Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Game Changers

Reinventando a silueta do século XX

Cartel anunciador da exposición.

Neste ano 2016, o calendario de exposicións de moda está ben nutrido de propostas revisionistas. Les Arts Décoratifs, en París, realiza un friso cronolóxico inédito de tres séculos na exposición Fashion Forward. O Modemuseum de Hasselt, en Bélxica, analiza da súa parte as influencias recíprocas entre alta costura e mais a confección na mostra Haute-à-Porter. O Rijksmuseum de Ámsterdam reúne modas relacionadas con Holanda dende 1625 até 1960, na retrospectiva Catwalk. O Costume Institute no Metropolitan Museum of Art de Nova York, revisa as técnicas de manufactura na alta costura e na confección de vangarda, na exposición Manus x Maquina. En fin, o Mode Museum de Antuerpen, entre o 18 de marzo e o 14 de agosto, revisa os trocos de silueta no século XX na mostra Game Changers.

Comisariada por Karen van Godtsenhoven con Miren Arzalluz e Kaat Debo, a exposición antuerpiana é sintomática da natureza das novas exposicións de moda da segunda década do século XXI. Celebrada nun museo monográfico; contendo moda viva do momento da súa celebración e moda contemporánea doutras décadas abrangue un período de tempo amplo, pero non é cronolóxica de seu, senón analítica. Unha mostra, pois, exclusiva de moda, sen apoios noutras artes, nin alusións; ordenada con rigor académico e cun equipo profesional en textos e na instalación.

A coñecida herdeira, musa de deseñadores, artista e cantante, coleccionista de moda e promotora de novos creadores, Daphne Guinness, salienta a exposición e o seu catálogo como académico; e afirma que a mostra serve para ilustrar cómo a roupa ten servido para documentar a historia.

A exposición ordena as transformacións da silueta en torno a deseñadores esenciais. Primeiro o corpo liberado do corsé por Paul Poiret, Madame Vionnet, Coco Chanel. Logo a transformación da silueta co new look, adiantado por Cristóbal Balenciaga uns dez anos antes que esoutro de Christian Dior, datando unha silueta con volume na saia e cintura de abella asinada polo creador vasco na década dos 30. A figura de Balenciaga devén, polo demais, central na exposición, pois é un eixo entre os dous períodos da primeira e segunda metade do século. O gran cr4eador acada a transformación arquitectónica do corpo coa súa silueta dos 40 e mais as posteriores evolucións da mesma, que deixaban de centrar o corpo no busto e cintura, para centralo en cadeiras e ombros.

As innovacións realizadas por Louise Boulanger, Paco Rabanne, Pierre Cardin e André Courrèges son notorias nos anos 60 e 70. Os trocos nas siluetas dos 80, coa transformación operada nas costas e os ombros, por deseñadores como Thierry Mugler e Claude Montana é subliñada na mostra. As transformacións axeitadas polos deseñadores belgas Martin Margiela e Ann Demeulemeester e esoutras dos deseñadores xaponeses, como Issey Miyake e Comme des Garçons, son esenciais dende os anos 80 e 90. A moda e a silueta, así presentada pola exposición, é máis que unha secuencia de tendencias, erixíndose como unha maneira de dar forma ao corpo.

A colección de Rei Kawakubo de primavera verán 1997, Body meets dress, dress meets body, exponse igualmente na mostra de Antuerpen, denotando con contundencia como as formas no corpo se teñen convertido no abc da moda. A exposición reúne máis de 100 siluetas de alta costura e prêt-à-porter do propio MOMU, do V&A en Londres, do Palais Galliera en París, do Museum at the Fashion Institute of Technology en Nova York e do MUDE de Lisboa.

Balenciaga

  • No inicio dos anos 40, Cristóbal Balenciaga, inspirado nos deseñadores do albor do século como Paul Poiret, Callot Soeurs ou Madeleine Vionnet, procurou unha nova relación do corpo coa vestimenta. Tomando o kimono como referencia, coas costas redondeadas, as mangas caídas e o escote das costas aberto, foi de introducir a liña larva ou barril: unha silueta onde cadeira e costas eran preeminentes fronte ao busto e a cintura.No verán de 1942, Balenciaga presentou a chaqueta redondeada da silueta larva. Cando Dior cativou co seu new look, en febreiro de 1947, cos ombros redondos, cintura enfaixada e saia voante, estaba a empregar unha silueta historicista toda vez que ditas formas xa foran propostas por Balenciaga no verán de 1939, cos chamados Vestidos Infanta , inspirados nos traxes de corte españois do século XVII. Pola contra, nese ano de 1947, a colección de Balenciaga presentaba como prendas estrela , abrigos ¾ e chaquetas con forma de larva. A silueta larva fíxose un clásico, utilizada de súpeto polos outros costurerios como alternativa. No inverno de 1947, Balenciaga presenta a liña barril, unha silueta que permitía o movemento da corpo. A silueta larva, foi unha alternativa liberadora fronte ao enfaixado New Look de Christian Dior. Máis aló duns vestidos, abrigos, chaquetas e traxes de noite maxistralmente cortados, aparecía unha forma fluída que avanzou no tempo cara a un sempre maior refinamento estético e técnico.

Compartir el artículo

stats