Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nos espazos de Un mundo marcado

Da fotografía de Román Pereiro

Ofrecidas.

Resúltame ben difícil separar o obra de Román Pereiro (Vigo, 1933) da súa personalidade vital. Non podería falar da súa fotografía -que vén de presentar no espazo de "El Halcón Milenario" na rúa Cervantes de Vigo- sen pensar no home, un ser concreto que observa e sente, que revela unha actitude vital de intensa curiosidade con todo o que o rodea e que fita coa intelixencia de quen non quere perder ningún pormenor do mundo no que está inserido como coleccionista, comisario, crítico de arte, fotógrafo e dinamizador cultural desde tempos en que nin o concepto estaba claramente definido.

Coas súas fotografías d' Un mundo marcado asistimos permanentemente a unha constante translación, no sentido físico e tamén no sentido formal e técnico, unha permanente viaxe en que as imaxes percorren diferentes ámbitos sociais e xeográficos, cos sutís sinais da presenza humana no elemento natural. Somos transportados -conducidos por unha ollada singular- a unha reflexión e diálogo entre a percepción humana e o medio que nos rodea, inscribíndose o resultado nunha corrente artística que historicamente se ten centrado na edificación dunha conciencia do diálogo do home e mais o mundo, un mundo que abala entre o "natural", o "social" e o "íntimo" ou persoal. No traballo de Román Pereiro, como en calquera obra que implica relación do "eu co "outro", maniféstase o troco, o afecto, a dualidade, creando, xa que logo, unha identificación do artista co medio que quere amosar, con ese mundo balizado e "marcado" ao que fai referencia o título da exposición.

O labor fotografíco de Román Pereiro posúe uns criterios claros e coherentes froito dunha reflexión que evidencia a súa visión desde a súa subxectividade, mais tamén dende unha profunda comprensión do sentido da fotografía -e da vida- no noso presente, froito desa ollada intensamente educada. Os núcleos principais da obra de Román Pereiro son fórmulas que se atopan nas raíces da historia da arte: o pormenor na paisaxe e nos espazos arquitectónicos -tanto de interior como de exterior-. Esta proposta temática non fai máis que poñer en evidencia, e en valor, a gañada identidade do fotográfico, xa que ao se conformar como xéneros clásicos, reafirma a intensa autonomía do novo medio, logo de 150 anos de frutífero percorrido na procura dun sentido propio como medio de creación. O artista é así un elo inserido na construción do discurso estético da fotografía moderna.

Cómpre termos en conta que a principios dos anos 80 xorde unha nova actitude cara a fotografía, que centra o seu interese máis no seu uso para finalidades conceptuais que nas puras intencións estéticas ou documentais, características dos seus predecesores, consolidándose daquela unha mudanza total na maneira de entender o medio, que terá como consecuencia unha diversidade e unha liberdade de enfoque absolutas, aspecto do que a obra de Pereiro é un excelente exemplo, non porque se interese por desenvolver unha fotografía de tese ou marcadamente experimental, senón porque a pureza e clasicismo das súas imaxes, pola súa mirada que é filla dunha liberdade que non se podería entender sen os procesos seguidos pola fotografía nas últimas décadas.

O fotógrafo ofrece unha serie de visións da súa contorna que se afasta de vez de calquera compracencia e de calquera retórica. Non hai sombra nelas da procura dun refuxio espiritual, mais si se percibe unha acentuada preocupación pola análise de factores que sirvan para entender o sentido profundo da vida -con esa procura de sinais, de marcas, do humano-, levando a cabo unha reflexión sobre a relación co medio máis inmediato -natural e social- e polo tanto as súas obras manifestan un interese por captar en qué medida este medio inflúe nas concrecións artísticas.

Título: Un mundo marcado. Autor: Román Pereiro Alonso

Comisarios: Javier Pérez Buján e Federico Fernández. Local: El Halcón Milenario, Cervantes, 18, 1º dereita, Vigo

Experiencia estética e vital

  • "O tema da obra é a toma de conciencia en si mesma", a frase de Paul Valéry que eu tomo de Enrique Vila-Matas, ben pode resumir o conxunto da obra de Román Pereiro mais coido que tamén compendia a súa actitude vital. Para o autor a procura da imaxe exacta, verdadeira é unha actitude de busca que semella moito a loita por conseguir a palabra exacta para algúns poetas, que converten o axexo das verbas nun eterno palimpsesto, un constante escribir e reescribir. A imaxe do palimpsesto resúltame iluminadora ao aplicala ao mundo fotográfico que na era dixital se converte nun constante fixar e borrar e novamente fixar, nun exercicio de permanente pescuda. A final nestas imaxes, cheas de referencias estéticas e dun rigor formal que ten no encadre o seu alicerce, está a experiencia persoal que fica inmobilizada e viva a nosa memoria. O froito logrado dunha ben intensa experiencia estética e vital.

Compartir el artículo

stats