Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Lorca e a alofonía

Cen anos de Federico entre nós

Lorca e a alofonía

Nestes días outonais -concretamente o vindeiro mércores 26- cumprirase o centenario da primeira visita a Galicia de Federico García Lorca. Naquela viaxe de hai agora cen anos andara por Compostela xunto a un grupo de compañeiros e un seu profesor da Universidade de Granada. Daquel contacto inicial -viñera en ferrocarril e transbordou cara a Santiago en Redondela- xurdiu a súa admiración pola nosa terra e a súa lingua e nunha viaxe posterior, de novembro de 1932, naceron os famosos Seis poemas galegos, dos que a revista lucense Yunque publicou as primeiras mostras aquel mesmo ano.

Converteuse, así, García Lorca no máis célebre dos nosos escritores alófonos; isto é, aqueles que, creando o groso da súa produción noutro idioma, cultivaron tamén o noso de xeito esporádico.

Este fenómeno da alofonía literaria ou poliglotismo autorial é ben máis frecuente do que adoita sospeitarse. Dicía Francisco Ayala que a patria dun escritor é a súa lingua, pero está claro que hai autores que son cosmopolitas multilingües. Como ten recordado Borges, un idioma non só é un arbitrario repertorio de símbolos, senón que supón moito máis, é toda unha tradición, un modo de sentir a realidade, pero iso non é óbice para que a complexidade multipolar do creativo cerebro humano sexa quen de adaptarse á variabilidade idiomática.

Daquela, o máis habitual entre os escritores é que vertan os seus textos na lingua que lles é propia, no seu idioma materno, instalándose nunha natural e esperable autofonía. Mais hai casos moi notables de alofonía, isto é, de escritores que, por diversas causas (algunhas traumáticas e outras de pura escolla persoal, vital ou mesmo azarosas) crearon e crean noutros idiomas que non son os seus de nacenza.

Por poñer algúns exemplos sobresalientes, tal aconteceu con Joseph Conrad, un dos clásicos indiscutibles da literatura en inglés que, malia ser polaco de nacemento e dominar tamén o ruso e o francés, erixiu na lingua de Shakespeare verdadeiros monumentos de perfección gramatical e estilística como O corazón das tebras. Célebre tamén é o caso de Franz Kafka, xudeu de Praga que, amais do checo e o yiddish, dominaba o alemán, no que escribiu toda a súa obra por propia opción.

E igual sucede con Samuel Beckett, irlandés por berce, pero autor indistintamente en francés e en inglés, que pasou toda a vida autotraducíndose dunha a outra lingua case que compulsivamente.

Outro tanto podería dicirse de Vladimir Nobokov, ruso de nacemento que mesmo chegou a publicar relatos en francés, pero que adquiriu merecida sona coa súa narrativa en inglés.

Non menos curiosos son os casos do canadense de inicial expresión francesa, Jack Kerouac, logo autor referencial da Xeración Beat; o romanés Emil Cioran, quen publicou na súa lingua materna de novo, pero que se fixo famoso como autor en alemán despois; ou o checo Milan Kundera, quen edita as súas novelas neste idioma, pero escribe os ensaios en francés.

Por remate, o mesmo acontece no ámbito hispano e velaí os están casos tan notorios como o do Borges poeta en inglés ou, máis nos nosos días, Fernando Arrabal, quen alterna na súa produción o francés do seu país de acollida co castelán natal.

Musa políglota

  • Entre nós hai casos de alofonía nas dúas direccións: escritores doutras literaturas que ocasionalmente produciron textos en galego e ao revés. Nos primeiros -e por citar só algúns exemplos- cómpre lembrar o poeta catalán Carles Riba, quen escribiu en 1911 uns Cantares d'amor e Cantares d'amigo dedicados a unha súa namorada de mocidade, a señorita Pepita Vilas, filla de galegos. E tamén por amor, neste caso á arousá Pepita Sobor, escribiu o poeta arxentino Eduardo Jorge Bosco memorables versos galegos en 1939.A esta lista habería que engadir outros moitos, dende os trobadores foráneos que escribían cantigas medievais en galego-portugués ata os clásicos do XIX que redactaron algún verso na nosa lingua, como o portugués José Leite de Vasconcelos, o andaluz Francisco Rodríguez Marín, o cántabro Gumersindo Laverde, o alacantino Gonzalo Cantó ou o miñoto João Verde. Por suposto, tamén contemporáneos de diversas latitudes, como a estadounidense Anna Marie Morris (que publicou en 1965 Voz fuxitiva e que este ano está tamén de centenario), o xienense Juan Pérez Creus (que deu á luz As canciós d'ise amor que se diz olvido en 1951) e aínda outros versos da madrileña Marifé Santiago Bolaños, o romanista holandés N. B. Teensma ou a lusa Manuela Couto Viana (autora de Frauta lonxana, 1964).En fin, escritores de noso que poetizaron noutros idiomas fórono Añón -que ten algunha composición en portugués-; Pondal -con textos en francés e italiano-, Otero Pedrayo e Risco -con escrita en alemán- ou Cunqueiro e mais as súas cantigas catalás.

Compartir el artículo

stats