Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nos soños irmandiños

Por unha arte galega

Penedo (1915) de Imeldo Corral.

É unha mágoa que estea a rematar o ano do centenario da fundación das Irmandades da Fala sen que ningún proxecto expositivo poida desenvolver o rico mundo plástico que xirou ao redor deste feito decisivo para historia cultural e política de noso. O simposio que esta semana se celebra no Museo do Pobo Galego, en Compostela, permitira, ao menos, achegarse á cuestión desde o ámbito da reflexión histórica.

O período comprendido entre a creación das Irmandades da Fala en 1916 e o comezo da Guerra Civil, é un tempo en que a construción dunha cultura nacional, coa lingua como cerna, vai acompañada dunha notábel renovación formal que manifesta a pegada dos diferentes movementos estéticos renovadores mais que teñen Galiza como eixo fundamental, unha renovación que terá como principais protagonistas na arte os chamados Os Novos (Carlos Maside, Manuel Colmeiro, Manuel Torres, Arturo Souto, Laxeiro...).

O movemento intelectual galeguista, que dá orixe ás Irmandades, é consecuencia, moi meditada, dun proceso ideolóxico e político, que levará ao nacionalismo político moderno.

Moitos pintores e escultores asumen nunha altura dada a identidade básica ou cultural de Galiza como elemento nuclear de inspiración. Esa procura da "esencia do país" que vén de Rosalía de Castro e do Rexurdimento, supón captar a profunda identidade cultural dun pobo, descuberto e enxergado con ollos novos polos artistas. No caso de pintores, escultores ou arquitectos como, entre outros Castelao, Asorey, Camilo Díaz Baliño, Manuel Gómez Román ou Imeldo Corral, esa asunción dos valores identitarios é inequívoca e militante.

A creación das Irmandades da Fala é o feito que marca de xeito máis determinante a transición política do rexionalismo ao nacionalismo. A primeira Irmandade crease na Coruña en 1916, por iniciativa de Antón Villar Ponte, e días despois nace a Irmandade de Santiago, impulsada por Lois Porteiro Garea; neste mesmo ano fúndanse Irmandades en Vilalba, Monforte, Ourense e Pontevedra. En 1917 nacen as de Ferrol, Melide, Vigo, Mondoñedo e Baralla, e no 1918 as d'A Estrada, Vilagarcía, Betanzos, Ortigueira, Muxía e Lugo. Nos anos seguintes aparecen moitas outras, chegando a contabilizarse un total de 28. En cada unha delas encontramos un reducido grupo de entusiastas que moi devagariño van favorecer unha fonda mudanza na conciencia cultural e social dos galegos; Galiza vai deixando de ser unha terra vista polos seus propios cidadáns con connotacións negativas para se converter nun país enxergado desde unha visión positiva e esperanzada.

Será precisamente Antón Villar Ponte, principal animador do movemento irmandiño, quen, nun primeiro momento e con máis tino, entendeu e describiu as posibilidades didácticas e propagandísticas das artes. Considerando que para recuperar a propia identidade e desenvolver a conciencia nacional e a loita a prol da autonomía política e o autogoberno, era preciso mobilizar e convencer a cidadanía da viabilidade e necesidade dun determinado proxecto político. Para esa finalidade cumpría utilizar os instrumentos máis axeitados, como as obras literarias, as funcións teatrais e as artes plásticas. Os textos sobre as artes do viveirense en defensa dunha escola de pintura galega e mesmo os enfrontamentos dialécticos en que participou, por exemplo con Emilia Pardo Bazán, á que trata de "ilustre enimiga", son ben representativos do momento e do debate político e estético que o nacente nacionalismo favorece.

Dentro da estratexia das Irmandades lévase adiante unha práctica cultural que contempla, entre moitas outras actividades, a organización de exposicións de pintores novos galegos, completadas con ciclos de palestras impartidas por intelectuais do galeguismo. Esta liña principia cunha mostra de Imeldo Corral no local da Irmandade da Fala d'A Coruña en 1918.

O álbum Nós

  • Na creación artística, o momento decisivo chegará co álbum Nós (1916), con el Castelao abre unha corrente claramente social, marcadamente crítica e cunha estética que conecta coas correntes realistas. Nos debuxos do álbum Nós agroman todas as contradicións, conflitos e esperanzas do home común deste convulso e esperanzador período, sendo en boa medida este traballo espello do seu tempo.A arte galega desta altura cómpre, pois, entendela en contacto co desenvolvemento da cultura galega anterior á Guerra Civil. É unha plástica que nos leva a un dos argumentos que pairan sobre toda a cultura galega: a identidade, tema, por certo, que segue ocupar un papel central no debate contemporáneo das artes no contexto global. Cómpre lembrarmos que as identidades culturais, como é o caso da galega, van construíndose colectivamente a partir da experiencia, a memoria, a tradición e tamén da variedade de prácticas culturais, sociais e políticas. Son procesos nunca autónomos, senón interdependentes, cunha lóxica non allea ás relacións de dominación que rexen as diferentes culturas, tema que, por exemplo, Foucault ou Edward W. Said xa estudaron ao falaren dos mundos simbólicos en conflito. Este aspecto dos mundos simbólicos en conflito é sobranceiro no período das Irmandades, que desenvolven un discurso de tenso contraste entre a identidade galega e a dominante cultura española e que lle dá a volta a discursos noventaiochistas españois. Cen anos despois, nun contexto distinto, mais non exento de tensións e semellanzas, a revisión do noso pasado artístico semella chave necesaria para unha maís rica comprensión do noso presente

Compartir el artículo

stats