Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sonia María García: "No Courel puiden, por vez primeira, escoitar o silencio"

Sonia María García - autora de O LIBRO DO COUREL

Sonia María García, no Courel que inspirou este libro

- Como foi que xurdiu a idea de escribir este libro?

- O Courel é un lugar moi especial para min, e despois de viaxar aló en moitas ocasións, de percorrelo en coche e mais a pé, de falar coas súas xentes e de tomar miles de fotografías, encontreime cun material fabuloso que pensei que non podía quedar só no caixón das miñas lembranzas, senón que merecía ser compartido. Ainda que xa publicara algunha cousiña sobre esta bisbarra nos meus blogues Eira de Pedra e Galicia Milenaria, O Courel tiña que ser protagonista de algo máis profundo e importante, e xurdiu así O Libro do Courel.

- Sobre O Courel téñense escrito numerosísimos libros, sobre todo guías. Qué é o que quere aportar Vde. con este traballo? Cal era o seu principal obxectivo cando se puxo mans á obra?

- Aprofundar na súa esencia. Naquelas cousas que o definen e o diferencian. No Libro do Courel hai unha parte que ubica o lector e o visitante no Courel, e que o leva polas vilas e lugares de interese dun modo directo, pero a meirande parte da obra fala do que é O Courel e do que a xente pode atopar alí ainda que non vaia seguindo un vieiro sinalizado. Todo O Courel merece ser coñecido. Por iso falo neste libro da parte física, do medio natural e das súas aldeas, que é o primeiro que vemos cos nosos ollos, pero tamén da historia, das xentes, da economía da bisbarra, do ferro, da castaña, dos seus literatos e de moito máis. É un libro que pretende ser divulgativo e ameno pero que, á vez, é rigoroso e serio.

- Cando foi Vde. por primeira vez alí? Que lembranzas ten daquela primeira visita?

- Sinto lembranzas por aquela primeira vez, hai xa moitos anos, porque todo era abraiante... Anos despois, sigo a descubrir cousas e xentes en cada nova visita, sigo aprendendo a cada paso, pero aquel primeiro momento, cando tes diante o mapa e non sabes por onde empezar a explorar porque todo é novo e alucinante, foi especial. Tamén lembro con cariño aquela visita pola compañía que levaba, porque iamos en familia e foi bonito vivir xuntos o descubrimento desta fermosa terra. Enfeitizoume a beleza da paisaxe, puiden escoitar o silencio, oín á avelaiona pola noite, sentín de novo os aromas xa casi olvidados das aldeas, disfrutei das casas de pedra antigas, das lareiras... e da hospitalidade da xente.

- De onde, de cando, de que provén o seu namoramento desta zona de Galicia?

- Dende o minuto un que pasei nesta comarca, quedei enfeitizada. Eu veño do mar, do Atlántico, da liberdade que dan os horizontes abertos, e no Courel síntome libre tamén pero para sentir a terra, para ver a esencia da Galicia da montaña, para palpar un mundo que permaneceu inalterado durante séculos e que agora se acaba, para non mirar o reloxio, para falar coa xente e, sobre todo, para escoitala... O Courel é paisaxe, paisanaxe, auga, ceo, rocha... É vida e morte, é unha cova, é unha casa de pedra, un feixe de herba, un castro, un pedaciño de ouro, riqueza e pobreza; é o son da curuxa e a palabra dun poeta...É único.

- Despois de ter falado e convivido con moita xente de alí, vivir no Courel é tamén un xeito de entender a vida?

