Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos L. Bernárdez: "Luís Seoane é a figura chave dun modelo de arte galega no século XX"

Carlos L. Bernárdez - crítico de arte

Carlos L. Bernárdez, en Vigo. FOTO: ELI REGUEIRA

- Chama atención o "enigmático" título deste volúme: Un pintor que sabía o que facía...

-É o título do primeiro dos catro traballos do libro, dedicado a explicar a construción do estilo de Seoane. Cando estaba a escribir o texto, puiden coñecer nunha colección privada unha das mellores naturezas mortas do autor intitulada "Homenaxe a Juan Gris", unha obra que transmitía o rigor conceptual do traballo cubista de Gris. Isto levoume á expresión do título que, segundo parece, foi dita por Pablo Picasso no enterro de Juan Gris: "É fermoso, un pintor que sabía o que facía". Acho que Seoane, como Gris, entende a arte como un labor plástico e reflexivo, nese sentido quere ir a miña lectura da obra do noso pintor.

-Que quere achegar co seu libro ao respecto do coñecemento que xa se ten da figura e obra de Luís Seoane?

-A miña análise quere facer fincapé en que Luís Seoane é a figura chave no debate sobre a fixación dun modelo de arte galega no século XX, superador da renovación artística anterior, levada a cabo por Os Novos. Nese sentido quixen afondar na visión do propio autor cando afirmaba que "Galiza non pode escapar aos movementos artísticos universais". Tentei explicar que o problema ao que procura solución Seoane estaba na orixe da renovación da arte e, en xeral, da cultura galega desde finais do século XIX. É o que podemos definir como conservación do paradigma romántico nas artes, cunha exaltación do popular, con fortes doses de anecdotismo. Se é ben certo que a arte galega a partir da década dos vinte foi vivindo unha renovación salientábel, persistía a fidelidade a un imaxinario popular -punto de partida da chamada "estética do granito"- na obra de preguerra de pintores como Maside, Torres, Laxeiro, Colmeiro ou mesmo o Souto de temática galega. Un aspecto, este da temática, que acaba por condicionar as solucións formais, e non sempre positivamente en todos os artistas.

-Cal é a relación de Seoane coa vangarda?

Ese é outro aspecto que o libro quere evidenciar. Seoane sitúase nas coordenadas das vangardas internacionais; traballa sobre a relación entre a superficie coloreada e mais a liña, problema que fora fundamental no labor de artistas como Fernand Léger ou Le Corbusier, nunhas coordenadas ben vizosas na evolución da pintura do século XX. A independencia da superficie da cor con relación coa contorna aséntaa Seoane por medio de trazos negros que estruturan as formas. E, asemade, tamén quixen subliñar que Seoane afonda en aspectos da pintura entendida como proceso autónomo, autorreferenciado e lexíbel desde leis propias, no ronsel dalgunhas das fórmulas das vangardas históricas e nunha orientación que ten un dos fundamentos, é claro, no cubismo, aínda que de ningún xeito entendo que o pintor funcione mimeticamente a respecto desta corrente, xa histórica na altura na que traballa Seoane, chegando a óleos máis abstractos. Neste sentido, a súa pintura foi enriquecida pola súa experiencia sintética de ilustrador, gravador e muralista, xa que das primeiras tira a súa concepción da relación entre liña e plano de cor, independentes mais inseparábeis e da segunda, a muralista, adopta a proxección monumental que acaba por transmitir nos seus óleos. Neste contexto tamén quería sinalar o maxistral cartelismo de Seoane e mais o seu deseño editorial, no que o sintetismo e a expresividade atinxe un valores absolutos.

-Cre que o feito de que fose un home polifacético (artista, escritor, editor?.) acaso xogou en contra á hora de que se valorase na súa medida a calidade da súa obra plástica?

-Penso que, sendo un home renacentista, a parte de creación plástica é a fundamental achega creativa de Seoane. Nos contextos culturais en que traballou: fundamentalmente Arxentina e Galiza, o seu labor foi e é ben recoñecido. Outra repercusión ben distinta atinxiría Seoane se estiver presente, de xeito continuado en grandes centros onde se xeran correntes de opinión hexemónicas no ámbito cultural, onde, é claro, non está.

-De onde e/ou de quen proviñan os principais influxos e referentes artísticos da obra de Seoane?

-Como en todo artista, son ben variados. Hai unha base inicial ligada ao movemento renovador galego: Maside, Colmeiro, Souto, inicialmente sobre todo Maside; hai influxos do coñecemento xuvenil do expresionismo alemán e de certo surrealismo. Xa na posguerra, el mesmo falaba das afinidades con certo Picasso, con Gris, con Fernand Léger, co Le Corbusier pintor. Tamén, na concepción global do papel da arte, está o influxo da Bauhaus, de Max Bill. Non debemos esquecer a pegada da arte medieval e bizantina, sobre todo no seu muralismo.

-Que papel real xogou na refundación de Sargadelos e a quen podemos atribuírlle o, chamémoslle, "estilo artístico Sargadelos": a Seoane ou a Díaz Pardo?

-O propio Díaz Pardo recoñecía a débeda con Seoane, afirmando que representara para el unha torre de saber, de bo gusto, de amor ás raíces, de estar máis cerca do futuro que ninguén e de ser todo el un exemplo de conduta, unha torre ética e estética. Estas opinións do deixan clara a cuestión.

-Ata que punto falamos dn artista que forma parte da historia da arte contemporánea na Arxentina?

-Por suposto que fai parte da historia da arte arxentina, estando ben representado nos principais museos do país, alén de ter en Bos Aires unha obra muralística excepcional. En vida foi recoñecido co importante premio Palanza que lle foi outorgado en 1962 pola Academia Nacional de Bellas Artes de Bos Aires. Xa en 1959 o goberno arxentino elixe un óleo seu como agasallo oficial na visita de estado a EE. UU. Mesmo se puxo en circulación un selo de correos reproducindo un dos seus óleos.

-Existe unha Fundación Seoane e ata se lle dedicou un Día das Letras Galegas pero, considera que á figura de Seoane se lle dá a importancia que realmente ten ?

-Coido que fica pendente a súa presenza no ámbito español e internacional, aspecto que se manifestou con claridade o ano do centenario do seu nacemento (2010).

-Ata que punto a obra plástica de Seoane influiu nos artistas galegos do chamado movemento Atlántica?

-Alguns do pintores dos 80 manifestaron a ligazón intelectual e plástica con Seoane, mais sen mimetismo, compartindo certas lecturas f respecto da tradición galega: atlantismo, primitivismo etc.

-Que artistas galegos vivos poderían considerarse herdeiros de Seoane?

-Hoxe en día os artistas non son xa discípulos ou herdeiros directos da obra dun artista concreto, o que non exclúe que se poidan percibir influencias. A relación -e a non relación- dos artistas galegos coa tradición propia é un problema complexo que daría para unha reflexión delongada.

Compartir el artículo

stats