Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aventura equinocial

Unha ateigada intensidade

Aventura equinocial

"Como poder imaxinar a que determinada rexión dos primeiros séculos poden conducir os pés dun home libre no camiño da soidade, da extrema soidade?" Non son palabras de Os kowa, senón de O corazón da escuridade de J. Conrad, un libro e un narrador aos que tanto nos fai lembrar a novela de Xavier Queipo coa que obtivo o Premio Blanco Amor 2015. Porque boa parte das páxinas de Os kowa achégannos unha historia constante de soidade extrema, un combate de antagonistas. A novela é certamente una celebración da aventura, que salienta na súa trama as viaxes, o misterio, o risco en ambientes descoñecidos ou exóticos. E algo máis: unha indubidable viaxe interior, unha iniciación e non poucas descubertas existenciais que antes non se tiñan como lle aconteceu a Marlow no corazón da escuridade ou a Odiseo nos dez anos de aventuras polos mares e illas mediterránea antes de volver a Ítaca. Con razón, xa que logo, afirma Xavier Queipo que a aventura está no ollo do que mira?na capacidade de expansión do universo propio.

O incipit narrativo de Os kowa é Europa, para trasladarse logo á selva amazónica, ao mato que serve de fronteira entre Brasil, Colombia e Perú. Ata alí viaxa unha expedición da que forma parte o protagonista, para estudar a fauna invertebrada e a flora vascular da Amazonía. Capturados os seus compañeiros por homes armados, o protagonista fica só na selva, condenado a saír da mesma polos seus propio medios. Nunha espiral de desesperación e tolemia, desprázase río abaixo coa esperanza de atopar indios. E así comeza unha abraiante aventura equinocial ateigada de peripecias, incógnitas e achados. Un periplo pola selva cun correlato dos feitos que a voz narrativa nos traslada en primeira persoa desde dentro da historia. Río abaixo, nunha balsa, na procura de xente, combatendo o medo e canoando só pola noite. No desenvolvemento da trama, cómpre salientar o encontro cun seringueiro, unha fenda aberta á esperanza. E nomeadamente con kowa, indios pacíficos cunha cosmogonía de seu: homes e mulleres separados na vida diaria, convivindo un único día, cada tres lúas, nunha gran festa seguida dunha cerimonia alucinóxena e un frenesí sexual. A celebración carnal dos sentidos entre augas sulfurosas. Un rito ancestral con finalidade reprodutora, en cuxa descrición a prosa de X. Queipo acada, unha verdadeira ardencia narrativa.

Volvendo á cerna da novela, subliño que Os kowa é unha novela de aventuras, mais catalogala unicamente como tal, significaría simplificar o incuestionable valor desta peza literaria. Como nas aventuras de Conrad, as que atopará o lector son distintas das viaxes axexadas soamente polos perigos da natureza, xa que se trata dun enfrontamento interior do home co seu destino. Xaora, unha viaxe interior da que forman parte as profundas reflexións sobre o xogo de equilibrios entrópicos, a espiral da evolución non lineal, a defenda das tribos, as críticas do eurocentrismo ou brancocentrismo, as visións nesgadas dun occidental que mide a realidade polos seus exclusivos parámetros. Sen renunciar á andamiaxe canónica do subxénero (saída-viaxe-retorno), o autor logra articular un relato ateigado de intensidade, no que os compoñentes científicos e o substrato ético non cangan o alento narrativo, intenso e desacougante; cun estilo de prosa no que predomina unha tonalidade que abala entre un audible murmurio de fondo e unha tensión aburadora. En resumo, unha cumprida novela para engadir ao fardel narrativo de X. Queipo.

QUEIPO, Xavier, Os kowa, Editorial Galaxia, Vigo, 2016, PVP. 17 ?

Compartir el artículo

stats