- Sen dúbida. Tanto para as xentes que viven alí dende que naceron como para os que veñen para quedarse, que son poucos, desgrazadamente, pero que os hai, intentando disfrutar alí do máis fermoso que nos pode dar a terra, a natureza e as boas xentes. No Courel a xente é forte, traballadora, ten orgullo do seu e acolle con hospitalidade á xente de ben como vén facendo dende hai séculos, cando todos dependían de todos e tiñan que cuidarse entre eles e tamén dos que os visitaban. Vivir no Courel é unha experiencia de vida, valla a redundancia, e digo isto con coñecemento de causa porque, ademais das viaxes que me levaron ata alí, tiven a sorte de vivir nun tempo recente nunha das súas aldeas como unha veciña máis. E volvereino facer en canto teña oportunidade. Alí que ninguén busque présas, grandes comodidades, nin festas multitudinarias, alí es tí e mais a terra, cas súas vantaxes e os seus inconvenientes.

- Urxe conservar o patrimonio do Courel en todos os ámbitos, pero tamén urxe mellorar as condicións de vida dos seus habitantes (electricidade, comunicacións, servizos básicos?). Como compaxinar ambas cousas?

- Penso que o progreso non está rifado coa conservación do patrimonio. Evidentemente os tempos cambian, as formas de vida tamén, pero iso non significa que se teña que borrar o antigo, que hai quen confunde co vello, co que din que xa non serve. Se as cousas se planificaran ben, se se investise o necesario e con sentido nesta bisbarra, O Courel podería conservar a súa esencia e vivir de todos os recursos que ten. É un lugar con importancia maiúscula natural canto a bioloxía ou xeoloxía, ten uns xacementos arqueolóxicos de importancia mundial aínda sen estuiar como se merecen, a súa arquitectura tradicional...en fin, todo o que xa falamos e máis, está aí. Un potencial fortísimo. Pero mentres, a poboación envellece, os novos marchan por falta de traballo e as viliñas quedan deshabitadas, as estradas están cheas de fochancas, non teñen ainda médico as vinte e catro horas do día nin, agora mesmo, farmacia, pechada por débedas, hai zonas de sombra nas comunicacións nas que os teléfonos non teñen cobertura... Todo isto debería avergoñar a quen non fai nada por melloralo. Pero aí estamos algúns intentando poñer O Courel no mapa para que o teñan en conta.

- Cando un lugar é tan paradisíaco coma este, se se promociona turisticamente demasiado, poder correr o risco de ser destruído polo propio turismo. Que modelo de turismo proporía Vde. para visitalo sen que sufra eses "danos colaterais"?

- Un turismo de calidade. Outro non serve nin lle sería rentable a longo prazo a esta terra. Un turismo cultural e de natureza que respecte O Courel e sexa sensible co que atope no camiño. Non entendería para esta terra un turismo masivo. Aínda que xa visita O Courel máis xente que hai uns anos, cóstame pensar que algún día poida masificarse. Perdería ademais moito do seu engado. Por iso tamén deberían facerse as cousas con cabeza, pensándoas ben e planificando un pouco. Ao final, os que lle dan pulo a O Courel son particulares emprendedores que teñen moito mérito, pero habería que axudalos dende máis arriba para que todo vaia polo bo camiño para todos.

- Qué tradicións que lle chamen a atención aínda perviven no Courel e que xa se perderon no resto de Galicia?

- Supoño que hai cousas que se seguen a facer noutros sitios tamén, pero paréceme marabilloso que aínda se faga pan e empanadas nos fornos de leña, que aínda teñas que botarte a un lado porque veña un fato de vacas ou de ovellas polo camiño, que se escoite unha gaita nas xuntanzas das casas, que haxa quen aínda seca as castañas no sequeiro para conservalas todo o ano e quen traballa o ferro, a madeira ou fai un cesto na casa ou unha manta no tear.

- Teño entendido que o seu próximo libro é unha novela?.e que tamén ten como marco O Courel. Pódenos adiantar algo da historia que conta nese texto?

- Efectivamente, así é. A novela transcorre no Courel, na época en que dous mundos tan dispares como o castrexo e o romano se ven obrigados a convivir pola atracción que o ouro courelán exercía sobre Roma para os seus intereses. Esa circunstancia deume pé a escribir, entón, unha novela que está empapada da esencia desta terra e chea de aventuras.

Compartir el artículo

stats