Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A obra aberta de Berta Cáccamo

Expansión ensaio no CGAC

Peza exposta na mostra Expansión ensaio.

A obra de Berta Cáccamo é a protagonista da nova mostra do CGAC, que ofrece un percorrido polo traballo da artista viguesa durante os últimos trinta anos.

A partir de mediados dos 80 principia a súa progresión, partindo dun peso importante do matérico, mais xa lonxe do expresionismo que caracterizaba a moitos dos autores desa altura. As súas obras son produto dunha longa xestación en que o sígnico e mesmo o simbólico teñen un papel relevante, aspectos que irán perdendo importancia, gañando entidade o puramente plástico, os pigmentos e a mancha, dotados dunha fonda contención.

A comezos dos 90 crea un auténtico alfabeto plástico, baseado en correspondencias e contrastes entre formas e cores, mais sen ningunha rixidez, tendendo a unha expansión modulada. Neste sentido podemos falar de formas elocuentes, que deixan o trazo do visíbel no pincel e que dependendo da maneira como aplica a cor poden acelerar ou abrandar unha forma.

Xa nos 80, sen sentirse allea á pulsión expresionista do momento, optara por uns procesos máis reflexivos. Mais esta actitude vai dar un froito creativo desde finais da década, apoiada nun esencialismo que se percibe na simplificación dos cadros reducidos ao elemental, como nun contexto plástico diferente fixo Joan Miró. Como na estética oriental, a intención da artista non é describir sensacións senón suscitalas, e para iso a pintura proporciona os elementos onde apoiar cadeas de pensamento e emoción, sendo unha concreción plástica que se lle aplicásemos unha analoxía lingüística sería como unha frase o máis obxectiva e breve posíbel.É unha obra feita por redución, cun forte peso do baleiro. O oriental, o ideograma e en xeral o sígnico toman corpo na súa obra é aparece aí a lembranza de Tàpies e Miró como un eco lonxincuo mais recoñecíbel.

Nos primeiros anos do novo século, a pintura de Berta Cáccamo afonda nunha liña de depuración formal. A partir destas obras todo é menos evidente. O que antes era cita, como podían ser as formas de inspiración caligramática, son agora referencias máis evocativas e cifradas.Na tensión entre o rigor formal e o lirismo as súas estruturas magmáticas ou as súas liñas enleadas son sempre signos cifrados, fluídos e manchas cheos de intensas suxestións, produto dunha profunda análise que fica detrás do lenzo.

A partir de mediados da pasada década, a obra Berta Cáccamo pretende "expresar" máis que "representar", no sentido de que a súa pintura se estende polo lenzo como unha descarga de tensión, nunha especie de automatismo psíquico. De todos os xeitos, cómpre salientarmos que este punto de partida é en certo sentido corrixido nunha segunda fase da realización, xa que a pintora retoca lenemente e repasa a obra, logo da acción de verter a pintura. Este feito non obedece a simples razóns ornamentais, ben pola contra, trátase dunha actitude que poderiamos cualificar de metapictórica, dun distanciamento reflexivo, unha acción posterior pero ligada a unha intensa carga emocional, con moito de berro e de neurose.

A pesar do pulo expresivo, non renuncia á carga intelectual que esta actividade arrastra, nun proceso de exploración semiolóxica sobre aspectos da linguaxe. O seu fluír de fíos e manchas non é casual e desordenado, senón que escolle unhas determinadas cores, nas que dominan tonalidades medias industriais e cunha carga decorativa que supoñen un reto para a artista; ao tempo precisa as cantidades e dirixe o xesto. A artista aplica unha camada de pintura sobre outra, o que ela denomina, seguindo a Luis Gordillo, "pintar a pintura". Unha expresión que é, de seu, unha acción de "representación" do propio feito de pintar.

Na obra máis recente de Berta Cáccamo o signo -aquel signo augural dos seus primeiros lenzos- devén en mancha, en berro, nun proceso que nos leva desde as tramas circulares até a mancha, planos formais que conforman un auténtico contraposto. Mantense, así e todo, unha actitude común coa obra anterior, que se concreta na vontade de evitar o espectacular, preferindo sempre o rigor, que acaba por configurar unha especie de expresionismo ascético.

Título: Expansión ensaio

Artista: Berta Cáccamo

Comisario: David Barro

Local: CGAC, Santiago de Compostela, até o 22 de xaneiro

Unha sutil liña argumental

  • O resultado é a acción, o xesto, mais un xesto analizado, que ten moito de realización metalingüística. Daquela, a obra de Berta Cáccamo confórmase, sobre todo, como unha espacialidade cromática expansiva que se converte nun ambiente e procura espontaneamente o espacial. Este espazo en expansión, construído polo xesto e a mancha, consegue provocar sobre todo unha chamada de atención sobre o puro feito pictórico e a súa capacidade de comunicación, un dos aspectos fundamentais da reflexión sobre o papel da pintura no momento actual.A obra última de Berta Cáccamo defínese a partir dunha liña argumental sutil -que é a idea de representación dunha acción pictórica-, de xeito que consegue ofrecer ao espectador sobre todo suxestións.Contemplando a pintura de Berta Cáccamo lembramos unha referencia do escritor John Berger que afirma que "é o feito de ver o que establece o noso lugar no mundo que nos rodea". Pensaba nesta frase porque o resultado, mais que a idea inicial, prodúceme a sensación de que o fundamental na súa obra é precisamente que se trata dunha pintura que permite concretar a captación como un lugar, convertendo os lenzos en redutos de pensamento e percepción.Porque a arte pode ser moitas cousas, mais nunca banal, e iso é, evidentemente, o que non é a obra de Berta Cáccamo. Ben pola contra, estamos perante unha pintura fondamente meditada. Pensamento e creación, contención e lirismo, velaí as fórmulas da pintora para desenvolver o seu rico mundo interior e transportarnos ao seu mundo aberto e en expansión.

Compartir el artículo

stats