Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Séneca, Medea

Unha poderosa historia

O suicidio de Séneca (M. Domínguez Sánchez, 1871).

Segundo a mitoloxía recreada por poetas como Eumelo ou Píndaro, pero atendendo tamén aos primeiros tratados de historia como os debidos a Pausanias, Hesíodo ou Apolonio de Rodas, a Cólquida era un reino situado contra a costa sueste do Mar Negro, e tiña por veciño o reino de Iberia, situado este no interior desa franxa das feras terras que separan o dito mar daquel que chaman Caspio. Neses territorios todos reinaba Aetes, en tempos anteriores á guerra de Troia, que investigacións recentes queren situar contra o ano 1200 a. C.. Era neto de titáns e dunha ninfa oceánica, e fillo de Helios, e por tanto descendente directo dos deuses. Este rei tiña unha filla de nome Medea, quen fora instruída nas artes da maxia pola súa tía Circe, que era sacerdotisa da deusa Hécate, coñecedora do poder das palabras, das plantas e das herbas e considerada deusa dos mortos e das meigas. Unha figura similar á da Santa Morte mexicana, que seguramente teña antecedentes no deus Mictlanteuctli, señor dos mortos en náhuatl, lingua que aínda fala máis dun millón de persoas.

A historia de Medea, unha das heroínas clásicas con maior atractivo na creación artística, vai unida á de Xasón, herdeiro do reino de Iolco en Tesalia e do que fora desposuído polo seu tío Pelias. Cando quere recuperar o trono, Pelias proponlle unha proba, a de recuperar o Vélaro de Ouro, a pel dun carneiro alado e áureo na que Frixo partira voando desde aquelas terras en dirección ao Cáucaso moitos anos atrás. Así comeza a viaxe dos Argonautas, ou mariñeiros do Argo, un dos relatos épicos máis importantes da tradición grega, que alimentará a obra de numerosos poetas, dramaturgos, xeógrafos e historiadores. Especial interese ten no eido dramático, o momento en que Xasón, de volta en Iolco, acompañado de Medea, non consegue recuperar o trono, e se refuxia en Corinto, onde logra o amor de Creusa, filla do rei Creonte, polo que aquel decide repudiar a Medea, que é expulsada da cidade polo rei, entre outras cousas por estranxeira.

Entón, chega o momento en que por boca da propia Medea saibamos moitas das historias acontecidas cando Xasón tenta conseguir o Vélaro, e saberemos na fin como Medea, ferida de amor por Eros, acaba traizoando a súa patria para axudalo, grazas aos seus poderes máxicos, os aprendidos coa súa tía Circe. Pois Medea non só se volve contra seu pai, senón que mata ao seu irmán Absirto, pero tamén consegue que as fillas de Pelias metan o seu pai nun caldeiro con auga fervendo pensando que así recuperaría a xuventude, o que provoca a fuxida de Xasón e Medea, que se refuxian en Corinto. Veremos xa que logo que ambos os dous son culpables de terribles delitos que, por mor das circunstancias favorables ao home, serán atribuídos en exclusiva a unha muller que acaba sendo excluída, desprezada e expulsada (vedrañas historias e culpas). Poderiamos ver na exclusión de Medea unha condena da barbarie fronte á civilización? Ao mellor, mais a argumentación de Creonte cando intenta exculpar a Xasón ou cando este intenta renunciar ao seu truculento pasado (Eu non fun!!!), xogan en contra. Tal vez por iso, malia ter cometido novos crimes, como envelenar a muller do pai dos seus propios fillos e matalos despois para vingarse de Xasón, o carro de Helios, tirado por serpes voadoras, acode na súa procura para salvala.

Unha historia poderosa, recreada por autores como Eurípides ou Ovidio. Pierre Corneille, Jean Anouilh, Peter Kein, Heiner Müller, Manuel Lourenzo ou Marina Carr tamén sucumbiron ante a maxia dunha narrativa sobre a que Séneca escribiu unha das súas traxedias máis notables, a titulada Medea, que nos chega na versión galega do profesor José M. Otero, autor igualmente da interesante introdución, e publicada, en edición bilingüe por Toxosoutos. Un texto magnífico, inzado de fermosas figuras retóricas que o converten en manual práctico desa arte milenaria, válido aínda para pensar na escrita e para pensar o presente. Velaí a grandeza dos clásicos, e a necesidade de que as nosas letras brillen con voces alleas, felizmente anosadas.

Lección estoica

  • Séneca, nado en Córdoba mais educado en Roma, padeceu durante a súa vida a proximidade de persoas ben poderosas e controvertidas como Calígula, Mesalina, Claudio ou Nerón, sendo este último o que lle enviaría un centurión coa mensaxe de que se tiña que suicidar, coma Sócrates algúns séculos antes. Diante da deplorable situación do seu país adoptivo non é de estrañar que fose un firme defensor da apátheia, termo grego que serve para definir aquel estado en que o ser humano non está posuído pola paixón senón instalado no equilibrio, na impasibilidade, xusto aquilo do que semella carecer Medea.Estamos ante un estoicismo negativo, pois non se trata tanto de promover virtudes canto de criticar vicios; e no caso de Medea ponse en cuestión o feito de que o furor se antepoña á razón, esquecendo os consellos do Coro ou da Nutriz, que mostran e destacan as virtudes cidadás fronte á desmesura e ao desenfreo que rexe a conduta da estranxeira, da muller procedente de terras bárbaras. Unha ménade furiosa, que o dramaturgo empírico condena pero sen que el mesmo mostre moita vontade por debuxar con tons amables figuras igualmente sinistras coma Creonte ou Xasón. Exemplos todos do que non debe ser, do que non cabe admitir, e un recordatorio de que a barbarie non vén de fóra, nós mesmos somos barbarie. Paga a pena mirar o presente, como mostra

Compartir el artículo

stats