Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Universo Extra Mundi

30 Luar na Lubre 30

Luar na Lubre: Extra Mundi

O pasado 11 de decembro, Luar na Lubre presentou en Ourense, no Teatro Principal, o seu novo disco, Extra Mundi (2015). De contarmos gravacións ao vivo e compilacións, estamos diante do décimosexto traballo da banda coruñesa, sen dúbida unha andaina prolífica a que levan desenvolvido nos 30 anos que Luar na Lubre cumpre neste 2016.

Precisamente o disco celebra este aniversario mais faino dun xeito diferente ao escollido pola banda no 2001, cando tiraron XV Aniversario (2001) un álbum recompilatorio que recollía, xunto a tres cancións inéditas e dous temas gravados ao vivo, os hit parades do grupo, na altura aínda subidos na vaga do éxito tras a inclusión cinco anos antes do seu "O son do ar" por Mike Oldfield en The Voyager (1996) e tras o suceso de Plenilunio e Cabo do mundo, os dous primeiros discos de etapa de Rosa Cedrón na banda. Mais agora, e moi probablemente por teren publicado aínda hai catro anos Sons da lubre nas noites de luar (2012), completísima compilación tripla com DVD extra gravado ao vivo en Compostela, o grupo decidiu unha aposta distinta, no ronsel do Galiza de Kepa Junkera. Así, a proposta de Extra Mundi é unha viaxe polos folclores peninsulares, con paraxe en Euskal Herria, Castela, Asturias, Cataluña e Valencia. Paradas únicas estas, escolmando temas emblemáticos dos distintos folclores como "La Molinera", "El Rossinyol" ou "Txoria Txori" na liña, por outra banda, do que tamén fixera Junkera no seu disco dedicado á música de noso. Quizais o disco acadaría maior fondura se estas incursións noutras músicas da península tivesen aínda maior protagonismo, se a ollada ao mundo exterior se pousase máis devagar nesoutras músicas e incluso visitase outras que están ausentes.

Con todo, téñeno dito os integrantes do grupo, non deixa de ser a primeira incursión nun universo que trascende o ámbito galaico ou incluso celto-atlántico que levan recreando nos trinta anos de traxectoria, unha chiscadela ao seu público do resto do estado, de feito a xira de presentación ten ben datas fóra do país: León, Tudela, Barcelona, Salamanca, Toledo, Banyoles, Cádiz, etc. E, probablemente, para unha formación que, alén dos matices que incorporaron os que foron pasando polo grupo, apenas mudou o rumbo en tres décadas xa supón unha pequena revolución esta olladela íntima a eses folclores tan próximos xeografica e socialmente na actualidade, mais que non deixan de soar en certo xeito distintos e arredados.

O que desde logo é innegable é o feito de Luar na Lubre dar posto o seu selo persoal ao longo do disco. As cancións dese mundo exterior próximo e distinto fanse nosas na interpretación dos coruñeses, que lles saben dar arrecendo atlántico a todas elas. Así, van soando unha tras outra seis cancións da tradición galega, dúas composicións de Bieito Romero e as devanditas incursións noutros folclores e en ningún momento rechaman os saltos dunha para a outra. Se acaso, é a colaboración da Coral de Ruada, que pon voces en varios temas, o que máis racha coa uniformidade do disco. Non é a única achega do traballo, tamén Nani García inclúe os seus teclados en varias cancións e o grupo de Dolçainers e Tabeleters "La Degollà" de Alcoi colabora na peza que fecha o disco, "La Muixeranga".

Extra Mundi, un paso máis nunha traxectoria que segue fiel ao ritmo de publicar un disco cada dous anos, malia o baixón de vendas de discos e de concertos que sufriron nos últimos dez anos coa eclosión de internet tanto Luar na Lubre coma moitísimas bandas máis de distintos estilos. Lonxe daqueles traballos de finais do século XX que pasaban das 50.000 copias vendidas mais perto de ser unha lenda viva da música galega, velaí seguen Luar na Lubre. E que veñan trinta anos máis.

A volta do Nani García Trío

  • Nani García repite colaboración con Luar na Lubre neste Extra Mundi, despois de facer os arranxos dos temas do grupo para a Orquestra Sinfónica de Galicia no espectáculo "Torre de Breoghan", penúltimo proxecto en que se embarcou o grupo. Pero ademais, o polifacético García, director desde 2009 do Festival Internacional de Jazz de Vigo, "Imaxina Sons", volveu aos escenarios o pasado xoves 4 de febreiro co seu emblemático trío de jazz. Na Casa das Crechas o Nani García Trío regresou á primeira liña da escena musical contemporánea recuperando un proxecto que xa nos anos 80 conseguiu anovar o panorama jazzístico galego. Con novos músicos e repertorio, pero mantendo a formación de piano, contrabaixo e batería, Nani García Trío aposta por unha estética integral e contemporánea, que afonda tanto no son das pezas como na execución instrumental.O repertorio de Nani García Trío é unha mestura de temas vellos, retallos de bandas sonoras e outras composicións do propio Nani reformuladas en clave de jazz, así como pezas totalmente novas. Todo coa pegada inconfundible dunha das figuras máis destacadas da música galega e estatal, como compositor, intérprete, arranxista e produtor de todo tipo de formatos e xéneros contemporáneos e de vangarda.Ademais do piano de Nani, o trío complétase co contrabaixo de Simón García e a batería de Miguel Cabana, dous mestres nos seus respectivos instrumentos recoñecidos a nivel internacional.

Compartir el artículo

stats