamos. O noso é a comunicación gráfica de Galicia, a descrición das súas paisaxes, as súas xentes e o seu patrimonio.

- Belagua nace en Vigo, a mesma cidade na que están Xerais e Galaxia, as dúas grandes editoriais galegas. Plantexánse competir con elas ou máis ben ser alternativos ?

-Non sería serio pretender competir con estas dúas grandes editoriais, e digo grandes referíndome tanto á súa traxectoria e reputación como á súa dimensión empresarial. Como en todo, cada un ten que saber onde quere ir e poñer os medios necesarios. Nós somos unha pequena editorial cun proxecto que pode convivir en harmonía co resto. Temos aínda moito treito que percorrer e moitas cousas que aprender. Xerais e Galaxia, xa que as citas, son, en todo caso, uns bos referentes para nós.

- Galicia é unha das comunidades con maior número de editoriais. De feito, está entre as primeiras en produción editorial privada. E, porén, cómpre incrementar os índices de lectura...

-Ocorre en Galicia e tamén no resto do Estado, porque os baixos índices de lectura son un mal xeralizado. O hábito de ler é tan saúdable e recomendable coma unha alimentación sá e equilibrada ou a práctica de exercicio físico. E, porén, aínda non existe a suficiente conciencia sobre a importancia da lectura e da cultura en xeral para a formación das persoas e o noso desenvolvemento como sociedade. Por iso cómpre dotar de recursos materiais e humanos as bibliotecas públicas e escolares, e non abandonalas, porque, aínda que non estean precisamente de moda, son claves para a promoción da lectura na sociedade.

- Chama á atención o éxito de Belagua co libro dedicado ao Courel, escrito por Sonia María García. Habendo como hai tantos libros sobre esa bisbarra, cal pensa Vde. que foi o segredo do éxito do seu?

-Tal vez a maioría dos libros existentes abordan temáticas parciais do Courel, mentres que O libro do Courel de Sonia Matía García xa indica co seu título que abarca todos os aspectos que singularizan esta montaña. Penso que, ademais do ton divulgativo e cercano da súa autora, acertamos co seu deseño e presentación, combinando equilibradamente texto e fotografías para a súa mellor comprensión, aínda que este non é propiamente un libro fotográfico.

- Que criterio seguen en Belagua á hora de seleccionar os libros que publican?

-Sen dúbida, a calidade do proxecto, tanto na forma como na solidez do contido.

- Vai ser Belagua unha editorial especialmente receptiva aos autores novos?

-Está séndoo. Móvenos tamén o interese polas letras, en galego e en castelán, indistintamente, e desexamos dar voz a escritores e escritoras que comezan.

- Plantéxanse publicar tamén e-books ou Belagua vai ser fiel ao libro tradicional?

-Non o descartamos, porque o libro electrónico convive perfectamente co de papel e ten as súas potencialidades, aínda que non será a curto prazo. O libro tradicional segue sendo o preferido polo público e mesmo polos autores por ese vínculo emocional que existe co libro físico.

- Cales son os novos libros que van lanzar proximamente e cales os seus proxectos a medio prazo?

-Estamos traballando en dous proxectos de libros de fotografía para os que aínda non temos data de publicación. Mentres tanto, esta semana chegan ás librarías dous de narrativa en galego, O caso Quintana, de Miguel Alonso, un autor da zona de Santiago que se estrea na novela cunha historia detectivesca, e Historias de galegos extraordinarios", do xornalista de FARO DE VIGO, Salvador Rodríguez, que vai sorprender moito porque conta episodios incríbles, algúns delirantes, outros dramáticos? da vida de persoas que non pasaron á historia pero tiveron grandes intervencións nela. E, nuns meses, de cara ao verán, publicaremos unha novela en castelán ambientada na época da romanización dos castros, que firma a mesma autora que O libro do Courel, Sonia García García; e tamén unha preciosidade de libro con poemas de Antonio García Teijeiro e pinturas de Xulio García Rivas, que se titula Poesía cromática e que será una edición limitada de 200 exemplares numerados e asinados polos autores.

Compartir el artículo

stats