Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Slow Movement

Rik Wouters & utopía privada

Traxe estampado con árbores de Veronique Branquinho.

Rik Wouters (1882-1916), foi un artista, pintor, escultor e debuxante de estilo post-impresionista para quen o cotián, a intimidade do fogar e a súa muller, Nel, eran a maior das inspiracións. Malia unha vida chea de dificultades económicas e complicacións de saúde, o artista atopaba no santuario da convivencia doméstica a fonte das teimas para os seus cadros e debuxos. Tiña un gusto pola vida que latexa na súa obra, a cal executaba con vibrantes cores, escenas da natureza viva e técnica lixeira.

Co gallo do centenario da súa morte, o Museo Real de Belas Artes de Amberes (KMSKA), en coordinación co Museo da Moda da Provincia de Amberes (MOMU), veñen de presentar unha exposición inspirada na teima da "boa vida": aquela que prefire o natural fronte ao artificial; aquela que estima o valor das persoas fronte ao valor das cousas.

Rik Wouters e a Utopía Privada é, daquela, unha exposición que se presenta nun museo dedicado á moda, o MOMU, pero na que non soamente se mostra roupa. Móstranse cadros, esculturas, debuxos, instalacións, obxectos e traxes de varios autores, para tratar algúns aspectos do Slow Movement.

A mostra toma como referencia a homenaxe a Rik Wouters, quen facía unha pintura da luz que celebraba a fermosura da vida, establecendo un nexo entre ese artista post-impresionista do inicio do século XX cun grupo de deseñadores de vangarda do século XXI, que tamén celebran a vida natural fronte ao consumismo imperante.

Este Slow Movement tradúcese nunha volta a técnicas tradicionais como as cerámicas, os tecidos e pigmentos naturais. Tamén se favorece o emprego de bos materiais que duren máis, cunha idealización de adquirir aquilo que se precisa. Digamos que estes deseñadores, como hai cen anos o pintor Wouters, dan preferencia ás cousas sinxelas que nos fan a vida máis feliz.

A mostra está comisariada por Karen V. G. e ten unha montaxe de Bob Verhelst. E nela hai roupas creadas por nove deseñadores:

Dirk Van Saene procede de familia de pintores e frecuentemente estampa as prendas que deseña con pintura, tratando á superficie da roupa como se da dun cartón ou dun lenzo se tratase.

Martin Margiela é coñecido por dúas características que teñen moito que ver coa perdurabilidade das cousas: a reciclaxe e a deconstrución. Nos deseños desta empresa, unhas vellas sandalias poden transformarse en chaleco, e unha gabardina pode ser posta polo forro sen mangas, converténdose nun vestido.

Christian Wijnants, como autor dunha das instalacións da mostra, emprega as raias como inspiración para o deseño do espazo e dos traxes. As súas raias brancas e vermellas póñense en paralelo ás pintadas por Rik Wouters nalgúns dos seus retratos. Mentres Dries van Noten está á marxe do rebumbio do sistema da moda e procura facer unhas coleccións onde a creatividade e a fidelidade ao seu estilo sexan máis importantes que as tendencias e o mercado.

Veronique Branquinho presenta un traxe estampado con árbores, como se da capa dunha menciñeira se tratara. A prenda aparece sobre un escenario dun bosque, referindo todo iso á volta á natureza.

Walter van Beirendonck aparece cunha chaqueta con aires de dandy, que está estampada cun gran debuxo que representa unha vista do interior da súa propia casa. Da súa parte, Jan-Jan van Essche, lonxe do sistema de varias coleccións por ano, presenta unha soa coñección. O seu desexo é que as súas prendas vallan para os doce meses. Soamente necesita poñer prendas superpostas cando o frío ataca.

Bruno Pieters, xunto a Marie-Sophie Beinkel son entusiastas da cor e crean unha instalación, onde os patróns de formas distintas se superpoñen, son formas que xogan no espazo. O mesmo que un cadro post-impresionista.

Bernhard Willhelm emprega sempre un discurso moi libre, alleo ás tendencias e ligado coas expresións artísticas. Desta volta presenta traxes feitos con procesos tradicionais de cosido, bordado e cortado.

A boa vida

  • A mostra presenta unha novidade. Non se trata dunha exposición de moda que se inspira na arte pictórica e tampouco procura atopar nexos estéticos entre certos traxes e certos cadros, senón que trata de, como tanto a arte pictórica e escultórica como a moda no museo, poden servir para ver a realidade dende outra perspectiva, para cambiala.Esa utopía é o que o pintor Rik Wouters retrataba nos seus cadros intimistas, brillantes, vibrantes, de hai cen anos. E esa mesma utopía procúrase poñer na escena do comercio de moda por parte destes deseñadores procedentes da Real Academia de Belas Artes de Amberes. Todos eles manteñen dun xeito ou doutro unha filosofía de empregar bos materiais, tradición técnica, importancia do traballo artesanal, estética sinxela.O seu estilo e personalidade non son descoñecidos para ninguén, pois levan dende mediados dos anos 1980 poñendo no mercado da moda, nas mostras en museos e galerías, en libros, filmes, e mesmo nas artes escénicas, unha estética vangardista, analítica e cargada de utopía plástica e filosófica.Do mesmo xeito que a chegada dos deseñadores xaponeses nos anos 80 aportou a Occidente unha nova forma de mirar o vestido, así mesmo a chegada da escola de Amberes asinou unha visión vangardista pouco recoñecida dende o parisianismo preeminente na moda até esas datas.Agora esa actitude innovadora aparece tamén dende o MOMU de Amberes, nos criterios curatoriais e museísticos que empregan na súas exposicións de moda. Non se someten á espectacularidade, impecable por outra banda, dos grandes museos norteamericanos. Nin insisten en someter a moda á arte, como fan en moitos museos europeos. Tratan á moda como unha máis das artes, e a través dela pódense analizar teimas variadas, como por exemplo a utopía da boa vida.

Compartir el artículo

stats