Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Afouta Rosalía

Retrato dunha brava muller

Afouta Rosalía

Se pensamos nunha personaxe feminina da historia do noso país, esa non podería ser outra ca Rosalía de Castro. Pola súa vida, pola súa obra, polo fito que marcou e pola afouteza coa que encarou os seus sentimentos converteuse nunha das mulleres máis admiradas do país.

Isto debeu ser o que pensaron os que botaron a andar a colección "Mulleres bravas da nosa historia" de Urco Editora, porque foi Rosalía a primeira muller elixida e a esta seguiranlle outras como María Victoria Moreno ou ...

O libro dirixido ao público mozo consta de tres apartados. A historia da vida de Rosalía ficcionada ocupa a parte fundamental, unha cronoloxía breve para fixar as datas máis significativas e un grupo de actividades de carácter lúdico para que os rapaces reflexionen sobre o lido, seguido do solucionario correspondente, rematan o volume que escribe María Lado e que ilustra Eva Agra, escollendo para a ocasión unhas suxestivas imaxes nas que mestura o trazo sinxelo e ben perfilado cunha certa escuridade que semella presidir as secuencias e que acompañan o texto, solemne por veces, e máis cotiá noutras ocasións. O ton desenfadado e a expresión amable permítelles aos destinatarios gozar dun texto admirable pola súa calidez e cercanía.

A vida de Rosalía de Castro é contada por un lucecú que está a carón da poeta dende o seu nacemento o 24 de febreiro de 1837 ata o 15 de xullo de 1885 cando morre na Casa da Matanza en Padrón e mesmo máis alá cando en 1891 os seus restos son trasladados á capela da Visitación no convento de San Domingos de Bonaval, hoxe Panteón dos Galegos Ilustres.

Polo camiño vai achegando aqueles datos que dalgunha maneira marcan o percorrido vital de Rosalía con máis sombras ca luces, debido ás doenzas propias e alleas que sofre e que explican a súa obra e o seu legado.

Completa a narración ficcionada unhas breves reflexións acerca dalgún punto concreto que ten que ver coa súa vida e/ou coa súa obra no que o ton formal dá paso unhas veces á coloquialidade con interxeccións e exclamacións e outras a poemas que exemplifican vivencias ou estados de ánimos.

Os continuos traslados, a formación que recibiou, as amizades que fixo ao longo da súa vida, o casamento con Murguía, os fillos e mesmo as mortes da súa nai e dunha amiga, aderezadas cun certo romanticismo, fan da súa vida un mostra desa bravura que preside a recén-nacida colección.

LADO, María, Rosalía de Castro (Ilstr. Eva Agra), Ed. Urco, Santiago, 2016, PVP. 9 ?

Compartir el artículo

stats