Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Megalitismo no areal

O dolmen da Barrosa (Vila Praia de Âncora)

Forte da Lagarteira, ao bordo do mar. // Fotos: tere gradín

Vila Praia de Âncora, unha das máis fermosas parroquias do litoral caminhense, alberga non só unha paisaxe de excepcional beleza, tamén unha xoia de pedra que fala da presenza milenaria dos humanos na rexión. O dolmen da Barrosa -tamén coñecido como Lapa dos Mouros- é Monumento Nacional desde 1910 e un dos máximos expoñentes do megalitismo no noroeste peninsular.

Situada no mesmo centro da vila e rodeada de carballos, a construción, datada no terceiro milenio antes de Cristo, destaca non só polas súas grandes dimensións, tamén polo seu bo estado de conservación nun espazo rodeado de zona verde. O dolmen está constituído por unha cámara formada por oito pedras imbricadas que soportan a gran laxe da cuberta, cun corredor na entrada dun metro e medio de ancho por seis de longo. Dado o seu carácter funerario como lugar de enterramento, supoñen os historiadores que A Barrosa acolleu os restos dos personaxes notables da súa época. Os sucesivos estudos do lugar revelan unha posterior ocupación romana nas inmediacións.

A Lapa dos Mouros é coñecida desde tempo atrás. Foi escavada en 1879 polo investigador vimarenense, afamado entón, Francisco Martins de G. M. Sarmento (1833-1899), nunha época na que a temática dolménica asumía grandes debates entre a comunidade científica europea. A anta foi tamén estudada a mediados do século pasado por João de Castro Nunes. Os seus traballos permitiron identificar a existencia na superficie de tres pedras con motivos decorativos característicos deste "mundo dolménico", con gravados de tipo serpentiforme e signos en forma de "U" inscritos na pedra. As súas dimensións fano destacar no megalitismo do Noroeste Peninsular, sendo o monumento maior e máis importante conservado e atopado ata agora no Vale de Âncora, zona rica nesta cultura.

O inicio do século XXI trouxo outras novidades relativas á historia do lugar ao seren atopados vestixios dunha ocupación romana nas súas inmediacións, que poderían datarse entre os séculos e II despois de Cristo, tal como parecen indicar as análises dos fragmentos de cerámica común e dalgúns materiais de construción como tella romana -tegulae-, que vén ser un testemuño da reutilización dos mesmos espazos simbólicos.

O monumento atópase no centro de Vila Praia de Âncora, parroquia caminhense que conta con outros puntos de interese como o Forte da Lagarteira, situado á beira do porto. Outrora cuartel xeral do gobernador, aínda se poden ver interesantes pezas de artillería perfectamente conservadas. Xunto co Forte do Cão, foi construído en 1690, baixo o mandato do rei Pedro II co obxectivo de protexer esta comunidade dos ataques de piratas.

As praias da vila son demandadas por numerosos surfeiros en busca de "a onda", ademais de contar cun fermoso paseo marítimo perfilado por un extenso areal. Subindo ao Monte Calvario obsérvanse algunhas das mellores vistas deste enclave atlántico. Pode accederse a pé desde a vila a través dunha ruta que culmina na capela de Nossa Senhora de Lourdes. O Calvario ten unha extensa e notable escalinata con cruceiros, a antiga ermida e a gruta situada na cima, desde onde se goza dunha espectacular panorámica. O interior da cova recrea o lugar francés onde apareceu a Virxe de Lourdes.

Pola súa banda, a Capela de São Salvador do Mundo, posúe un corpo cunha sancristía encostada. No seu interior, con cobertura de pedra en bóveda de canón, destacan o altar maior neoclásico coa imaxe de Cristo Crucificado.

O Monte Calvario é lugar de obrigada visita, onde terra e mar se unen, coa Serra D'Arga detrás en abrazo secular e o río Âncora fecundando o seu val milenario. Deslumbrante pola paisaxe que proporciona, hai moitos séculos que a presenza humana deixou aquí vestixios.

Unha anta de museo

  • Ademais de poder visitalo "in situ", o dolmen de Barrosa ten unha réplica no Museo Municipal de Caminha, no centro histórico da vila e situado nun edificio dos séculos XVII/XVIII que, ata ser adaptado a museo e biblioteca en 1989, serviu de Tribunal e Cadea da Comarca de Caminha. Hoxe o inmoble aloxa un espazo museístico que expón unha importante colección de obxectos arqueolóxicos que documentan a historia da rexión desde a Prehistoria á Romanización.O visitante atopa con mostras de como era a vida na Antigüidade, reflectida en obxectos e pezas achados nas escavacións, nas réplicas dos gravados rupestres de Lanhelas, na reprodución do propio dolmen da Barrosa de Vila Praia de Âncora e en moitos outros elementos da cultura castrexa, ben documentada na zona tras os traballos realizados en lugares como o Coto da Pena ou a Cividade de Âncora. Os visitantes teñen tamén un contacto directo co fascinante mundo romano a través dos utensilios que usaban na súa vida cotiá e nos seus intercambios comerciais. Ademais, a viaxe no tempo pode continuar noutros lugares que rexe o propio museo como o Núcleo Museolóxico do Centro Histórico de Caminha na Torre do Relógio e, quen queira coñecer mellor o día a día das parroquias caminhenses, pode achegarse aínda ata o Núcleo Museolóxico da Memória Artes e Ofícios de Riba de Âncora.

Compartir el artículo

stats