Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cantares de noso

O pobo vigués pode sentirse orgulloso da súa contribución á cultura galega

Vista xeral de Vigo na segunda metade do século XIX.

No século XIX Vigo foi capital de provincia homónima por dúas veces. En ambos casos o carácter liberal e progresista da urbe condicionou a decisión gobernamental. A decidida loita pola liberdade, tanto en 1820 como en 1840, foi recoñecida polas novas autoridades coa declaración de capital. Orgullo para nosoutros, os que profesamos a defensa dos ideais revolucionarios: liberdade, igualdade, fraternidade. Calquera vigués debera saber que na rúa Real aínda se mantén en pé (e agora felizmente rehabilitado) o edificio que fora sede do goberno provincial.

Así mesmo, calquera viguesa debera saber que aquel poder político instalado na cidade trouxo consigo as primeiras maquinarias de imprenta con cadanseu dono (lembremos Pascual Arza ou Sebastián Iguereta) e a posterior publicación de cabeceiras xornalísticas, alén dos primeiros libros e follas soltas. A letra impresa circula entón por cafés, cruces, prazas, feiras, soportais, reboticas, salóns, peiraos, liceos, ateneos, adros, dársenas ou obradoiros artesanais.

O século XIX foi para este hinterland non só o período de apoxeo industrial, enraizado no Siècle des Lumières, ou a explosión demográfica e urbanística; tamén foi o verdeguear da nosa cultura. No relato cívico de Vigo debemos incluír esta faceta brillante que se tende a esquecer ou ocultar cando os contributos á arte galega foron notables se non sobresaíntes.

Vigo non debe nin pode renunciar á súa historia cultural. Sería cuspir a sotavento; ocultar a nosa identidade; extirpar parte da nosa anatomía. Infravalorar o papel da cultura galega na nosa urbe é un xesto de analfabetismo impropio do noso tempo. Mesmo en termos económicos: as dúas principais editoriais galegas están en Vigo, por exemplo. Mais sobre todo, temos que reivindicarnos en termos de prestixio social e de produción intelectual.

A esfera cultural ocupa (con pleno dereito) un nobre e diamantino espazo da vida viguesa porque nela, na arte, se expresan os valores, as arelas, os desexos e os sentimentos dun pobo que coa súa férrea súor atlántica solda o porvir.

Por esta razón atrévome a soster, unha vez máis, a capitalidade simbólica de Vigo no Rexurdimento. Este mérito está plenamente xustificado polo parto dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro na rúa Real, na imprenta de Juan Compañel (quen lle dá nome á Biblioteca Municipal). Adoito se di, mesmo entre algúns investigadores, que a publicación do libro rosaliano foi un feito fortuíto porque o ambiente cultural era máis notorio na Coruña ou Compostela. Unha sentenza que a pescuda académica retruca e rebate.

En Vigo, dende 1854 (de novo, ano célebre para os progresistas), constituíuse un nutrido círculo social demócrata interesado e ligado ao espertar literario da nosa terra. O propio fundador e director de FARO DE VIGO, José María Posada, militaba no provincialismo moderado e publicaba poemas en lingua galega. Pero será a estirpe dos Chao quen dea ouro ás páxinas da prensa e imprentas locais. Aquí publicouse La Oliva e El Miño, os dous xornais máis importantes do Rexurdimento pleno, onde colaboraron todos os nomes significativos daquel movemento; aquí se publicaron as primeiras obras de Rosalía e Murguía; aquí se preparou a publicación dos versos de Pondal ou Aurelio Aguirre; aquí se mantivo aberta dúas das tipografías máis coñecidas: Compañel e Ángel de Lema.

Con todo isto, atrévome a falar do Vigo capital simbólica do Rexurdimento porque, no eido cultural, execermos esa capitalidade (sen menoscabo das outras cidades irmandadas) moitos máis anos do que a propia experiencia político-institucional.

O pobo de Vigo pode sentirse satisfeito coa súa contribución, pasada e presente á cultura galega. Miremos, pois, a nosa historia como a dunha cidade industrial, populosa e culta. Subliñadamente culta

Compartir el artículo

stats