Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Sara Casasnovas: "Atópome a gusto no eixo do tráxico, desfilando pola pendente"

Sara Casasnovas

- En primeiro lugar, gustaríame que nos falase da súa personaxe, esta Evelyn que irrompe na vida do mozo Adán. Como é Evelyn? Está realmente namorada de Adán ou é simplemente unha manipuladora de sentimentos?

-Evelyn é unha estudante de arte moi reaccionaria que explora os límites da acción artística. Estando a piques de facer unha "declaración de intencións", como ela dí, coñece a Adán e atopa nel algo máis que a súa musa.

-Xa ten interpretado Vde. numerosos papeis, tanto no cine como no teatro e na tv. Podemos dicir que o de Evelyn é, dende o punto de vista psicolóxico, tal vez o máis complexo?

-Non diría iso, pero maniféstase ocultando as súas intencións, ten contradicións, préndese no seu propio tear? O que si diría é que resulta moi humana. Exponse á posibilidade dun rotundo fracaso porque todo vai en pos de algo maior: a súa arte. Eu síntoa valente e ousada. É moi divertida de interpretar.

-Que é o que máis lle atraeu desta obra para que se animase a protagonizala?

-É un perfecto contrapunto ao drama ou traxedia, xéneros que ultimamente estaba a traballar; e a disposición de xogo que ofrece a obra, xunto cos compañeiros, fan de A forma das cousas algo estupendo para ver como espectadora e mais para vivir dende dentro.

-A forma das cousas ten drama, ten comedia, algo de traxedia? En cal dos xéneros se atopa máis a gusto como actriz?-A forma das cousas

-Neste caso, eu non lle vexo a traxedia a esta obra. É lixeira, divertida, estimulante. Persoalmente interésame traballar na ruptura formal e atópome a gusto no eixo do tráxico, desfilando pola pendente. Supoño que por ter traballado moito esa parte.

-Vde. ten rodado series de televisión en Galicia e series producidas para canais de tv estatais. Temos nivel aquí para competir en calidade con produtos que, evidentemente, superan con creces os modestos presupostos económicos cos que se adoita contar na ficción televisiva galega?

-O certo é que, aínda que poida traballar moi ben dentro dela, non son consumidora de televisión. Así que a boa lle vas preguntar. A ver, as series nas que traballei aquí como personaxe fixo: Miña sogra e mais eu coido que, polo tipo de humor, era unha serie para Galicia; Maridos e mulleres era tal vez era máis exportable. Canto a outras series da TVG, non tiven percorrido como para opinar se poden ser interesantes fóra. O que sei é que me escribían de Latinoamérica debido a algún personaxe destas series, supoño que por nostalxia. E que as historias nosas, as máis particulares, son polo xeral as máis interesantes.

-Unha das series que lle deu maior sona foi Amar en tiempos revueltos

-Aprendín, entre outras cousas, a ser superresolutiva.

-Que directores/as, ou mesmo actores e actrices, cos que traballou a "marcaron" máis, fose polo motivo que fose?

Buff? citarei algún. Antonio Valero, porque compartín momentos únicos con el, como levantar cinco odas co telón no Teatro Español tras unha función. El é un actor e unha persoa moi práctica, cousa que a min non me sobra. María Fernanda D' Ocón, porque me esperou na saída do Teatro Principal de Valencia para dicirme que por fin, por fin, recoñeceu a unha grande actriz. A partir dese intre, no que eu me atopaba nun baixo momento anímico, comezamos a compartir encontros e conversas moi enriquecedoras. Eduardo Alonso, porque era cativa cando abordei aquela Xulieta baixo a súa dirección e, ademais de converterse cos anos no meu amigo, sostívome nos seus brazos cando tras un accidente estiven a piques de morrer no escenario.

-Gustaríalle que o cine tivese máis protagonismo na súa carreira?

-Si. De feito acabo de presentar Tercer grado, película que se continúa a proxectar nos cines e de dirixir La chica del maletero, rodada na Costa da Morte, que sairá axiña á luz.

-Cal é a película da historia do cine da que lle gustaría ter sido a personaxe protagonista?

-A próxima película que faga; en realidade, é a que quero facer.

-Segundo se apreciou na propia gala de entrega dos Goya, semella que o audivisual galego xa forma unha especie de "clan" (digo clan dende o punto de vista positivo, sen segundas intencións) dentro do audiovisual español. Percíbese isto dende dentro da profesión?

-Independentemente das etiquetas, a min gústame aproximarme á xente que me achega creativamente no profesional ou na vida cotiá, e teño disposición para colaborar se un compañeiro o precisa do mesmo xeito. Se asociarnos a un mesmo grupo permite o entendemento e o medrar de cada un, pois moito mellor.

- Malia que o cine e a tv ocúpalle a maior parte do seu traballo, considérase dese tipo de actriz que ten a necesidade vocacional de volver facer teatro aínda que sexa de cando en vez?

-No meu caso é vocacional esta profesión, vocacional e algo máis que aínda teño que descubrir. Interésame a creación teatral porque me parece a forma máis honesta de desenvolver unha historia. Eu defendo o que me toca do mellor xeito que sei, con profunda entrega, aínda que as miñas ideas ás veces poidan ser opostas. Calquera enerxía ben canalizada ten un extraordinario potencial.

-Disque o teatro galego está "enfermo" (antes diciase "en crise"): Enfermo de qué: de falta de axudas institucionais, do escaso eco mediático, da inestabilidade dalgunhas das súas principais compañías??

-O teatro está sempre cheo de vida e é algo sanador. En realidade, o que si está enfermo é quen non o entende e pretende, inutilmente, limitalo, unidireccionalo, asfixialo.

Compartir el artículo

stats