Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Bretaña segundo Cunqueiro

60 anos d'As Crónicas do Sochantre

Vista parcial do centro histórico de Pontivy (Bretaña).

1956: Álvaro Cunqueiro edita en Vigo As crónicas do sochantre. Un autor imaxina, só a partir de mil e unha lecturas, unha terra que coñecerá máis tarde. Cando se fala desta obra de Cunqueiro, moitos sinalan a súa inactualidade, o seu "estar fóra da súa época" (o realismo social da novela española dos anos 40 e 50). Hai mesmo quen falou da fabulación cunqueiriana como un "escapismo" literario no franquismo.É posible situar as crónicas no seu momento, na súa circunstancia de escrita e publicación?

En primeiro lugar, resaltemos unha idea da que se fala pouco: as crónicas non xorden das moitas lecturas francesas de Cunqueiro. Dentro da partida de brisca que supón a constitución da tradición dunha literatura nacional, o mindoniense bota a súa carta seguindo o pau que botaran antes, na mesma partida, Risco e Castelao. As crónicas son tamén unha homenaxe e variación do Doutor Alveiros de Risco e de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete de Castelao: con alusións moi finas, pouco estudadas aínda, Cunqueiro traza un fío de ouro con eses precedentes da grande Literatura Fantástica en lingua galega. Trinta, corenta anos despois?

En segundo lugar, Cunqueiro é un adiantado a moitas cousas. En 1964 ensarilla historias de almas narradoras que viaxan nun carro ao estilo do da película de Viktor Sjöstrom ou do Dead man de Jim Jarmusch; unhas historias cheas de crimes do século XVIII na liña de O perfume de Süsskind, presentando o século XVIII que logo se poría de moda con Barry Lindon e Amadeus. No gusto pola alusión agachada, pola intertextualidade, polo xogo co xénero narrativo (mete unha peza de teatro e mesmo un catálogo final de personaxes nos que prosegue a narración), no cambio de punto de vista..., Cunqueiro estase adiantando a moito do que pasou despois na novela: a experimentación formal, o boom da novela histórica, o xogo de perspectivas.

En terceiro lugar, o milagre das crónicas vén do que non se presenta na novela tanto como do que se presenta. Así, aparece moi pouco o fenómeno da Revolución Francesa; pero? sen dúbida sabía Cunqueiro que Pontivy, precisamente Pontivy, fora unha verdadeira illa librepensadora e republicana no Sur da Bretaña, case cercada polas tropas realistas e pola "Chouanerie"? Esta viaxe espectral polos camiños de Morbihan era probablemente a única que se podía facer segura en 1793; e o propio libro enteiro representa un canto funerario polo Antigo Réxime, un canto funerario cheo de retranca e humorismo, que retrata con pasmosa frialdade a crueldade dese Antigo Réxime. Se para Chateaubriand (outra das fontes de Cunqueiro, especialmente coas súas Memorias de ultratumba) todo era máis fermoso "antes da Revolución"? a sucesión de crimes, inxustizas e hipocresías varias que se ven nos relatos contados nesta espectral viaxe supoñen unha visión ben diferente.

As crónicas do sochantre supoñen un dos cumios da Literatura Galega e a súa lectura é unha experiencia, estética e emocional, inesquecible. É coñecida a anécdota de que cando lle preguntaron a Cunqueiro qué pensaría tras unha viaxe "real" á Bretaña "auténtica" (viaxe que fixo en 1964), dixo algo así como: "Eu describín a Bretaña da miña imaxinación; se a Bretaña real estaba equivocada, é problema dela". Por certo: sabían vostedes que na súa viaxe "real" a Bretaña en 1964 foi acompañado por Paolig Monjerrat, grande folclorista bretón, que comezara a súa afección musical de neno tocando o bombardino? Moito do que rodea a aparición desta novela ten algo de máxico azar.

Humorismo intertextual

  • Os lectores de Cunqueiro poderíamos aspirar quizais a unha edición do texto galego no que desaparecesen algunhas erratas (delas fala Cunqueiro na súa correspondencia con Fernández del Riego, afortunadamente xa editada por Dolores Vilavedra, onde hai moitas claves para asuntos que rodean a edición da novela). Pero o galego de Cunqueiro é tan vizoso que as grallas adquiren categoría de variante lingüística. En todo caso, si conviría unha edición ben anotada: é tal a cantidade de referencias literarias, artísticas, históricas,? que o lector corre o risco de perder moito do humorismo das páxinas. Só sinalaremos unha, para rematar: na historia de Madame de Saint-Vaast ("Clarina") hai unha referencia elegantísima a unha importante novela inglesa, Clarissa ou a virtude recompensada, de Samuel Richardson (1748), unha das máis populares en Europa no século XVIII. Comparar o argumento de Clarissa coa historia que conta Madame de Saint-Vaast dá un dos mellores momentos do humorismo intertextual cunqueiriano.Despois do Sochantre viñeron outras Bretañas á cultura galega: veu a obra de Méndez Ferrín. E veu Bretaña Esmeraldina; pero xa chegaran antes, nos anos 70, os discos de Alan Stivell e as noticias da reivindicación da lingua e da cultura bretoa no moi centralista Estado Francés. Sabería Cunqueiro que Pontivy, precisamente Pontivy, sería nos anos 70 e 80 un dos centros desa reivindicación (como o fora nos anos 30-40, mesmo cunha alianza entre nazis e nacionalistas bretóns)? Saberá Cunqueiro, estea onde estea, que Pontivy é un dos concellos da actual Bretaña en que a recuperación da lingua bretoa está máis viva? En todo caso, queremos dedicar este texto á amiga Olga Novo, que estivo por alá e sabe moito máis das Bretañas galegas e das Galizas bretoas. E para ti, Álvaro Cunqueiro, desde o teu FARO DE VIGO un saúdo, alá nas Bretañas das estrelas.

Compartir el artículo

stats