Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha boa elección

Promovendo a creatividade

Unha boa elección

Conxugar dous xéneros e xogar con eles para enriquecer unha lectura é o que fai Concha Blanco (Lires, Cee. 1950) en Do re mi fantasía. A autora amosa o seu bo quefacer literario, xa recoñecido en diversos certames literarios, mediante historias que alternan o verso e a prosa e a posibilidade de lelas de tres maneiras diferentes: lendo só os versos, lendo só as liñas en prosa ou lendo todo xunto. Calquera deses xeitos sería unha boa elección no intre de lelo mais a escolla queda para quen le.

O resultado desta proposta son as historias de seres singulares que habitan no país da Fantasía. Son seres que deixan fermosas e divertidas imaxes grazas ás palabras da autora, que neste traballo dá boa conta da súa creatividade, da súa facilidade para chegar ao público infantil e do doado que lle resulta conseguir os sorrisos deste.

O león ao que na perruquería lle poñen moita gomina na melena, o xeito que ten o excéntrico Don Tomé de chamar a atención, o vento da serra que voou cun paraugas, o mosquito que se ve perseguido por un gato, o boneco de neve que colle o sarampelo ou a vaca que toca o piano son algúns dos protagonistas destas páxinas nas que a combinación da prosa e o verso deixa unha lectura moi agradable. A prosa polo xeito tan próximo á literatura oral empregado para contar as historias e o verso por achegarlle musicalidade con ritmos e orixinais e frescas rimas que dinamizan o texto. Consegue así mergullarse nesa función lúdica que tamén ten a literatura, promover a creación na rapazada dunha maneira funcional. Cativos e cativas de seguro quererán lanzarse a construír rimas igual de disparatadas.

Concha Blanco sabe coidar, entón, con esmero cada un dos detalles que veñen compoñer o texto, atinxindo desta maneira un resultado moi maduro para un público infantil. No país da Fantasía todo semella, pois, ser posible e verosímil e a tal sensación contribúen tamén en gran medida as excelentes ilustracións da man de Olaya Naveira: trñatase de liñas figurativas que por veces imitan a técnica infantil e que plasman adecuadamente as ideas da autora, para rematar por darlle forma cumprida a un volume que resulta altamente recomendable para calquera lector que sexa amante da boa literatura

BLANCO, Concha, Do Re Mi Fantasía (Ilstr. Olaya Naveira) Ed. Bolanda, Santiago, 2016, PVP. 16 ?

Compartir el artículo

stats