Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De Cuncas e de Mar

Os poderes de Dakidarría

De Cuncas e de Mar

Festival da Liberdade, Cangas. Sábado 15 de outubro. Probablemente a derradeira data para gozar ao vivo da xira De Cuncas e de Mar no país. Aínda que en realidade o tour ha rematar o 28 de outubro no Pintor Rock de Tarragona, a de Cangas vai ser ocasión inmellorable para ver un dos directos máis potentes do rock galego nunha plenitude absoluta despois de rodar ano e medio esta proposta por centos de escenarios do país e mais de fóra. Desde logo, estamos a falar dos Dakidarría.

Todo comezou en febreiro do 2015, con apenas cinco datas programadas, pero o que ía ser unha pequena xira foi medrando como bóla de neve e foron aumentando as datas paseniño até que o grupo decidiu gravar os concertos ofrecidos no 2015 tanto no festival Revenidas de Vilaxoán de Arousa coma no festival da Liberdade de Cangas do Morrazo. Desas gravacións xurdiu un CD+DVD, De cuncas e de Mar (Maldito Records, 2016), que recolle o extraordinario momento en que se atopa unha das bandas senlleiras do punk-rock nacional e estatal. O DVD estreouse nos multicines Norte de Vigo o 28 de xaneiro de 2016 e o disco dispoñibilizouse nese mes de xaneiro, tanto á venda nun pack que inclúe o CD e o DVD do concerto coma de balde en internet, onde se podía xa desde o comezo escoitar o CD na canle de Spotify da banda. Posteriormente, desde o 17 de maio, tamén o DVD é accesible na rede, na canle de Youtube de Maldito Records, o selo de Dakidarría. A acollida deste traballo gravado ao vivo foi extraordinaria e a banda do Val Miñor prolongou a xira De cuncas e de Mar durante todo o verán, protagonizando moitos dos mellores momentos festivaleiros deste 2016. E non só na Galiza, pois Dakidarría é unha das bandas galegas con maior proxección exterior. Así, o Viña Rock, a Fête de l'Huma en Bretaña, ou moitísimas salas dos Països Cataláns, León ou Castela teñen acollido o vigoroso directo da banda nestes últimos tempos.

O traballo consta de quince temas ao vivo, o que vén sendo o set list habitual da banda nestes últimos dous anos, e mais dunha serie de mini-reportaxes -a modo de entrevista- cos membros da banda para as e os seareiros coñeceren o día a día da banda e o que se agacha atrás dos focos. Como é usual nun disco desta caste, o traballo está inzado de colaboracións. Así, García MC, Suso Soak ou xente de grupos coma Zoo, La Raíz, Boikot ou Ska-P -só por citar algúns- engaden a súa achega neste traballo. No tocante ao apartado máis técnico, cómpre dicir que a portada e maquetación son obra de XT Maki, o baterista da banda, sobre unha fotografía orixinal de Carlos Undergroove (Dabunker). A realización audiovisual do traballo correu a cargo dun tándem formado por Samthing Visual e Deica audiovisual. Por último, Alber Castro (Kannon, Dismal...) foi o encargado de rexistrar, mesturar e masterizar as cancións en Santa Cruz Recording (A Coruña).

"A mocidade activa"," Lume e gasolina", "Generación perdida"," El futuro nunca existió"," Linguas ceibes", "Mil berros" ou o seu grande éxito, "Terra", forman parte do repertorio deste De cuncas e de Mar. Probablemente foi este tema, Terra, o que marcou un punto de inflexión na andaina de Dakidarría. Sempre é perigoso dicir que apenas un tema pode mudar a traxectoria dunha banda, mais sen esquecer o moito traballo e suceso previos, o certo é que Terra marca un antes e un despois en Dakidarría. Para alén de conter na súa letra a frase que lle dá nome a esta exitosa xira, a canción, que fala das amizades que se van facendo na vida de músico polo país adiante, conta cun tremendo -e emotivo- vídeo onde colaboran moitos dos nomes importantes do rock galego deste século. Vídeo que rolda xa as 250.000 reproducións na rede, o que dá conta do peso e importancia deste fato de rapaces do Val Miñor que, vai xa para quince anos, decidiron xuntarse a facer música.

Festival da Liberdade

  • Non só a ocasión de ver no país por última vez o De cuncas e de Mar de Dakidarría é o motivo para se achegar até o festival da Liberdade. Este evento vaise celebrar os vindeiros días 13, 14 e 15 de outubro na vila de Cangas. A xornada do xoves estará dedicada -alén da presenza de Superoito- ao hip hop, con Xenderal, Rebeliom do Inframundo e Los Chikos del Maíz. O venres pasarán polo escenario, instalado este ano nas Naves de Ojea, KOP, Mafalda, Fanfarria Taquikardia ou Disturbio 77, grupo punk vigués que se volve xuntar para a ocasión despois de varios anos de parón. Por último, a xornada do sábado vén o prato forte, coa presenza de Falperrys, os propios Dakidarría, The Skarnivals ou Porretas e Tremenda Jauría. Como é cada vez máis habitual nos festivais do país, as actividades abranguen moito máis ca os concertos da noite. Deste xeito, o festival da Liberdade conta cunha amplísima programación, na que destacan os interesantes faladoiros, sobre o rap como ferramenta para o cambio ou sobre a figura de Suso Vaamonde, o mercadiño ecolóxico, as actividades circenses ou as sesións vermú onde haberá tamén concertos de balde. O festival hase desenvolver nas Naves de Ojea -os concertos da noite- e mais no L.S. A Tiradoura, no Auditorio Municipal e na Alameda Nova. As actividades do día son de balde e os concertos da noite resultan de pago, con entradas á venda nas vilas do Morrazo e nas distintas cidades galegas. subsistencia para producir nova forza de traballo. Así, nos séculos XVI e XVII produciuse o nacemento da estrutura xeral do capitalismo".

Compartir el artículo

stats