Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Esmeraldina volve

Para alén da traxedia

Esmeraldina volve

O concepto de precuela, que se utiliza na industria artística para nomear unha obra que aparece despois dunha entrega precedente, pero que na cronoloxía propia da saga se desenvolve no pasado, cobra neste caso unha significación especial, dado que coñecer as orixes de Escarlatina, unha cociñeira falecida no século XIX, agora convertida en Esmeraldina, chega a acaparar a atención do público mozo que gozou cos movementos da pequena e coas súas suxerentes e suxestivas receitas, aderezadas todas elas cunha boa dose de enxeño culinario que provoca un auténtico desfile de sensacións e emocións.

De morta Escarlatina e de viva Esmeraldina, a nena deixa este mundo de forma definitiva para converterse na pequena defunta, unha mociña que engaiola dende o comezo -ou dende o final- para amosarlles aos lectores que baixo a a apariencia dunha personaxe inxenua e inofensiva se esconde un ser tenro e amable que emprega a afouteza e o humor para resolver situacións que semellan complicadas.

Logo do seu pasamento, Esmeraldina ten que viaxar ao Alén Mundo e mentres tanto se vai afacendo á súa nova condición de masa fantasmal ao lado de Lady Horreur, unha particular araña francesa e Nicotina, unha divertida vaqueira, personaxes que se converterán nas súas inseparables compañeiras e coas que terá a oportunidade de adpatarse ás novas circunstancias.

Se con Escarlatina, a cociñeira defunta os lectores gozaron coas ocorrencias da moza, agora con Esmeraldina, a pequena defunta poderán reactivar os mecanismos a sensibilidade dunha familia, por suposto de excelentes cociñeiras, e recrearse coas situacións de alguén que acepta o que lle acontece. Unha vez máis, a morte está desprovista de toda compoñente tráxica e mesmo é aceptada como parte da vida en episodios como o do fotógrafo que inmortalizará o momento da despedida, seguindo a moda de entón de facerlles retratos aos mortos.

Tamén nesta ocasión as receitas de cociña cobran relevancia. Pasamos do libro de Román ao de receitas d´A Tremenda, avoa de Esmeraldina que vén a encher un espazo interesante e moi atractivo, porque a arte culinaria ten ultimamente nos nenos moi bos aliados.

Con esta nova entrega a súa autora, Ledicia Costas, pode estar satisfeita do seu personaxe e os lectores, contentos por saber da pequena.

COSTAS, Ledicia, Esmeraldina, a pequena defunta, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 12, 50 ?

Compartir el artículo

stats