Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aleccionador ensaio

Con poética e preciosa prosa

Aleccionador ensaio

Teño hoxe o privilexio de comentar un libro excepcional: Todos somos Ulises, de Xavier Seoane (A Coruña, 1954). O seu subtítulo resulta revelador: Por unha educación democrática e humanista. Estamos diante dun ensaio que compila moitos saberes, que os aglutina e ordena, que os selecciona e que nos alecciona. En primeiro lugar, anímanos a reflexionar sobre dous dos actos máis transcendentais do ser humano: o de aprender e o de ensinar. Actos que poden ser voluntarios ou involuntarios, pois podemos identificar a vida, todo o que vivimos (os días solitarios, o tedio dos domingos, a aparición das enrugas...) como factores e actores da nosa aprendizaxe. En segundo lugar, despois de lermos este magnífico texto, ficamos coa alma máis clara e co pensamento máis fondo, pois nos incita certamente a pensar.

Seguindo, daquela, o mito de Ulises, Seoane identifica o heroi grego, na súa atribulada viaxe a Ítaca, como o que somos cada un de nós. Navegar significa coñecer. Cada etapa da nosa vida é un avantar nesa navegación. Partimos da ignorancia e imos cara ao saber. Se a vida é unha mestra, a súa etapa máis crucial é a da escola, cando aparece o outro mestre, o encargado de nos ensinar. Partindo, pois, deste principio, e cunha erudición verdadeiramente incríbel, Xavier Seoane reflexiona sobre a vocación, sobre o elitismo non excluínte, sobre a excelencia, sobre o útil e o inútil, sobre a deserción da lectura, sobre o pracer da pedagoxía, sobre o rigor da disciplina e a deixadez da inanición, sobre a intelixencia emocional, sobre o que implican as novas tecnoloxías, etc. Todos e cada un destes capítulos están escritos maxistralmente. Xorden nomes de filósofos, de poetas, de artistas, desde a máis remota Antigüidade até aos nosos días. Unha sabedoría que nos sorprende e seduce pola beleza dos textos citados e pola súa idoneidade para explicar, confirmar ou refutar as ideas sobre as que se medita. Sen dúbida estamos perante un autor cargado de coñecementos, mais tamén dun divulgador que se expresa cunha claridade e cunha agudeza singulares.

Existe outro sentimento que perpasa este volume: a paixón. Só aquela persoa que se apaixona polo que fai posúe tal grao de implicación. Por iso esta obra constitúe un alegato a prol do ensino público, aquel que pode fornecer un coñecemento non mutilado polo dogmatismo ou terxiversado polo fanatismo, outorgando a todas as persoas o mesmo grao de dignidade, isto é, de cidadanía. Un último apuntamento: a prosa de Seoane, poética e preciosa, deslumbra en frases como esta: "un soño que, como todos os soños, e empezando polos do coñecemento e da emancipación, é quizais a máis firme materia coa que se tece a vida humana".

SEOANE, Xavier, Todos somos Ulises, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 21 ?

Compartir el artículo

stats