Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Por tellado a melancolía

Reflexionando sobre as lindes

Por tellado a melancolía

Teño nas miñas mans o volume Doce lúas, que contén os textos de Héctor Pose (Malpica de Bergantiños, 1964) profesor do ámbito da pedagoxía na Universidade d'A Coruña e as fotografías de Alberto Rodríguez Fariña (Malpica de Bergantiños, 1983). A presente obra invítanos a reflexionar sobre as lindes dos xéneros literarios, que aquí aparecen diluídas. Máis ben podíamos dicir que deliberadamente sen contornos, de tal xeito que o texto (lembremos que o étimo desta palabra procede do urdume dun tecido) acaba sendo o conxunto dos fíos cos que o autor o fabrica. E aplico o termo fíos porque, efectivamente, se trata de elementos de unión subtís, o que na linguaxe crítica se denomina fío narrativo, de tal xeito que o autor devén unha especie de Ariadna que, por medio desas cordas tenues, nos vai conducindo polo labirinto da súa escrita e, tamén, dos seus atormentados adentros. Á súa vez o cordel, ao se despregar, vai deseñando liñas e, por definición, unha liña é un límite pois establece, como mínimo, dous espazos, o que está deste lado e o que está do lado de alá. Non vou seguir por este camiño, pois inmediatamente o lector pode deducir que el, á súa vez, ten de ultrapasar os límites de si mesmo cando le e, despois, as liñas que establece o autor sobre a páxina. Neste caso, tamén, as imaxes fotográficas que aquí se expoñen. O que nos levaría á vertixe.

O experimento efectuado polos nosos autores une dous compoñentes ben diferenciados. Por unha banda, a natureza ollada que, ao se facer fotografía, captación do momento privilexiado, se endurece. Pola outra banda, o texto que, ao ser palabra escrita para ser lida, se abranda. Poñamos o exemplo da foto da páxina 29, que mostra unha impactante ardentía. Esta escena faime lembrar o que dicía Siegfried Lenz, no seu O Barco Farol: "Desde que a luz se acenda neste mastro, os homes nos outros barcos fican satisfeitos, pois xulgan que asín existe orde no mar". Todas as fotografías percorren esa orde e esa desorde marítima: rochedos, escenas portuarias, praias, tabernas vítreas, gaivotas ben difusas, arbustos, lanchas, bandeirolas ao vento... inundan estas páxinas. Intuímos que retratan a liña litoránea malpicá.

Con respecto aos textos, transitan a poesía e teñen: "Por tellado a melancolía". Emanacións líricas que se compaxinan con treitos narrativos, reflexións, aforismos, incertezas que ilustran o desasosego. Para orientar o lector, na contraportada do libro achamos un minucioso esquema argumental que nos ilumina as doce partes en que se divide a obra, cuxo título remite á literatura xaponesa. Argumento que, por suposto, non debo revelar ao curioso lector.

POSE, Héctor e RGUEZ. FARIÑA, A., Doce lúas, Ed. Axúxere, Rianxo, 2015, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats