Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con xustiza poética

Unha novela das emocións

Con xustiza poética

María Solar estréase na literatura para público adulto con As horas roubadas, unha novela que nos traslada a unha España cunha democracia acabada de estrear onde os vellos valores morais aínda teñen máis peso que as ideas aperturistas que nese momento comezaban a verbalizarse e a visibilizarse. A autora sitúanos nese panorama polarizado a través de dúas familias que representan ambos posicionamentos e que verán os seus destinos entretecidos polo amor. Velaquí o tema principal da obra: o amor como sentimento capaz para transformalo todo, mais sobre todo como emoción resistente e resilente.

Resulta complexo sinalar un único protagonista no texto, porque sen chegar a ser coral nun senso tradicional, ten un deseño arbóreo: o lectorado vese avocado a seguir en certos momentos a póla que nos desvela o destino de cada un dos personaxes.

E dependendo a quen outorguemos maior ou menor importancia, será esta unha novela de aprendizaxe, ou quizais un texto sentimental, ou é ata probable que comparta certos elementos coa narración intimista e parentesco coas ficcións de intriga. Mais o que é innegable é que As horas roubadas é, ante todo, unha novela das emocións: das que nos (con)moven por dentro, das que nos remexen, das que provocan que reformulemos cal é o propio camiño, das que cuestionan que parte do noso pasado non podemos superar ou cal pode ser ese treito da nosa propia historia familiar que non coñecemos. A tensión narrativa susténtase xustamente no cruzamento desas pólas que son os caracteres, nesas galladuras inesperadas que achegan non só a sorpresa, senón unha outra perspectiva sobre o resto de actantes, desvelando os ángulos ocultos que todas e todos gardamos. Son eses xiros argumentais, e as pequenas prolepses que se introducen de cando en vez, o que fan avanzar unha lectura que xa de por si flúe naturalmente lixeira (pois hai unha procura traballada e consciente da sinxeleza que facilita ese degoro lector por seguir debullando a historia).

Ese protagonismo de todos e de ninguén ten que ver co desexo de reflectir un tempo de transformacións, o que se evidencia tamén nunha remarcada ambientación que segue a premisa do "menos é máis" e que se recrea na importancia da televisión na época como elemento aglutinador do núcleo familiar, como se recrea nas visións sobre o que significa ser muller para uns e para outras. Dende a liberdade de Lola e a capacidade para decidir o propio destino grazas a recén estreada lei do divorcio (símbolo dunha familia máis aberta e dialogante, en ocasións demasiado perfecta), ata as limitacións e vexacións que sofre Rosa, que ten que pedir permiso mesmo para vestir (imaxe dun fogar moi conservador e con gran sufrimento interno). A historia da vida das mulleres exemplificada de maneira simple, pero efectista. A loita entre o que se quere ser e o que queren os demais que se sexa, que se estende dende as xeracións precedentes ata as fillas destas mulleres que se van atopar, de novo, con obstáculos moi semellantes aos das súas avoas, mais cun panorama mudado.

O final, que non desvelarei, semella querer facer xustiza a eses personaxes que se buscan sen acabar de atoparse. Quizais demasiado feliz, porque o amor é unha pulsión que en ocasións busca na ledicia duns mentres procura a tristura noutros. Ou quizais non, porque Solar se ten desvelado como unha voz autorial optimista e como tal, o seu hábil manexo das emocións tamén o é. Sempre arrastra o seu lectorado cara a unha beira positiva que deixa ese padal de "xustiza poética", que contrasta cunha realidade por veces escura. E aquí, despois de ler, a realidade transfórmase. "Sempre, sempre, sempre". Queden con esta frase.

SOLAR, María, As horas roubadas, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats