Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alberte Blanco: "Sempre sentín a historia da batalla de Rande moi preto de min"

O achado dun manuscrito familiar, a batalla de Rande, a procura dun antigo códice maia...Eis algúns dos elementos da trama de O Códice esmeralda (Xerais), segunda novela de Alberte Blanco Casal (Vilaboa, 1951), un trepidante relato de intriga que engaiola o lector e que, ademais, vén achegalo a un dos episodios históricos acontecidos na ría de Vigo.

Alberte Blanco: "Sempre sentín a historia da batalla de Rande moi preto de min"

- A súa vén ser unha das, por desgraza, aínda escasas novelas galegas que teñen como marco histórico a batalla de Rande. Por que o elixiu Vde.?

-Esta historia resúltame próxima por tres motivos. Primeiro, porque a batalla e algunha das súas secuelas tiveron lugar a uns centos de metros do meu lugar de nacemento, San Adrián de Cobres. Segundo, porque sendo eu moi neno fun testemuña, inconsciente, das andanzas do caza tesouros Sténuit en busca dos galeóns de Rande; un dos barcos que utilizaba atracaba no peirao de San Adrián, preto da casa onde viviamos daquela. Por último, unha das miñas primeiras lecturas foi a novela de Verne ( Vinte mil leguas?), que me descubriu unha historia fabulosa, á vez que próxima en moitos sentidos, que sempre me fascinou. Todas estas razóns, e tamén o achado recente dalgúns datos que permiten a reconstrución de retallos da historia dos meus devanceiros, leváronme a escribir esta novela.

- O caso é que, malia ser un feito histórico, non abunda moita información sobre aquela batalla naval. De que fontes se serviu para documentarse?

-Efectivamente, a documentación é escasa e bótanse en falta algunhas monografías de detalle sobre este tema, pero debo sinalar que me foi moi útil o libriño de Juega Puig, unha guía excelente sobre o periplo en 1702 da Frota de Nova España, dende Veracruz ata a Ría de Vigo, publicado en 2001 por Edicións do Castro. No entanto, houbo que ir directamente ao Arquivo Xeral de Indias e rastrexar información en Internet. Tamén consultei algunha documentación dispoñible das mariñas de guerra francesa e inglesa que se fixo pública con motivo do terceiro centenario da batalla de Rande. Quizais os máis prolixos sobre este tema sexan os ingleses, os que formalmente mellor saíron dese episodio. Foron tamén moi útiles algúns dos libros de Robert Sténuit sobre a batalla e o tesouro dos galeóns afundidos na baía do Ulló. Axudáronme a contrastar as volátiles cifras sobre o contido real do cargamento da frota que subministran as diferentes fontes.

- Paradoxicamente, ese mesmo feito da escasez de información, fai que ese episodio da historia da ría Vigo se preste a dar ronda solta á imaxinación. Atopou moitas preguntas sen resposta ao longo do seu labor de documentación sobre a batalla?

-Como ben di, precisamente esas preguntas sen resposta, ou un tanto inexplicables, son as que posibilitaron a creación desta narración. Cando non hai suficientes datos obxectivos sobre os feitos históricos, ou se pasa de largo sobre algúns episodios escuros, iso dá pé á elaboración de teorías e, por que non, a escribir unha novela.

- Sen que lles deamos demasiadas pistas ao lector, na novela hai un personaxe que chama a atención, Xan Bieito. Está inspirado en feitos reais, básease nalgún personaxe histórico, ou saiu do seu maxín?

-Non hai tal personaxe histórico, salvo o seu nome. O único certo é que pertence a un devanceiro meu de finais do século XVIII, que viviu na zona do Areal de Vigo, dedicado probablemente a actividades mariñeiras, como a maioría dos seus veciños; pero nada máis, o resto é pura ficción.

- O Códice esmeralda é unha novela de intriga, co seu misterio dentro. Cal é a súa fórmula para ter enganchado o lector capítulo tras capítulo?

-Agardo que poida ser así, e sería marabilloso que o lector quedase fascinado coa novela. En calquera caso, a miña técnica é a común neste xénero. Trátase de ir tecendo unha trama formada, a súa vez, por pequenas tramas converxentes, onde se contan de forma, agardo que suxerente, partes dun todo de xeito progresivo, coas súas correspondentes analepses, ata que ao final se chega ao anhelado desenlace. Procuro que a lectura se converta nun exercicio de busca, de pracenteira e intelixente investigación a través dos distintos enigmas que sustentan a trama.

- A todo isto, estamos aínda diante da súa segunda novela (tras Arcadia. Os gardiáns do segredo que editou en 2013 e coa que debutou). É Vde. un escritor de vocación tardía ou simplemente as súas outras obrigas profesionais non lle deixaron tempo para escribir literatura?

-Sempre me gustou a escrita e practiqueina cando puiden. Mais, efectivamente, a miña dedicación dende moi novo á actividade política -non profesional, pero moi activa- non me permitiu o necesario sosego para poder escribir. Dende hai uns anos iso cambiou e agora teño tempo e tranquilidade para facer algo que me resulta moi pracenteiro.

- Dentro do xénero literario no que Vde. se move, tanto na súa primera novela coma nesta, cales son as súas obras de referencia e quen os autores que máis o influiron?

-Eu son un gran lector, xa dende a infancia. Non vou citar unha obra en especial, pero como dixen antes, as miñas primeiras lecturas foron Verne, ademais de Stevenson, Scott, Victor Hugo, Dumas e moitos dos autores anglosaxóns e franceses do XIX e XX. Posteriormente interesáronme Huxley, Poe, Lovecraft, Eco, Cunqueiro, Blanco Amor ou Fole, entre outros. Pero as miñas novelas nútrense, en grande medida, da miña cosmovisión sobre as veladas relacións internacionais de poder e dominación no mundo contemporáneo.

- Por que en Galicia, onde temos tanta relación co mar, non abundan as novelas que o teñan como protagonista?

-Algunha narrativa con ese pano de fondo saíu nos últimos anos, pero non sabería dicir cal é a razón de que haxa tan poucos títulos relacionados co mar. Supoño que cada quen escribe sobre aquilo que sente, lle gusta ou coñece e, no meu caso, o mar e os mariñeiros forman parte, dalgunha maneira, da miña experiencia vital familiar. Meus avós e demais devanceiros foron construtores navais, armadores, mariñeiros e comerciantes ligados ao mar dende tempos inmemoriais.

Compartir el artículo

stats