Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Héctor Cajaraville: "A retranca é a verdadeira protagonista da miña novela"

Héctor Cajaraville, nunha librería de Santiago. FOTO: xoán álvarez

- De remate

-O comezo foi exactamente ese: unha suposta recompilación de artigos dun xornalista inventado por min, e o primeiro que escribín foron esas 22 columnas que aparecen ao longo da novela. Pero logo, iso só pareceu me unha achega moi pobre, e foi cando decidín completar os artigos con algo máis: o diario persoal do protagonista, os seus correos coas persoas da súa proximidade e cos lectores da súa columna e unha morea de textos máis, que son os que van conformando a historia e entre os que hai tamén un testamento, unha denuncia, un poema, a transcrición dunha entrevista radiofónica, anotacións en blogs, críticas literarias...

-Dende un principio, planeou que o que tiña entre mans era unha novela?

-O certo é que non, polo que che dicía de que primeiro foron os artigos e logo todo o demais. Cando decidín que podía probar sorte nos diferentes certames literarios, vin que había moitos de novela e poucos para coleccións de relatos, que era onde podía encaixar unha escolma de artigos. Así que, partindo dos artigos, fun confeccionando o resto da novela, buscando sempre un vínculo entre o que autor escribe cara a fóra, a súa columna no xornal, e o que escribe cara ao seu contorno máis próximo e incluso cara a si mesmo, no seu diario persoal. E unha vez que tiven algo que xa se parecía máis a unha novela, probei no único certame que tiña aberto o prazo de presentación nese momento, que era o Premio Xerais, e en xuño pasado souben que era o gañador.

-Supoño que máis dun xa llo preguntaría antes, pero aí vai: á marxe da coincidencia profesional: que hai de Héctor Cajaraville en Bieito Sanmarful? En que se sente identificado co seu personaxe e en que disente del?

-Si que mo preguntan sempre, si [risos]. Pero é comprensible, porque coincido co protagonista en moitos trazos vitais, máis alá da profesión: a idade, o lugar en que vivimos, Santiago de Compostela, e algúns gustos persoais, como todo o relacionado coa lingua... Pero a partir de aí as coincidencias son poucas, e mesmo ás veces xogo a que Bieito Sanmarful diga cousas que eu nunca diría ou faga cousas que eu nunca faría. E hai unha cousa da que eu disinto con respecto a Sanmarful: a súa actitude indolente á hora de encaixar as traxedias máis ou menos grandes que se lle presentan. Ás veces parece que non ten sangue no corpo, que tanto lle ten todo, pero pareceume que era un tipo de comportamento que se dá con frecuencia entre a xente dunha idade próxima á miña, e por iso o concibín así, un tanto apático e pasivo. Para compensar, teño que confesar que Bieito Sanmarful é moito mellor persoa ca min [risos].

-Malia as reprimendas que recibe ás veces polos seus artigos, Bieito é un xornalista que se implica ata o fondo nas historias que conta. Está a falar dun tipo de xornalismo que xa desapareceu ou aínda existen xornalistas da caste coma el?

-Eu penso que os xornalistas bos sempre saben buscar o xeito de exercer a súa profesión con solvencia e con dignidade, independentemente de imposicións empresariais, de urxencias temporais ou do desencanto que o exercicio de calquera actividade leva aparellado ao cabo do tempo. Pero en calquera caso, é moi difícil atopar no xornalismo de verdade un caso coma o de Bieito Sanmarful, que ten ao seu dispor unha columna diaria na que fala do que quere, desde a perspectiva que el considera e sen que haxa ningún tipo de intromisión canto aos temas que escolle ou ao tratamento que lles dá a cada un deles. Supoño que iso é un tanto utópico, por iso isto é unha novela de ficción e non unha autobiografía [risos].

-De remate

-Si, esa retranca e esa distancia que amosa Bieito en todo o que escribe é para min a verdadeira protagonista da novela, porque non aparece só nos seus artigos, senón tamén no resto das súas comunicacións, cos demais e incluso consigo mesmo. E por suposto que se pode falar de calquera aspecto da vida, por moi próximo que nos resulte e por fortes que sexan os sentimentos que nos unan, cun certo distanciamento con respecto a esa paixón ou a ese apego. Ou a ese odio, porque penso que tamén para os malos sentimentos é unha boa práctica relativizar. E no xornalismo moitas veces esa compoñente máis visceral hai que deixala a un lado, incluso nunha columna de opinión, por moito que custe.

-Antes de que me esqueza: todos estes artigos, que son asinados por Sanmarful, pero que escribiu Vde., son certos?

-Non, non! [risos]. Ningún deles é verídico, malia que ás veces se alicercen en sucesos ou lugares que si o son, como o entroido de Salcedo, o parque do Pasatempo ou o que citabas da Costa da Morte. Pero, a pesar de que son pura creación, penso que todos eles son moi verosímiles, non son pero poderían ser; e talvez niso radica un dos valores da novela: nada do que se conta aquí pasou en realidade, pero todo soa crible e próximo. Como di no limiar o director do xornal no que traballa o protagonista, moitas das cousas que Sanmarful inclúe nos seus artigos só son verdade polo feito de el as contar.

-Acostumado, como xornalista, a estar do outro lado da noticia, que tal leva esta etapa de gañador do Xerais na que o protagonista é Vde., na que non fai as preguntas, senón que lle toca respondelas?

-Pois ao comezo moi mal, porque non son moi amigo de protagonismos e porque todo isto chegou tan de súpeto que apenas tiven tempo de adaptarme. Pero logo vas asumindo o papel e agora xa o levo como unha consecuencia máis desta nova vida que comezou para min logo de gañar o premio Xerais, e que está chea de cousas fantásticas e gratificantes que a estas alturas eu xa non contaba que me puidesen suceder.

-Os xornais dixitais (ou o xornalismo dixital) poden darlle unha estocada de morte a quen se fixeron xornalistas de prensa escrita porque lles gustaba escribir, e en concecuencia, a xéneros como a reportaxe?

-Non o vexo así. Tamén no xornalismo dixital hai espazo para os xéneros máis reflexivos ou de máis lenta cocedura, e en Galicia hai exemplos de xornalismo dixital de enorme calidade. E por moito que outras habelencias poidan facer a súa achega, para conformar un bo xornalista (calidade das fontes, capacidade de análise, adaptación ás preferencias e aos intereses dos lectores...), unha boa escrita segue sendo o máis importante para que o xornalismo sexa merecente dese nome. Pode haber grandes xornalistas sen algunha desoutras destrezas, pero dun escritor mediocre nunca sairá un gran xornalista.

Compartir el artículo

stats