Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cotidianeidade e misterio

Con sinxeleza expresiva

Cotidianeidade e misterio

O pasado e o presente entremestúranse nas páxinas de Europa Express, unha novela na que cobran vida as lembranzas e os desexos case a partes iguais e que amosa como o paso do tempo se apodera dos sentimentos, igual ca as actuacións realizadas forman parte inseparable do proceso evolutivo.

Ao rematar o derradeiro curso de bacharelato un grupo de amigos decide realizar unha viaxe por Europa que supoña o final inolvidable dunha etapa marabillosa e o comezo doutra completamente diferente á que chegan ilusionados polo rumbo que poden tomar as súas vidas. O obxectivo cúmprese, mais tamén se ve frustrado polas circunstancias que o envolven e que dez anos máis tarde reaparecen en forma de angustia vital para que se esclareza a verdade do ocurrido.

Trátase, pois, dunha sorte de libro de viaxes no que Andrea Maceiras vai concedéndolles a palabra ás persoas relacionadas cos traxectos que narran paso a paso as experiencias vividas nalgúns dos seus desprazamentos ou nalgún lugar que lles chamou a atención e que ao mesmo tempo supón non só un percorrido físico, senón tamén emocional ao pasado, aos anos mozos, a unha época que idealizan pola frescura que leva aparellada a xuventude.

E é tamén unha análise introspectiva ditada pola conciencia que os personaxes empregan para a través da meditación e da reflexión chegar a entender as claves do que lle sucede a cada un. Se ben é certo que non todos o fan coa mesma intensidade, algúns amosan verdadeiras inquedanzas verbo da súa identidade e é na xuntanza que teñen anos máis tarde cando se manifestan verdadeiramente as súas preocupacións e se resolven as dúbidas acerca do acontecido cun compañeiro.

O texto, que parte do desacougo, pero tamén da posición de privilexio que ofrece a perspectiva temporal, convértese nunha historia que chama a atención pola cotidianeidade dos feitos narrados que, revestidos dun certo misterio, engaiolan o lector ávido de coñecer as idas e vidas dos protagonistas. Tamén a descuberta do amor e a maxia de determinados lugares esparexidos por Europa, que son constantes na novela, achegan a cercanía necesaria para atrapar a consideración do público máis esixente.

A sinxeleza na expresión, unido a unha certa concesión á coloquialidade encárganse ademais de favorecer unha lectura áxil e agradable da novela merecente do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil no ano 2015.

MACEIRAS, Andrea, Europa Express, Ed. Xerais, Vigo, 2015, PVP. 12 ?

Compartir el artículo

stats