Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Visión integrada

Concentración de significados

Visión integrada

Carlos L. Bernárdez reúne en Un pintor que sabía o que facía catro ensaios sobre a obra de Luis Seoane. Co seu habitual estilo investigador, o historiador constrúe un discurso no que ganduxa as dimensións da biografía e da evolución estética do artista. Unha visión integrada dos obxectivos do creador maniféstase a través desta aproximación esixente na que o investigador detecta os trazos da realidade de Seoane que son relevantes para desenvolver a súa hipótese. Esta estrutura do discurso é correlativa ao espírito vital de Seoane, para quen todo acto creativo na plástica, na literatura ou no reflexión intelectual estaba condicionado por un espazo único: a cultura galega.

Seguindo os argumentos, o lector descobre unha totalidade onde as experiencias vitais do artista son elementos que reaccionan significativamente na construción da súa obra. No primeiro ensaio Bernárdez realiza un percorrido pola linguaxe, un universo que transcende a proposta persoal para emprazarse na evolución da arte galega do século XX. Asemade demostra que o artista introduce a modernidade na mellor tradición cultural galega, perseguindo a pegada na obra das formas da arte europea: expresionismo, cubismo, fauvismo nun espazo creativo onde todos os elementos formais son expresión da tradición estética e do noso relato social. A discusión desenvólvese a través da confluencia de tres elementos: contexto internacional, identidade cultural e demanda social. Tres eixos que atravesan toda a produción de Seoane: pintura, gravado, debuxo, deseño, mural e reflexión intelectual, adaptándose aos tempo e a formas de expresión que evolucionan formalmente dende o lirismo barroco do comezo cara a unha estilización que mergulla as súas raíces na estética románica.

O historiador ilumina os acontecementos xestores dos contidos da obra: a represión, a resistencia, o exilio, a loita social, a emigración e a liberdade sempre co pobo como protagonista e analiza como estes relatos transcendentes transformáronse en unidades formais cheas de significado como as mulleres icónicas dunha Galiza que atesoura a herdanza da nosa sociedade. Introduce na análise a relación cos intelectuais no exilio deixando un lugar preferente para Lorenzo Varela a quen dedica un dos catro ensaios.

Bernárdez condúcenos ao acerto de Lorenzo Varela cando cualifica a obra de Seoane como "heroica" xa que conseguiu introducir nunha linguaxe renovada o espírito da nosa cultura nun proxecto vital coherente onde ética e estética prevalecen o longo de toda a súa vida. Un libro que emula a obra do artista en canto a concentración de significados e claridade conceptual, introducindo as claves para comprender unha das etapas máis complexas da nosa historia recente a través da arte.

BERNÁRDEZ, Carlos L., Un pintor que sabía o que facía, Ed. Laiovento, Santiago, 2016, PVP. 13, 60 ?

Compartir el artículo

stats