Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O descenso ás orixes

Polos versos libres do poeta galego. Na súa poesía o sentido e a falta de sentido coexisten para anular a súa mesma oposición

Coñecín a Carlos Oroza nun acto multitudinario celebrado en Compostela, no xa remoto 1979, para homenaxear a Celso Emilio Ferreiro. Chegamos ao Pavillón do Sar subindo unha lameira e, entre as miles de persoas alí congregadas, Víctor Freixanes ía dándolle a voz a cantores e recitadores que se sucedían no palco escénico. Nun determinado momento, saíndo de non se sabe onde, un home fraco, con serena vehemencia, declamou: "Poe Poe Poe/Poe haciendo ruidos en el agua". Soaba como un himno ou unha hipnose, ou un salmo que se repetía magnífico e estraño no noso entendemento. Era Carlos Oroza en pleno exercicio de declamación. Aquilo fascinoume tanto como cando escoitara outro extraordinario rapsoda, Uxío Novoneira.

A partir de entón trabei coñecemento dun poeta que camiñaba por libre na literatura en castelán. Así o comprobei lendo Caballum (1980) e Alicia (1985). O primeiro aspecto que me chamou a atención era esa dimensión rupturista, underground, que levou a algúns críticos a consideralo como un membro lonxincuo da Beat Generation norteamericana, emparentándoo coa ouveante poesía de Allen Ginsberg, un emulador na nosa terra do movemento hippie que golpeou o gusto público (Maiakovski dixit). Na miña opinión o poeta viveirense coincide na ruptura do xesto, mais non nas profundezas da súa escrita. En Oroza o sentido e a falta de sentido coexisten para anular a súa oposición. A intensidade do instante pretende plasmar outro tempo fóra do tempo. O exercicio da escrita non é escravo do devir, leva dentro de si outro devir, que o poeta desexa captar e comunicar. A súa poesía non está suspendida en fíos racionais, mais no desexo de a dicir. Ser dita para ser sentida. Non pide o razoamento, mais a com-paixón, sentirnos apaixonadamente xuntos. Neste senso, o labor poético de Oroza si que se enmarca na psicodelia, na poesía das marxes, na periferia da desmesura.

O segundo aspecto máis salientábel é o da declamación. Oroza, sendo un rupturista, é un poeta das orixes, pois pretende voltar á oralidade da lírica primitiva. O seu recitado colinda coa actuación do chamán, coa videncia do gurú, co delirio do místico. Convén subliñar que nel o declamador non muda de alma. Trátase non tanto de recitar unha verdade como de desvelala desde o seu interior. Efectivamente, o noso autor viviu en poeta, rachando a delgada fronteira entre a súa literatura e a súa biografía. Isto recibe o nome de coherencia. Mais tamén podemos agregar que, desde esta perspectiva, a poesía en Carlos Oroza é unha experiencia. Ao escoitalo, experimentamos a convulsión da súa lectura. As sílabas transpórtannos a un lugar sen linguaxe. A poesía faise acto, comuñón e conmoción. E tamén misterio. Este é o terceiro ingrediente fundamental no seu corpus poético: a sedución que exerce sobre nós a tentativa de unir a conciencia e a inocencia, a experiencia e a expresión.

Lembremos que a verdadeira intención da poesía, desde épocas dispares, é a de expresar os soños, o seu balbuceo inconsciente ou, mellor, inocente. Procuramos, desde a noite dos tempos, o home perdido, o cándido, desprovisto da astucia dos espertos ou da malicia dos sagaces, aquel que leve en si toda a pureza. Desde a Ilustración, a cultura occidental tratou de recobralo ou de soñalo. Neste camiño de regreso ao Edén, a poesía foi a forza primixenia que o tentou. E esta tentativa foi, a un tempo, unha invitación á rebelión e unha rebelión en si mesma: invítanos a vivir despertos os nosos soños.

Asistir a unha lectura pública dos poemas orozanos supuña precisamente ese acto de vivir despertos os soños do poeta. Un acto de exaltada nostalxia por ese estado perdido, por esa inocencia fuxida para sempre. Carlos Oroza é un poeta orixinal, como quería Chesterton, non pola súa novidade, mais polo seu descenso ás orixes.

Compartir el artículo

stats