Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cor, xesto e discurso

Rosa Úbeda na Fundación Laxeiro

Grafismo e utilización de planos de cor no discurso pictórico de Rosa Úbeda.

Na viguesa Fundación Laxeiro pódese contemplar a mostra Anomía, unha pequena e atractiva escolma de obras de grande formato e de diferentes épocas da pintora pontevedresa Rosa Úbeda, unha artista que se desenvolve dentro dunha tradición temática de compromiso ético e que ten na cor e no debuxo elemental uns sólidos soportes formais, con moito de xestual.

A exposición, comisariada por Javier Pérez Buján, amosa a singulariadade da sintaxe pictórica da artista, o seu persoal xeito de expresión de trazo e cromátismo.

A pintura de Rosa Úbeda, tecnicamente baseada no grafismo e na utilización de planos de cor, ten unha forte vontade de discurso, de carga semántica, que o emprego que a artista fai do texto expresa con toda claridade. A preocupación polo individuo e a súa situación no contexto social semella presidir moito do discurso da pintora, utilizando o debuxo como unha especie de escrita continua, moi evidente de "lermos" as obras ligando unhas ás outras. Unha continuidade que se manifesta nomeadamente no plano formal e estilístico, sen xerarquizacións e sen inflexións semánticas do trazo. O rigor da liña, na súa aparente simplicidade, amosa cómo esta está ao servizo dunha idea. Rosa Úbeda debuxa e pinta para comunicar, para interpelar, para interrogar, para afirmar -mais sempre cunha fonda vontade pictórica-, creando un conxunto de debuxos ligados entre si por unha mesma lóxica e por un mesmo plano discursivo.

As cores completan este dialogo e ao tempo afirman a forte carga pictórica, en que se integran imaxes ben variadas, proxectando unha visión intensamente dinámica do universo da artista, cunha a narratividade explicita e un o pulo vital que o mundo da pintora transmite, conformándose como unha auténtica iconografía persoal.

O título da mostra, Anomía, coa súa carga semántica de mundo liberado das regras sociais e lingüísticas, sitúa a subxectividade e o eu nun primeiro plano, mais sempre con vontade de comunicar e reflexionar cara o universal. É a súa unha obra que mestura o sufrimento co gozo, o pracer e a violencia, sen agachar a carga sexual, na que a ambigüidade funciona como resorte visual, que provoca en primeiro termo, para logo favorecer a reflexión. Neste sentido sérvese do mundo mitolóxico, especialmente do bestiario (centauros, unicornios, minotauro...) como un soporte referencial.

A representación da muller preside a maioría das súas obras, tiradas da tradición visual da nosa cultura -desde a arte exipcia e a iluminación medieval até Picasso-, con evidentes representacións da violencia ou do fetichismo contemporáneos, usando trazos aparentemente "primitivos" que serven como evidencia da multiplicidade de lecturas que posibilita a representación, en especial da muller, incidindo na súa utilización, na súa "cousificación", instrumentalizada polos distintos mecanismos de manipulación e opresión do poder (e dos poderes concretos), aspecto este último que adquire unha enorme relevancia no discurso da autora. Neste senso lembra en ocasións a obra de pintoras como Paula Rego ou Nancy Spero, aínda que en Rosa Úbeda teñen unha importancia relevante temas máis xenéricos como a incomunicación ou o sentido da vida, e as reflexións de carácter filosófico.

Mais, cómpre deixarmos claro que a concepción creativa de Rosa Úbeda non parte dun puritanismo protector-denunciador sobre a situación do mundo ou sobre situacións de opresión concretas como a da utilización da imaxe da muller. A pintora sérvese deste presupostos para afondar na realidade vital e en especial no universo feminino, sentido como vizosa fonte de vida, de creación e de elucidación das nosas máis intensas raíces culturais, con toda a súa carga problemática, mais tamén con todo o seu vigor.

Título: Anomía. Artista: Rosa Úbeda. Comisario: Javier Pérez Buján. Lugar: Fundación Laxeiro, Casa das Artes, Vigo. Até o 10 de xullo.

Contar, indagar, comprender

  • É pois o seu un ollar proxectado sobre o individuo e a sociedade, froito dunha observación atenta e penetrante do contexto social e cultural, mais cunha vontade manifesta de que o eu narre, conte, comunique unha determinada percepción desa realidade, non querendo de ningún xeito permanecer á marxe da problemática do seu tempo.A pintora afronta, daquela, o feito artístico como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con motivos de intenso contido vital, social e mesmo filosófico. Obras como S. T. (1998); Alrededores del bosque de Nemi 2 (2005); Alégrame el día (2006); O grande barulho (2015); S. T. (2015) ou Rare dog (2006), presentan o proceso evolutivo da artisa no formal e mais no temático. Inspiradas nas lecturas, na tradición da representación artistica, na problemática social e na percepción desde o eu das distintas realidades, son, xa que logo, exemplos dunha actitude, convulsa -no sentido máis creativo- no conceptual, e dunha enorme liberdade formal.

Compartir el artículo

stats