Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

En Zúric, 1916

Memoria do Cabaret Voltaire

Marcel Janco: Cabaret Voltaire. (1916).

Neste ano celebramos o aniversario da apertura do famoso cabaré hai xusto cen anos. Pero antes do inicio do século XX xa tiñan aparecido en Europa cafés literarios onde se organizaban veladas artísticas con números diversos, desde o recitado dun poema á representación de teatro de sombras, unha desas novidades exóticas chegadas dun Oriente que contiña unha maxia innegable. Un dos primeiros locais foi Le Chat Noir, que abre as portas en París en novembro de 1881, ao que seguirían outros similares en diferentes capitais europeas, como en Barcelona, que en 1897 asiste á apertura de Els Quatre Gats.

Como ten explicado Harold B. Segel, no seu magnífico estudo Turn-of-the-Century Cabaret (1987), nos seus inicios o local denominado "cabaré" carecía do sentido actual da palabra. Alí xuntábanse creadores de moi diferentes expresións artísticas, cronistas, críticos, mecenas e amantes das artes, para realizar todo tipo de experiencias e sobre todo parodiar e cuestionar os valores e os principios do canon artístico dominante. Un dos máis notables foi o coñecido como Teatro do Morcego (1908), á fronte do que estaba Nikita Balieff, aquel magnífico animador teatral a quen Castelao descubrirá en París en 1921. Ao local de Balieff chegaban os artistas do teatro de Moscova para divertirse despois de cada función, e alí facían divertidas parodias das pezas que acababan de presentar nos escenarios da capital rusa, dándolle pulo ao que xa se coñecía como teatro das pequenas formas, tan potenciado por Nikolai Evreinov, antecedente do que hoxe é microteatro.

Cando en 1916 abre as portas o Cabaret Voltaire en Zúric, Suíza era un país neutral onde atopaban refuxio persoas moi diferentes, entre elas Vladimir Illich Lenin. Foi un 5 de febreiro de 1916, e entre os principais promotores están Hugo Ball, Emmy Hennings, Tristan Tzara, Richard Huelsenbeck, Georges Janco, Hans Arp, Sophie Taeuber ou Marcel Janco, autor dun famoso cadro onde recolle o ambiente de caótica creatividade no que transcorrían as veladas artísticas, nas que se mesturaban todo tipo de propostas, seguindo o exemplo de veladas similares celebradas polos futuristas italianos e rusos, e noutros espazos de toda Europa, que trasladaron ao Cabaret Voltaire as súas experiencias, como as do Café Simplizissmus de Múnic. En boa medida a clave estaba na improvisación pura, na creación ao vivo, como mostrará Hugo Ball en poemas como Karawane, que comeza co famoso verso "jolifanto bambla ô falli bambla", e na dimensión inmediata e transitoria da arte, razón pola que na primeira festa dadaísta, celebrada en Zúric un 14 de xullo de 1916, Ball presentará un Manifesto Dadá no que ataca a idea mesma de crear un Movemento Dadá.

O Cabaret Voltaire estivo aberto pouco máis de cinco meses, pois o dono do local, Jan Ephraim, provocou o seu peche polos moitos excesos dos seus habituais, pero nese tempo, e coas actividades celebradas na Galería Waag ou na efémera Galería Dadá tamén en Zúric, colleu forza unha maneira de entender a creación artística asentada na improvisación libre, na exploración de formas e significantes sempre alleos a imposición dun sentido, e no ataque permanente a calquera canon que non fose o seu propio. Así arranca o que hoxe coñecemos como posmodernismo na escena, coa obra de Kurt Schwitters, Oskar Scklemmer, Xanti Schawinsky ou Kurt Schmidt, pero tamén coa de notables futuristas italianos como Enrico Prampolini, Fortunato Depero, Giacomo Balla, ou Luigi Russolo, sempre animados polo incansable Tomasso Marinetti, aínda que unha figura esencial no movemento foi Tristan Tzara, que cando se instala en París en 1920 colabora cun importante grupo de artistas que en 1917 presentaran o espectáculo Parade, no que colaboran Erik Satie, Pablo Picasso ou Jean Cocteau, ao que seguirá no mesmo ano Les Mamelles de Tirésias, sobre un texto de Apollinaire, ou Les Mariés de la Tour Eiffel (1921), xa presentado como "drama surrealista". Logo virá o absurdo.

A escena posmoderna

  • En Zúric comeza a coller forma o que podemos denominar escena posmoderna e que se caracteriza pola exploración e explotación da presentación escénica (performance) e da acción escénica (happening), dúas maneiras de facer cousas, trebellos e brinquedos, que collen pulo nos cursos de verán do Black Mountain College, en Carolina do Norte, a onde Xanti Schawinsky traslada a súa experiencia na Bauhaus, e onde van operar creadores como Jonh Cage ou Merce Cunningham, os cales promoven unha experimentación sen fin coa forma e con todas as mesturas posibles de formas e técnicas. Tamén se afirma con movementos como Fluxus e Gutai, e co "accionismo vienés", ou con Joan Brossa e co colectivo Zaj en España.En Galicia, as pegadas da vangarda escénica déixanse sentir ben cedo, en textos dramáticos de Álvaro Cunqueiro (Rúa 26, diálogo limiar) ou Ramón Otero Pedrayo (Teatro de máscaras), e máis recentemente en espectáculos do grupo Rompente, de Másara 17, de Matarile, e colle especial relevo no festival ALT de Vigo ou en acontecementos como Chámalle X de Pontevedra, onde esa X vén mostrar as dificultades para catalogar e mesmo explicar aquilo que as xentes fan e presentan, e que xa facían moitos daqueles primeiros vangardistas que buscaban des-teatralizar a escena, fronte a outros creadores que coma Vsevolod Meyerhold ou Erwin Piscator buscaban re-teatralizar o teatro. Teorías da fin, na arte e no teatro: todo serve se che serve a ti.

Compartir el artículo

stats