Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A nova Galiza moda

Catorce nov@s deseñador@s de noso

Varios dos deseños expostos na mostra da Casa Galega da Cultura (Vigo). // FOTOs: ELI REGUEIRA

Catorce novos creadores de ESDEMGA -a Escola de Moda de Galiza, un centro pertencente á Universidade de Vigo e sito no Campus de Pontevedra- veñen amosarnos os proxectos que foron desenvolvendo durante a súa estadía académica; mais o certo é que a excelencia e o gran nivel das súas propostas creativas fannos pensar xa non en pezas de estudantes, senón en labores de auténticos profesionais.

O primeiro que percibirá a persoa que visite a sala de exposicións da Casa Galega da Cultura serán eses hábitos crus (sen estampados, sen tinxidos de cores) que habitan o albo espazo expositivo e constrúen unha escenografía velada de lenzos entre o fantasmagórico e o espectral: vestidos pendurados no aire, ou cinxidos a un maniquín (que adoita non verse), que aboian e refulxen por mor desas luces que rebotan con forza nas superficies de tea cru. Sen dúbida, unha fermosa montaxe que nos reconcilia (igual que o fai cada ano outra mostra da Universidade de Vigo titulada Afinidades Selectivas) cun espazo onde o normal é ver montaxes expositivas arrepiantes, moi alonxadas dos actuais criterios museolóxicos.

A ausencia de cor fai que centremos a atención nas liñas, nos volumes, nos pregues, nos plisados, nos frunces, nos engadidos. Velaí o pracer das formas que fan ocos e saíntes, que agochan e descobren a partir de deseñar e construír cun tecido cru que reivindica en puridade as armazóns construtivas; de tal xeito que ben podería tratarse de, en lugar de vestidos, de esculturas en tea feitas por estes deseñadores/as.

Camiñamos, entón, por un vestiario entre antigo e barroco onde, fronte ao pragmatismo da moda prêt-à-porter, impera o exceso das formas, o pracer desbordado do teatro da vida, que se disfraza co vestido de noite, ou co de gala, ou co de cerimonias. A sala de exposicións é desta volta como un vestidor de prendas hedonistas, suntuarias e excesivas, un armario de roupaxes cos que dar pracer sen cancelas nin cortapisas aos volumes, ás masas ocas, ao puro artificio da arte espléndida que se enseñorea do corpo e do espazo.

Admírome tamén do gran nivel das propostas presentadas, do coidado e esmero das producións, dos acabados, dos resultados técnicos das coleccións que fan pensar en verdadeiras profesionais do sector e non en estudantes.

Coleccións, por certo, que se cadra vexo sempre demasiado barrocas en xeral, como cunha inflacción de capas superpostas, de engadidos, de aditamentos. Así que, nesta mostra, unha vez máis, as capas de tecidos naturais e crus se superpóñens e adhiren uns aos outros até facer, en moitos dos casos, irrecoñecíbeis os corpos en favor da ditadura da moda, do ornamento, da arte pola arte. Diríase que son vestimentas imposíbeis de poñer e usar na realidade cotiá; pero logo penso que tanto ten, que xa chegarán despois co seu golpe de realidade as demandas das empresas, das tendas e dos clientes. Agora toca esculpir e labrar esas esculturas imaxinarias de tea para dar renda solta a todas as posibilidades creativas, e abofé que son moitas as que teñen estas prometedoras creadoras.

Título: Tecido cru: Deseñar e construír.

Comisarias: Lola Dopico e Cristina Varela.

Lugar: Casa Galega da Cultura, Vigo

Datas: Até o 21 de febreiro de 2016

Na universidade

  • ESDEMGA, a Escola de Moda de Galiza que imparte os Estudos superiores en deseño téxil e moda do país, é xa unha realidade que supera os dez anos de vida. Dirixida desde a súa fundación por Lola Dopico, o centro pontevedrés veuse consolidando como unha plataforma educativa de referencia. E iso non o digo eu; dino os numerosos premios e seleccións que teñen recibido as súas alumnas nos máis importante eventos do sector téxtil peninsular.Para entendelo, abonda con asistir, en Pontevedra, a Debut, a gala e desfile anual cos traballos das autoras graduadas, para decatarnos do enorme potencial e da profesionalidade que atesouran as distintas promocións que van saíndo desa Escola. Esta exposición na Casa Galega da Cultura, promovida pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e mais o Concello de Vigo, estase a converter nunha cita anual para que o público vigués descubra na cidade os marabillosos froitos das/os novas/os deseñadoras/es da moda de Galiza. Aquela proclama de éxito hai anos, "Galicia Moda", semella deste xeito ter novas posibilidades polisémicas, seguir a ter novos significados, e iso grazas a este centro creado pola Universidade de Vigo que posibilita novos azos para a creación e deseño téxtil coa que seguir a apuntalar a importantísima industria da moda do noso país.

Compartir el artículo

stats