Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Soñar e Crear

No camiño da Apocalipse Nao

O venres 13 de maio preséntase oficialmente o novo disco, dobre, de Nao. Será na sala Capitol de Compostela e a banda da Estrada estará acompañada de Poetarras e Monolious Dop. Rechama un chisco a escolla dos grupos convidados nesta presentación, pois nin Poetarras nin Monolious transitan os camiños metaleiros habituais de Nao, mais o que si é certo -e por aí de seguro ían as intencións da banda- é que a combinación promete unha noite de festa. Poetarras son o máis fresco e ácido que ten saído nos últimos anos na música galega -en palabras dos propios integrantes de Nao a semana pasada no Onda Vital da Radio Galega- e Monolious Dop presenta a nova formación, con banda acompañando os dous integrantes, co que o seu directo sumará forza á enerxía e alegría que xa ten o dúo de seu.

Imaxe do grupo Nao nun dos seus concertos //Fdv

Soñar e Crear: dous EPs que, malia ser presentados conxuntamente, son traballos diferenciados. Supoñen os pasos 3 e 2 nesa conta atrás que a banda comezou hai agora un ano, cando anunciou o inicio da derradeira etapa da banda, camiño dunha fin que non ten aínda data fixada mais que virá despois da publicación do vindeiro disco, que será aparentemente o derradeiro, a última vez que Nao pase por un estudio de gravación. Precisamente nesta etapa que abriron o ano pasado, camiño da "Apocalipse Nao", é cando o grupo está a ter máis recoñecemento entre o público galego.

Os compoñentes de Nao // D.Lavesedo

Tanto en salas coma en festivais Nao arrastra cada vez máis xente -e xente ademais moi nova- e tamén na rede os seus temas contan con milleiros de reproducións nas principais plataformas. Para calquera banda isto podería ser tentación abonda para adiar ese remate prefixado, mais semella que desafortunadamante isto non vai acontecer con Nao. Téñeno dito en máis dunha ocasión. De seguiren, só o farían se puidesen estar ao mesmo nivel que a banda vén traballando nestes dez anos de andaina e é moi complexo manter o nivel de esixencia que supón un proxecto coma o de Nao, absolutamente profesional en todos os sentidos -calidade, ensaios, xiras, gravacións, etc- mais que non é o modo de vida dos seus integrantes, que teñen outros traballos e unhas familias que sofren as consecuencias desta duplicidade laboral.

Os dous novos EPs foron publicados no mes de abril, os martes 19 e 26, e automaticamente dispoñibilizados para escoita e descarga de balde na rede. Trátase de dous feixes de cinco cancións. Foron gravadas en Pousada Son -no caso de Soñar-, o estudio habitual de Nao e con Iago Dopico de produtor. Gravar en Pousada para eles é gravar na casa. Os da Estrada acadaron o seu son de vez da man de Dopico e as contundentes "Voltaremos" e "Bonito funeral" son boa mostra disto. Para gravar o segundo EP, o grupo viaxou até Euskal Herria, aos Estudios Garate de Kaki Arakarazo. Aló, nese templo do rock que xa escolleran para a súa estrea discográfica no 2007. As palabras espidas, foron gravados os temas de Crear. Aos integrantes do grupo apetecíalles volver aos estudios vascos para poder exprimir todo o potencial na gravación e produción que ofrecen, cousa que non deran feito de vez no 2007. E fixérono, pois esta presada de cancións soan máis a Nao ca ningunha outra e asemade amplian o abano de estilos en que se move a banda. A moi roqueira "O sacrificio", a moito máis pausada "Coma irmáns", cuns aires folkies engadidos pola trikitixa ou "Somos río", máis ortodoxa, máis metaleira son mostra do que nos ofrece Nao en apenas cinco cancións.

A presentación "oficial" dos novos traballos en Compostela non vai ser a única ocasión de ver ao vivo aos da Estrada estes días. O 16 de maio estarán en Vigo xunto a Rebeliom do Inframundo e o 20 de maio na Coruña.

Compartir el artículo

stats