Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Viaxando con Chumbo

Correcta e axeitada narración

A sabedoría que se desprende das verbas dun mestre xubilado despois de case corenta anos dedicados ao ensino adoita ser fabulosa, máis aínda se falamos, coma neste caso, dun gran amante e transmisor da cultura tradicional de noso. Xosé Lois Ripalda (Erbedeiro, Carballedo, Lugo, 1940) preocupouse sempre de preservar, entre outras cousas, a literatura oral, nun exercicio de paixón polo patrimonio inmaterial galego, ás veces relegado ás marxes. A Ripalda interésalle a etnografía, é dicir, a descrición pormenorizada dos costumes, mitos, crenzas e historia dunha comunidade, neste caso a galega, e máis concretamente do medio rural. A aldea foi determinante, pois nela se criou o autor, e durante eses anos de tránsito á adolescencia e madureza graváronse no seu maxín, como el mesmo explicou, "as inquedanzas da xente" que mora nelas, unha verdadeira mistura de lendas, historias e tradicións que lle interesaron dende sempre e sobre as que investigou en diversos xornais, revistas e ensaios propios.

Alén da súa faceta ensaística, como escritor que é Xosé Lois Ripalda achégase tamén con éxito á narrativa de ficción, tanto de adultos como infantil e xuvenil. Centrándonos nos seus títulos para a infancia e a xuventude, debemos mencionar o primeiro, As bolboretas brancas, que acadara un premio Barco de Vapor alá pola súa quinta convocatoria. Entre outras, igualmente publicou As botas de Zapeto, Viaxe aos Ancares e O camiño dos druídas, a súa última entrega para este lectorado, un relato longo marcadamente didáctico no que se dá conta dos druídas, vinculados coa tradición celta. Un volume moi diferente, dende logo, do que agora vén de saír do prelo, O inspector Chumbo.

Desta volta, atopámonos ante un libro de aventuras protagonizado polo carismático inspector Chumbo, apodado así pola colección de soldadiños que coidaba con esmero. Principia cunha presentación onde o narrador, en terceira persoa, menciona as armas que empregaba o protagonista, a agudeza e o enxeño, para acadar paz e solidaridade entre as xentes. O inspector Chumbo ten éxito porque é seguro, optimista e intuitivo, e lonxe de aldraxar os delicuentes, dálles unha lección da que poidan extraer algo bo. Unha bufarda de París era o seu fogar, pois alí era onde se atopaba a Organización Mundial de Inspectores á que pertencía; era o punto dende o que se movía ata as capitais máis importantes de Europa, e cruzando o mesmo Atlántico, para resolver os casos que ninguén solucionaba. Por París, Londres ou Roma deambulan os máis pequenos que decidan ler esta obra acompañando ao inspector Chumbo. Unha narración axeitada e correcta nas súas formas que, sen maiores pretensións, divertirá ao lectorado máis novo.

RIPALDA, Xosé Lois, O inspector Chumbo, Ed. Ir Indo, Vigo, 2015, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats