Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Con-Fío en Galicia

Vestirmos nós, vestirmos o mundo

Vestiario de Afonso IX e da raíña Berenguela.

A Cidade da Cultura en Santiago de Compostela ten programada, deica ao 11 de setembro deste ano, unha exposición sobre a moda en Galicia. A mostra, comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, leva por título Con-Fío en Galicia: Vestir Galicia, Vestir o MundoCon-Fío en Galicia: Vestir Galicia, Vestir o Mundo.

A aparencia no transcurso do tempo e a súa representación na plástica destacan nunha primeira sección da mostra, que abrangue dende o paleolítico até o inicio do século XX. E a industria téxtil no sistema da moda aparece na segunda parte da exposición, que cobre dende o inicio do século XX deica aos nosos días.

Na parte dedicada aos antecedentes e prolegómenos do vestido hai una selección de esculturas, obxectos, documentos, ferramentas e máquinas de tecer e fiar. Son pezas que orientan, suxiren e marcan un rastro para o visitante, cara á conformación do aspecto na historia. Singular vén ser o material arqueolóxico mostrado e tamén as pezas de arte plástica. A escultura exenta en madeira de nogueira, atribuída a Francisco de Moure, O cabaleiro orante de Beade (S. XVII), serve para mostrar a forma de vestir militar, pois leva armadura. O aspecto do vestido no poder político aparece, da súa parte, representado polas recreacións en tecido do vestiario de Afonso IX e a raíña Berenguela. O poder relixioso, como terceira forma de aparencia medieval e moderna, aparece quizais no retrato de Santiago Sánchez de Taibo, en óleo sobre táboa, do ano 1674, quen viste unha capa da orde de Santiago.

O século XVIII está presente, entre outros apartados, mediante unhas roupas de home "a la francesa". E o XIX xorde con traxes de rúa á moda do momento, xunto cunha colección de traxes de cotío e rexionais. Etre os cadros expostos, o óleo de Dionisio Fierros, titulado Romaría nos arredores de Santiago (191x333cm), de 1855, ofrece una visión romántica pero descritiva no referido ao traxe, denotando a coexistencia no século XIX do traxe rexional par que o traxe á moda.

Na parte dedicada á moda do século XX e XXI aparecen varios grupos de manequins, vestidos con roupas ordeadas por estilos e décadas. Preséntanse modelos de cada década do século pasado, relacionadas con Galicia pola costura, pola xastrería, pola persoa que os levou, polo tecido. Aquí hai, daquela, unha ficha técnica do vestido, que ten de relacionarse con quen tivo de usalo ou crealo, pois esa é unha das caras da moda e do vestido no museo: a biografía da época e do traxe.

Finalmente a mostra contén unha parte dedicada á moda en Galicia despois do renacemento do téxtil, para converterse en moda nos anos 80 co grupo Galicia Moda, e a posterior evolución do sector.

Están presentes todos os nomes das empresas notorias do sector dende entón. Unha miscelánea de fotografías de moda galega, xunto a unha ringleira de manequíns con modelos de todas as empresas notables, conforma esta parte. Xa que logo, participan dende Luís Carballo e Xoan Piñón até Adolfo Domínguez, Roberto Verino ou Bimba y Lola. De seguido, unha montaxe audiovisual sobre o grupo Zara, expoñente mundial do sector dende Galicia. A exposición emata con vestidos de vangarda creados, entre outros, por José Castro ou Sara Coleman, e variacións sobre un tema de moda, tomados de pinturas do século XV, gravados do século XVI e XVIII, feitas polas xeracións futuras das escolas de moda en Galicia, Easd Mestre Mateo de Santiago e ESDEMGA de Pontevedra.

Forma axial

  • Os comisarios de moda británicos, como Amy de la Haye, consideran seminal a exposición Fashion: an anthology, de Cecil Beaton, no V&A de Londres (1971) na forma de expor moda. Da súa parte, os comisarios de moda norteamericanos, como Jean L. Druesdow, consideran que, dende a chegada de Diana Vreeland ao MET de Nova York (1972), trocou o modo de facer mostras de moda, pasando de ser mostras arqueolóxicas para un pequeno público, a devir acontecementos para o gran público.A conservadora do Instituto da Indumentaria de Kioto, Xapón, Akiko Fukai, explica que no eido do comisariado de moda, hai tres períodos: un primeiro período, até 1970, onde hai poucas exposicións de moda que tentan relacionar moda e industria para xustificar a primeira.. No segundo período, entre os anos 70 e 90, as exposicións de traxe e de moda aumentan notablemente. A moda no museo rexenérase, programando exposicións individuais e colectivas a modistos e deseñadores do seu tempo. No terceiro período, o que vai do século XXI, as mostras de moda son constantes nos museos especializados e frecuentes nos xenéricos. Espertan cada volta máis interese e acumulan récords de visitas. Presentan a moda autónoma, con solvencia e rigor. E cando se presenta a moda en diálogo con outras formas de expresión, faise en plano de igualdade, sendo principal a moda e accesoria a outra forma de expresión.Son, en fin, as mostras de moda, unha forma axial de representación do capitalismo estético, unha das liñas filosóficas do noso tempo,onde o mercantil o estético e o cultural, se afunden para consumo e lecer xeral.

Compartir el artículo

stats