Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reacción, recreación, reflexión

A Xihad na cinematografía

Mike Nichols (1931-2014).

Podo apostar que os meus lectores son capaces de recordar onde se atopaban e que estaban a facer aquel 11 de setembro de 2001. Os sucesos acaecidos no World Trade Center de Nova York xa forman parte da memoria colectiva de todo o mundo occidental, á vez que se alzaba o pano dun novo escenario xeo-político a escala mundial. A industria cinematográfica hollywodiente descubría así un novo inimigo que cumpre todos os requisitos para exercer, nos seus relatos, o rol de "malvado" que antes xa interpretaran, con abundantes doses de maniqueísmo, indios, nazis e comunistas. Aínda que carecemos dunha perspectiva ampla para analizar a incidencia dos atentados do 11S, podemos establecer unha tripla ramificación do tratamento que a industria do cine dispensou ao fenómeno do terrorismo islamista.

A primeira das tres fórmulas de tratamento podemos definila como "reacción", que consiste nunha resposta inmediata e instintiva monopolizada polo medo. O país máis belicoso do século XX sufría, por primeira vez na súa historia, un acto de guerra cometido por unha forza estranxeira no seu propio territorio. A consecuencia é unha dilatada lista de títulos que presentan un mundo apocalíptico. Son evidentes as similitudes das imaxes de pánico polas rúas de Nova York durante o derrubamento das Torres Xemelgas coas secuencias dunha longametraxe como Monstruoso (Cloverfield, Matt Reeves, 2008) ou de The road (John Hillcoat, 2009).

En segundo lugar, temos o que chamarei "recreación"; películas que poñen en forma o devandito ataque terrorista cun estilo próximo á crónica, recreación aséptica sen análise nin ensinanza moral. Neste grupo, ademais de múltiples documentais, atopamos fitas como United 93 (Paul Greengrass, 2006) sobre o avión suicida que non acadou o seu obxectivo: segundo a versión oficial, grazas a valorosa actuación dos pasaxeiros, ou World Trade Center (Oliver Stone, 2006), filme que recolle o traballo dos bombeiros de Nova York durante o rescate das persoas atrapadas nos rañaceos atacados.

A terceira postura, "reflexión", implica unha valoración por parte do narrador-director sobre o fenómeno do terrorismo, as súas causas e as súas consecuencias tanto persoais como sociais. Non se trata de narrar simplemente un feito, senón de profundar para atopar unha explicación, nunca unha xustificación, para as motivacións que empurran a un individuo a cometer o vil acto de arrebatar a vida a outro ser humano. É o que acontece en películas como Paradise now (Hany Abu-Assad, 2005), longametraxe palestina que amosa as últimas horas de dous xoves antes de cometer un atentado suicida en Tel Aviv, ou Syriana (Stephen Gagan, 2005), controvertida película que examina o comportamento das empresas petrolíferas norteamericanas en Oriente Medio. Igualmente enérxico fronte a política exterior de Estados Unidos é A guerra de Charlie Wilson (Charlie Wilson's war, Mike Nichols, 2007), cunha crítica fronte ao imprudente modo de proceder despois de axudar aos muyahidins afgáns a expulsar aos soviéticos.

Pola súa banda, Steven Spielberg reflexiona non tanto sobre as causas do terrorismo, senón máis bien sobre as consecuencias da guerra sucia fronte ao mesmo, en Munich (2005). Neste filme, Spielberg parte dun feito real, os atentados na vila olímpica de Munich no ano 1972, para acabar proclamando a deshumanización que impón a lei hebrea do Talión. Así, a reflexión tamén pode ser emprendida desde un punto de vista humorístico, incluso sobre cuestións espiñentas como o terrorismo. A inglesa Four lions (Cristopher Morris, 2010) é un claro exemplo de humor elegante e obscuro, herdeiro do mítico grupo Monty Python, que esixe unha anchura no ollar de espectador, sobre todo despois das susceptibilidades orixinadas coa matanza de París o pasado mes de novembro.

Retroalimentación

  • Para o pasado 18 de novembro estaba prevista a estrea de Made in France, unha película que no seu cartel publicitario presentaba un Kaláshnikov ocultando a silueta da Torre Eiffel de París xunto coa frase "A ameaza vén de dentro". A sentenza publicitaria acabou por converterse en terrorífica premonición cando o 13 de novembro: é dicir, cinco días antes de que a película fora exhibida nos cines franceses, un grupo de terroristas islamistas acabara coa vida de 129 persoas en París.A reacción da distribuidora foi suspender a estrea en salas de cine, de tal xeito que unicamente poderá ser visionada en formato DVD, aínda que algunhas salas independentes programaron pases restrinxidos da película. A maldición desta longametraxe non queda aquí, posto que en xaneiro xa tivo que pospor a súa difusión comercial, desta vez por culpa dos atentados acaecidos na publicación satírica Charlie Hebdo.A película, dirixida por Nicolas Boukhrief, narra a historia dun xornalista infiltrado nunha célula xihadista que prevé levar unha serie de ataques na capital francesa. Os paralelismos cos acontecementos de hai dous meses demostran a retroalimentación que caracterizan á ficción e á realidade.

Compartir el artículo

stats