Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Laxeiro sobre papel

Vivencias dunha nova mostra

Debuxo presentes na mostra.

A Fundación Laxeiro presenta na súa sede de Vigo até o 18 de setembro unha mostra dedicada a expor unha serie de obras sobre papel -trece en concreto- do pintor de Lalín, a quen está dedicada a institución. Con esta exposición segue a fundación coa vontade de dar a coñecer diferentes facetas da creación do pintor galego, mesmo despois do exemplar traballo de edición do catálogo universal do artista publicado en 2009. Cómpre felicitarmos á institución, que precisaría un apoio moi superior do Concello de Vigo, acorde coa importancia que ten para a cidade de Vigo e para Galiza.

Nesta ocasión, o conxunto de debuxos que nos ofrece son maioritariamente da década dos trinta -algún dos corenta- e ben representativos do proceso de contrución estilística do artista.

Xosé Otero Abeledo, Laxeiro (1908-1996) foi sempre un debuxante constante desde os seus ensaios académicos até os seus derradeiros anos. Os exemplos de debuxos en todo tipo de formatos e técnicas son abondosos, de xeito que permiten seguir aspectos fundamentais do mundo creativo, da evolución estilística e das obsesións dun creador que, xa antes da Guerra Civil, consegue unha linguaxe propia, cunha pintura que bebe da tradición da escultura medieval, barroca e popular, influenciada por un expresionismo singular, debedor da pintura europea que a partir dos anos vinte recupera plenamente a forma figurativa.

Observar os debuxos de Laxeiro supón enfrontarse aos mesmos problemas conceptuais da súa pintura, á maior parte dos formais e a unha identificación estilística e argumental que integra todos eles. Nin sequera tecnicamente hai unha ruptura tallante entre as pinturas e os debuxos, como tampouco existe temática e iconograficamente escisión. A obra de Laxeiro é un todo que mestura plástica académica e primitivismo popular, psicoloxía e percepción, comunicación e expresión, o que explica de xeito rotundo a súa peculiar visión do ser humano, da vida e mais do mundo que o rodea.

Nos debuxos do Laxeiro dos anos trinta enxergamos a progresiva conformación do seu estilo dentro da estética do granito. O noso pintor é un notábel debuxante, conxugando a atenta observación da realidade -ese ser humano omnipresente no seu traballo- cunha precisa execución gráfica, marcadamente expresiva. Adopta sempre un ollar que ten moito de antropolóxico mais nunca distanciado, interesado pola realidade ordinaria pero tamén por dotar a esta dun sentido máis fondo, xerando tensións. Velaí os dous debuxos de máscaras presentes na mostra, con esa inquedanza que se manifesta entre o real representado e o oculto, tan típica da arte europea de entreguerras.

Laxeiro, debuxante e pintor, é un creador que pertence ao que o coñecido artista expresionista Oskar Kokoschka denominaba "pintores lexítimos", os que non teñen máis remedio que ser expresionistas; para os que a pintura é unha respiración fonda, para os que a arte é confesión, porque parten dunha tensión íntima, dun conflito que está na cerna da súa identidade.

Os debuxos e a pintura de Laxeiro móvense, xa que logo, no territorio do grotesco, no amplo sentido que o termo abranxe, unhas veces esaxerado, noutras ocasións asimilado ao deforme, outras achegado ao satírico ou mesmo ao incongruente. De todas estas lecturas do grotesco participa a arte de noso pintor, co seu gusto polo esperpento e as carautas, o entroido e o caricaturesco. É o seu un "grotesco" popular que afunde as súas raices no mundo social das camadas máis baixas da sociedade que comezara a ser representado na grande arte no século XIX (Courbet, Daumier...) e que en Laxeiro é tamén unha forma de pintar Galiza, o seu país, só entendíbel desde os fundamentos ligados ao pobo, por medio desa imaxineria popular espallada en disfraces, carautas, cabezudos, trasnos, etc.

Título: Laxeiro sobre papel

Autor: Laxeiro. Comisariado: Javier Pérez Buján. Local: Fundación Laxeiro, Vigo. Até o 18 de setembro.

Trece debuxos

  • Os trece debuxos da mostra expóñense en catro vitrinas horizontais, dispostos sen enmarcar e agrupadas temática e estilisticamente.O retrato, os grupos humanos, as máscaras e un desacougante pensador conforman a galería de personaxes cos que Laxeiro vai sinalando os seus intereses estéticos.A través dunha maternidade, un home con chapeu, un fatado de meniñas e outro de lavandeiras, Laxeiro amosa un debuxo moi dinámico, en que a liña limpa de herdanza modernista aínda está presente, igual que nun debuxo de dúas cabezas rotundas que ilustran de forma moi gráfica o seu paso desa estética do modernismo á xa comentada estética do granito.O seu gusto polo esperpento e as máscaras, fulcral ao logo de todo o seu traballo, vese en debuxos coloreados que recollen o ambiente artístico da figuración do período de Entre guerras e a herdanza de toda a tradición do grotesco.O retrato está presente tamén na mostra, con senlleiras cabezas: Rapaz, Retrato ou Cabeza de nena, entre as que salienta o retrato dun soldado na fronte de Asturias, onde Laxeiro estivo como soldado durante o trancurso da Guerra Civil.

Compartir el artículo

stats