Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

SOS desde o litore Minei

O convento de Albeos (Crecente)

Facha principal

Di a lenda que existe un túnel que une o antigo convento de Albeos (Crecente) co río Miño, un monumento que se levanta no "litore Minei" que se cita na doazón que a infanta Urraca fai del ao Bispo de Tui en 1071, o primeiro documento histórico que proba a súa existencia. Valle Pérez (1987), especialista en arte románica, sitúa no século X a data da fundación desta abadía de tipo familiar identificada na Idade Media como monasterium de Elvenum.

No ano 1231 temos noticia de que a comunidade relixiosa de Albeos é feminina, estando composta por sete monxas e unha abadesa, o que coincidiría coa época de maior esplendor desta comunidade relixiosa, en opinión de Alfonso Vázquez (1948), un dos seus maiores estudosos.

Cinco séculos máis tarde, en 1755, o Padre Sarmiento, camiño de Madrid, chega a Albeos e escribe: "Alveos tiene dos iglesias: 1ª la monasterial, antigua, de monxas, y es San Salvador de Alveos (...) Está entera la capilla mayor, en donde se dice misa. Es de buena estructura. En una puerta está el Salvador de relieve con dos serafines"; o monxe ilustrado describe así o seu excepcional tímpano bifaz, emparentado, entre outros, co exemplar de Moaña que se conserva no Museo de Pontevedra.

Nunha das caras deste frontón esculturado consérvase aínda, efectivamente, un Cristo en maxestade que, ao igual que en Salvador de Bravães (Ponte da Barca) ou na Porta do Prior da Catedral de Ely (Cambridgeshire, Reino Unido) aparece enmarcado nunha mandorla sustentada por dous anxos ao tempo que bendí cunha man e, coa outra, sustenta un libro. "El sitio es bellísimo y sobre el Miño, y allí las ruinas del convento, en la casa", conclúe o seu relato o monxe bieito, que constata que naquela altura a que fora igrexa do convento xa está integrada nun edificio residencial, quizais a "casa de cobranzas" que se cita en documentos de San Paio de Antealtares -convento beneficiario das propiedades de Albeos despois do seu desmantelamento no século XV- datados nos anos 1785 e 1824.

No reverso deste altorrelevo figurado -os tímpanos esculpidos polas dúas caras son unha rareza no románico galego e peninsular- atopamos outra das xoias artísticas do cenobio: un segundo altorrelevo que mostra unha cruz de entrelazo dobre que atopa paralelos en tímpanos como o de Santiago de Bembrive de Vigo, en escasas cruces románicas europeas como a cruz anglosaxona atopada de xeito fortuíto en Chester (Reino Unido) en 2014 ou nas ducias de antefixas de entrelazo medievais galegas, caso da de San Miguel de Riofrío, en Mondariz.

Na actualidade os vestixios arquitectónicos deste antigo priorado redúcense á nave de planta rectangular da igrexa, dúas estancias anexas situadas no muro norte, parte do muro occidental do cruceiro e dúas columnas adosadas no paramento leste coroadas por capiteis de follas que se emparentan cos da primeira campaña da catedral de Tui, datados a mediados do século XII. No lado oposto, no muro oeste, unha porta parcialmente enterrada e tapiada, datada xa no século XVI, que loce un chafrán decorado con perlas.

Cando Francisco Ávila y la Cueva visita Albeos no primeiro terzo do século XIX, a igrexa do priorado conservaba as bóvedas de cuarto de esfera que hoxe perdeu. Así nolo conta na valiosísima descrición que fai e nos debuxos que achega, ávido por reconstruír o seu aspecto orixinal e temeroso, coma nós hoxe, de que o monumento non sobreviva en pé moito tempo máis.

No século XV, baixo o reinado dos Reis Católicos, as comunidades monásticas caeron nun proceso de ruína económica que dificultou enormemente a súa subsistencia. As apropiacións e usurpacións nobiliarias, os abusos dos abades e abadesas e a malversación e dilapidación das súas rendas con familiares e amigos, en palabras de Fernández Cortizo (2005), provocaron a intervención de moitos conventos e mosteiros galegos -entre eles este de Albeos- por parte do prior de San Benito de Valladolid, escandalizado polo suposto desgoberno das comunidades relixiosas, a avareza dos seus rexedores e mesmo o quebranto dos votos de castidade, obediencia e pobreza. No caso de Albeos, ao igual que aconteceu coas superioras doutros conventos familiares como os de Lobios, Ramirás, Sobrado de Trives, etc... a súa abadesa declarouse en rebeldía cos reformadores de Valladolid no ano 1499, promovendo un preito en Roma. Como queira que perdeu, o seu inconformismo levouna a fuxir de San Paio de Antealtares, volvendo de novo a Albeos para intentar dirixir a súa comunidade relixiosa.

Unha ruína, unha esperanza

  • Muros derruídos, valiosas esculturas descontextualizadas e reutilizadas, animais mortos, hedras que medran ás ceibas ata poñer en risco a estanquidade dos muros... todo isto forma parte, lamentablemente, da realidade actual de Albeos. Esta situación de abandono inxustificable fixo que Hispania Nostra, unha asociación non gobernamental de ámbito estatal constituída para a defensa do patrimonio natural e cultural, incluíse xa no ano 2007, os restos deste mosteiro dentro dunha lista vermella de 22 bens culturais de Galicia en perigo. Outra asociación, en defensa do patrimonio románico de Galicia, O Sorriso de Daniel, promoveu e promove a presentación de distintas iniciativas en favor da conservación deste monumento desde o ano 2012."Hasta una ruina puede ser una esperanza", escribía en 1921 Miguel de Unamuno en Aguilar de Campoo á vista dos seus "escudos heráldicos, muchos en ruinas, de casas y ruinas de nobleza", quince anos antes de que o xeneral Franco o apartase pola forza da reitoría da Universidade de Salamanca. O patrimonio é un recurso capaz de xerar, non só coñecemento e cultura, senón emprego e desenvolvemento económico. As industrias culturais (a da restauración e a rehabilitación, a do coidado e xestión do patrimonio, os itinerarios culturais...) son unha das nosas esperanzas, unha das empresas estratéxicas que Galicia debe potenciar para gañar o futuro. Hoxe e aquí reclamamos que unha abadesa insubmisa laica volva a súa vista ao seu priorado de Albeos, que agoniza saudoso nas ribeiras do Miño.

Compartir el artículo

stats