Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Caudal creativo

Revisitar a Manuel María

Caudal creativo

Os versos de Manuel María son o leiv-motiv perfecto para seguir as súa intensa andaina vital en Labrego con algo de poeta, o estudo biobibliográfico do autor da Terra Chá que Mercedes Queixas Zas preparou para a Editorial Galaxia co gallo das Letras 2016. Sinteticidade e intensidade son, seguramente, as dúas características máis senlleiras deste ensaio (entre a acaída crítica literaria e a necesaria divulgación) que nos leva, lixeiro coma un río, pola vida e a creación do escritor e do home que nunca deixou atrás as súas conviccións. A sintecidade faise precisa, e mesmo se agradece, nun volume deste tipo, que ten a complexa laboura de condensar a inxente traxectoria creativa do autor coa vizosa existencia do home. A intensidade, conseguido primeiramente isto, é inevitable: Manuel María viviu como escribiu, entregado, ás veces mesmo desbocado, esixente, atento ás problemáticas político-sociais ás que lle tocou enfrontarse. O chairego é erixido e reivindicado pola autora nun modelo irrenunciable nestes tempos, dende a decidida e clara aposta vivencial ata o inxente esforzo autorial.

En consonancia con isto, Labrego con algo de poeta conta cunha obrigada rapidez -imposible sería doutro xeito abordar esta figura tan poliédrica- que, porén, non lle resta precisión. De feito, ademais de afondar no cauce vital e creativo do autor, Queixas realiza un atinado esforzo por contextualizar as súas angueiras no marco dun ambiente cultural galego extremadamente cambiante: primeiro oprimido, despois resistente e logo agromante. Velaquí outra das dificultades que a estudosa soubo superar con significativo acerto: o variado público lector para o que está pensado o texto, que pode ir dende o alumnado de secundaria a un lectorado máis especializado que pretende coñecer mellor ao outeiriano. Neste senso, quizais se bote en falta unha citación máis precisa para este último espectro lector, pois moitos dos fragmentos elixidos para explicar a Manuel María son altamente reveladores e, tal e como se presentan, resultan dificilmente localizables nos textos de orixe.

No marco dun traballo de síntese de tal magnitude, Queixas insiste en cuestións moi relevantes para entender quen foi e que significou a figura biografiada máis alá da súa inxente obra: o seu compromiso a prol da lingua galega dende moi diferentes perspectivas (activista cultural, ensinante, libreiro, editor, poeta?) e a súa militancia política na clandestinidade. En canto ás múltiples obras creadas, a súa abordaxe tampouco é doada: en moitos casos o desfase entre o tempo da escrita e o da saída do prelo é tanto que a súa interpretación se complica, se ben a autora aposta con grande acerto por contextualizalas no momento da súa escrita. En certos momentos, esta biografía-río toma algunhas pausas para demorar en certas creacións ou experiencias vitais moi significativas para o autor: ocorre así, por exemplo, coas frustracións do poeta por non poder estudar Filosofía e Letras, coa abordaxe do mítico poemario Terra Chá ou coa composición e significación social d'Os soños na gaiola.

Queixas convértese xa, con este Labrego con algo de poeta, en experta divulgadora. E iso, é sempre de agradecer, tanto polo entusiasmo pola figura que presenta ao público lector, como polo ton literario que practica en certos parágrafos e que axuda a singularizar o traballo do tipo de produción derivada das efemérides das Letras. Quizais, o camiño colectivo principie por aí: que a figura homenaxeada e o seu estudo superen o mes de maio e fiquen para quedar, máis alá de datas de caducidade. Este volume aposta por ese camiño.

QUEIXAS ZAS, M., Labrego con algo de poeta, Ed. Galaxia, Vigo, 2016, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats