Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entre o atraso e a modernidade

Galicia: 1800-1936

Actividade portuaria en Vigo na década de 1920.

Ao longo do século XIX, que podemos prolongar até 1936, a estrutura económica de Galicia vai sufrir unha profunda transformación, tanto no campo como no sector industrial e financeiro.

No ámbito agrario a desamortización apenas significou un relativo cambio de mans dos explotadores do campesiñado; así, á fidalguía, que conservou a súa condición de perceptora de rendas, sumouse á burguesía vilega en detrimento do clero, o principal perdedor do proceso de desamortización, polo que non se chegou a desmantelar o sistema de propiedade da terra, que seguiu sendo foral até que se logrou a definitiva redención foral nas primeiras décadas do século XX. Así mesmo, algunhas das reformas propostas para modernizar a agricultura galega bateron contra os intereses das clases rendistas e a situación económica dos labregos, tantas veces denunciada por Curros, Rosalía ou Lamas Carvajal.

Non obstante, a crise agraria finisecular foi o factor desencadeante dun proceso caracterizado pola propietarización das terras; a introdución de innovacións técnicas, auspiciadas pola Granxa Agrícola Experimental da Coruña dende 1898 e outras institucións posteriores, que promoveron a mecanización do campo, a introdución de fertilizantes (razón que explica a instalación da fábrica da Cross no Burgo en 1930) e a selección das sementes; e un proceso de mercantilización, que tivo o seu reflexo no aumento da produción gandeira e dos produtos derivados en estreita relación cos procesos de desenvolvemento agroindustrial e de distribución de alimentos.

Entre os anos 1806 e 1880, advírtese un intenso proceso de "desindustrialización", provocado principalmente polo incapacidade dos sectores industriais tradicionais para adaptarse aos novos tempos, malia que neses anos xurdiron algunhas iniciativas que perduraron no tempo, tanto no ámbito industrial (o Arsenal de Ferrol e a Fábrica de Tabacos da Coruña, de promoción estatal) como no ámbito financeiro, os bancos de Olimpio Pérez e Simeón García, que se suman aos fundados no século XVIII (Etchevarría e Pastor).

Pola contra, entre 1880 e 1936, prodúcese unha intensa revolución industrial que afecta a sectores tan diversos como o conserveiro, vinculado ás familias Massó, Alfageme? e que deu pulo a outros sectores industriais, como a fabricación de latas (actividade na que sobrancearon os Alonso e os Fadrique), e o naval, vinculado ás familias Barreras, Santodomingo... Así mesmo, a estes dous sectores, cómpre engadir outros, entre os que salientan o abastecemento de electricidade, que deu lugar ao xurdimento das primeiras compañías eléctricas locais; o agroindustrial, no que salientan as experiencias do matadoiro de Porriño ou da granxa de Arxeriz, o precedente de LARSA; os novos hábitos de consumo e lecer, que propiciaron a creación de empresas alimentarias (como La Panificadora de Vigo ou a cervexería dos Rivera), de balnearios (como o de Mondariz, promovido polos Peinador), de salas de cine e teatros; os medios de transporte urbanos (tranvías) e interurbanos, entre os que salientou Castromil; a actividade portuaria, sobre todo nos portos da Coruña e Vigo, da man de empresarios como o coruñés Eusebio da Guarda?

Finalmente, no transcurso desta serodia revolución industrial, os principais entidades financeiras, como o Banco Pastor da Coruña ou os vigueses Banco Viñas-Arana ou o Banco Jáudenes Bárcena, desenvolveron a súa actividade en estreita relación coas actividades conserveira, naval, pesqueira, transatlántica, mineira e inmobiliaria. Así, entre os seus socios capitalistas e nos seus consellos de administración figuran boa parte dos grandes industriais do momento, forxando unha sólida alianza entre as elites económicas do país.

Vigo: o triunfo da burguesía

  • A florecente burguesía industrial, comercial e financeira da cidade olívica promoveu un intenso proceso de urbanización que pasou polo derribo das murallas e do vello sistema defensivo a partir do ano 1861 e o desenvolvemento das infraestruturas portuarias (1855) e ferroviarias (1881).Mostra dese impulso urbanizador son os edificios que a partir deses se construíron ao abeiro de novas modas arquitectónicas. Velaí están o edificio Ferro (1899), de Jenaro de la Fuente; a casa Labarta (1911), de Jenaro de la Fuente; o edificio Simeón (1911), dos irmáns Gómez Román; o Hotel Moderno (1897), de Pacewicz; a casa Durán (1901), de Felipe Quintana; o MARCO, antigo cárcere inaugurado en 1880, de José María Ortiz y Sánchez; a Escola de Artes e Oficios (1897), de Pacewicz; o Banco Pastor (1923), de Manuel Gómez Román; a casa Bárcena Franco (1879), de Jenaro de la Fuente; o Teatro García Barbón (1925), de Antonio Palacios, financiado polo filántropo García Barbón; o edificio de Correos e Telégrafos (1928), de Manuel Gómez Román; a casa Yáñez (1900), de Pacewicz; o edificio Mülder (1910), de Manuel Gómez Román (1910); o Hotel Universal (1904), de Jenaro de la Fuente... que revelan os estreitos vínculos entre dinamismo económico e desenvolvemento arquitectónico que se deu en todas as cidades galegas.

Compartir el artículo

stats