Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Ruta das Ratas

Complexas arquitecturas narrativas

A Ruta das Ratas

Izan o da saca é a sexta incursión na narrativa de Xabier Quiroga. Foi no ano 2003 cando o escritor debutou no terreo novelístico galego con Atuado na braña. Desde entón, outras cinco pezas ficcionais amosan o alento narrativo dun autor alleo ás montaxes que se soen argallar arredor das creacións literarias. A última, Izan o da saca, un título certamente estraño cuxo verdadeiro significado e lectura descubrirá o lector no remate da novela. O pulo temático central desta peza narrativa é a presenza dos nazis en Galicia, antes, durante e despois da Segunda Guerra Mundial: o desfile da Lexión Cóndor por Vigo, o control alemán das minas de volframio, as torres de comunicación instaladas en Cospeito, os peiraos das costas galegas que abastecían de combustible ou onde se reparaban os submarinos U-boot, e nomeadamente a espionaxe e a organización que o nazismo argallou en Galicia e que servirán de centros de acollida para a fuxida ("Ruta das Ratas"ou "Ruta dos mosteiros") de moitos nazis importantes tras a derrota.

A novela é un mergullo na fronde do nazismo neste recuncho peninsular. Unha inmersión que o autor desenvolve cunha amalgama de novela negra e novela histórica, cuxo resultado será descubrir a inmensa miscelánea do nazismo en Galicia. O fío condutor da novela é a intricada investigación que Pepe, alias o Reina ou Reiniña, un taxista que exerce de detective indo por libre, coa axuda da moza Lelia, unha espelida lectora-colaboradora, realiza por encargo dun coñecido e arteiro político e empresario galego que quere eliminar lixos do pasado, xa que un descoñecido universitario mesturara o seu nome cunha investigación sobre nazis. Dá comezo así unha trepidante esculca que se desenvolve, sobre todo, na contorna da Ribeira Sacra, cunha relevancia especial do Mosteiro de Samos, os seus pasadizos e refuxios clandestinos.

Izan o da saca amosa unha arquitectura complexa, non tan facilmente habitable polo lector como algunhas das anteriores novelas do autor. No relato conflúen varios materiais, teselas que o autor quere facer encaixar no seu puzzle ou mosaico narrativo. Unha aliaxe non doada que o lector, por veces corre o risco de non entender, aínda que no desenlace descubrirá o sentido das mesmas. "No escuro", secuencias con tonalidade poética que se repiten ao longo do libro; relatos "Galiza, N.O. da península Ibérica" que, desde novembro de 1935 ata outubro de 1948, recuperan as situacións de violencia, asoballamento e aldraxe que viviron neses anos os que foron fieis á República; as anotacións de "O Graciano", todos eles elementos narrativos e pezas que amosan feitos históricos e que acompañan o fío condutor principal: a investigación do Reina, unha historia de violencia e violacións e outra de amor e fidelidade.

Mestura pois de memoria e imaxinación, maxia, como di o Reiniña nunha das súas múltiples reflexións. Abondosas reflexións que, na miña estima, constitúen a principal pexa da novela: sobreabundancia de treitos digresivos que, en más dunha ocasión, como tal: como fan o amor as mulleres ou a crítica ao movemento 15 M, son sobexos e non veñen ao caso. A novela achega así mesmo referencias á crise actual (as preferentes, os desafiuzamentos, entre outras), así coo non poucas chanzas e brincadeiras, moito humor e retranca, que contribúen a configurar unha lingua que se nutre en gran medida da oralidade, e reflicte unha Galicia real, sobre todo a rural, apegada aos costumes de sempre.

QUIROGA, Xabier, Izan o da saca, Edicións Xerais, Vigo, 2015, PVP. 21 ?

Compartir el artículo

stats