Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Metamorfose e declaración

Con explícitas denuncias

Metamorfose e declaración

O libro que agora comento, Masculino singular de Carlos Negro (Lalín, 1970), é unha metamorfose e unha declaración. Quero dicir, proclama a necesidade dunha metamorfose, non unha mudanza de pel, mais unha mudanza de papel do home na sociedade. Non se trata dunha mutación cosmética, mais esencial que compete ao máis profundo do ser para o transformar. Mudando a nosa esencia mudamos o rol que desempeñamos nunha sociedade fondamente patriarcal onde imperan os valores machistas: o home que manda, o que se impón na manada, o que impón con violencia a lei do máis forte. En segundo lugar, é unha declaración de principios. Os principios son as crenzas que temos para nos guiar na confusión do mundo, mais tamén son as ideas coas que podemos comezar a ser o que queremos ser: sermos libres de ser o que queiramos.

A infatigábel intransixencia deste discurso enche o texto de denuncias explícitas. A primeira parte, "Técnicas de afeitado", contén o duplo gume da ironía e da alegación contra o arquétipo masculino: o home que se barbea, metáfora onde o poeta di: "Tamén, ás veces, no transcurso do rito, acontece o corte brusco, o tímido fío de sangue, o verso que mana do gume afiado, súbita dor en carne viva, ferida que cicatriza co apósito da linguaxe". Estereótipos que reciben o sarcasmo en "Pinturas rupestres", cheo de burlas iconográficas. "Normalización lingüística" afonda na amargurada constatación de que a nosa sociedade consente e é cómplice dunha absoluta humillación da muller como obxecto sexual, como cousa que pode ser usada. A seguinte sección, "Fráxil&Femíneo&Delicado", reivindica un novo home, expurgado da súa condición opresora: "Pe de lle pór pretérito perfecto/á pauta que pretende o patriarcado". Apreciamos nestes versos o hábil uso da aliteración para enfatizar a mensaxe poética, a ira, a indignación contra o que se considera caduco e absurdo. Fronte a estes prototipos, secularmente adquiridos, o noso autor reclama: "Eu, en troques, esixo a tenrura pró meu sexo".

A sección ulterior, "Puntos de fuga", é a máis extensa e a máis intensa. O estilo do poeta faise máis subtil e, portanto, máis incisivo. Acódese á cultura popular (o cinema, mais tamén á referencia erudita) para optimizar o carácter subversivo da escrita, aquel que quere darlle volta á situación. A derradeira parte, Materia estelar, fala, como algúns poemas precedentes, da experiencia da paternidade. Para min son os versos máis conmovedores, fondos e apaixonados do poemario: "E dixo o Oráculo:/O día que devores/unha cabeza de peixe/para lle deixar a mellor carne ao teu fillo,/ese día, por fin,/serás digno/como o monarca que abdica do seu trono". Que así sexa.

NEGRO, Carlos, Masculino singular, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 12, 50 ?

Compartir el artículo

stats