Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os Delaunay en Vigo

Centenario dunha presenza

Robert Delaunay: Nature morte portugaise (1916).

Cúmprense cen anos dun dos capítulos máis singulares -e menos coñecido- da historia cultural da cidade de Vigo: a residencia temporal entre nós de dous dos pintores máis sobranceiros das vangardas internacionais de comezos de século pasado: Sonia e Robert Delaunay, parella de creadores que partindo do cubismo conformaran un estilo baseado nun intenso cromatismo e tendente á abstraccion, o chamado orfismo.

O matrimonio de artistas instalárase en Vigo en 1916 fuxindo da Grande Guerra e procedentes de Portugal, onde tiñan contacto con pintores da vangarda lusitana como Eduardo Vianna, José Pacheco, Amadeo de Sousa-Cardoso ou José Almada Negreiros. De feito volverían a Portugal morando en Valença do Minho e en Vila do Conde, non moi lonxe da nosa cidade. No Musée National d'Art Moderne de París consérvase unha fotografía do matrimonio co seu fillo Charles realizada en Vigo e mesmo existe unha obra da pintora asinada na cidade galega.

Esta estadía enmárcase no que Sonia Delaunay denomina no seu diario "as grandes vacacións", un período que comeza ao inicio da Primeira Guerra Mundial en 1914 e remata en 1921 co seu regreso definitivo a Francia, anos durante os que vivirán no País Vasco, Madrid, Barcelona ou Portugal.

A presenza entre nós destes pioneiros da abstracción e pais do simultaneísmo ten orixe nun feito político-militar do que este mesmo mes se cumpren os cen anos: en plena Grande Guerra o 9 de marzo de 1916 Alemaña declara a guerra a Portugal, pasando o país veciño a ser aliado de Francia e Inglaterra no conflito. Debido a este feito os Delaunay -que residían en Vila do Conde, preto do Porto, onde moraba o seu amigo o pintor portugués Eduardo Vianna- trasládanse a Vigo para clarificaren a situación militar de Robert, que estaba en idade de ser chamado a filas polo exército francés e que non se presentara con anterioridade.

Na cidade olívica Robert sométese a unha revisión médica no consulado galo, que o declara inútil para o servizo militar. Outro feito inesperado vai abalar a parella: o 16 de abril Sonia decide volver a Portugal e ao cruzar a fronteira é retida e acusada de espionaxe. A razón é que na alfándega as súas obras resultaron sospeitosas e na maleta acharon correspondencia en alemán; en realidade do que se trataba era de cartas dos artistas do grupo Der Blaue Rieter aos Delaunay. Sonia pasa varios días custodiada no Porto e finalmente é liberada pola intervención do seu amigo o pintor Amadeo de Sousa-Cardoso.

Polo que sabemos, os Delaunay ficaron en Vigo até finais de agosto ou comezos de setembro do 1916, feito documentado na correspondencian con Amadeo de Sousa-Cardoso e con José Almada Negreiros. Este último mesmo vai inserir Vigo na súa novela vangardista K40 Quadrado Azul cando o narrador-protagonista encontra unha carta rexistrada e reprodúcese na páxina o carimbo do correo de Vigo, datado o 15 de agosto de 1916.

Pasando dos aspectos biográficos aos puramente estéticos, na obra pictórica dos Delaunay é ben visíbel a pegada do ambiente miñoto. A cultura popular do Miño plásmase en todo un repertorio de temas: mercados, tipos populares, obxectos e naturezas mortas, amosando un gusto polo popular que -como é ben coñecido- é unha das fontes de inspiración das correntes vangardistas. A salientar son un conxunto de magníficos Mercados do Minho de Sonia, con discos coloridos que enxendran formas e movementos de ritmo continuo, recollendo toda a festiva riqueza cromática dos traxes e obxectos populares miñotos. Sonia confesou a súa felicidade ao se encontrar de novo coa vida rural, que lle lembraba a luz e as cores da súa infancia en Ucraína, afirmado que "a luz, a riqueza e a forza das cores, das mulleres, dos legumes e da froita do país" foran fundamentais na mudanza da súa obra.

Nature morte portugaise

  • Polo seu lado, Robert asinou un notábel conxunto de naturezas mortas de inspiración local. Un magnífico exemplo é a Nature morte portugaise, obra realizada en 1916, e na que a referencia galega aparece mesmo escrita. Nesta obra os obxectos salientan polo saturado cromatismo establecéndose un diálogo estreito coa literatura e a música, algo ben habitual na obra, quer de Robert, quer de Sonia. O singular nesta pintura é que o texto literario reproducido é un coñecido poema de João Verde (Monção,1866-1934) que subliña o que une as beiras galega e portuguesa do Miño, pertencente ao libro Ares da Raia, impreso en 1902 na tipografía de Eugenio Krapf, de Vigo, que ten como pórtico estes versos, que son reproducidos no cadro de Robert Delaunay: "Vendo-os assim tão pertinho/A Galiza e mail'o Minho,/São como dois namorados/Que o rio traz separados/Quase desde o nascimento./Deixai-os, pois, namorar,/Já que os pais para casar/Lhes não dão consentimento."Nature morte portugaise constitúe, xa que logo, un fermoso exemplo de como a estética vangardista e mais o gusto polo popular non só non se exclúen, senón que este último pode ser un elemento que deveña central nunha concepción estética de radical modernidade. E é que acontece que, para artistas como os Delaunay, saturados de intelectualidade, o popular resulta devir unha expresión autenticamente vivificadora.

Compartir el artículo

stats