Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As microesculturas de Vailongo

Ignacio Basallo na Galería Lilliput

Microescultura exposta na mostra da Galería Lilliput (Vigo).

Vailongo é o título -con xogo semántico-ortográfico- co que presenta Ignacio Basallo (Ourense, 1952) unha mostra da súa (micro)produción escultórica na viguesa Galería Lilliput da Libraría Versus, exposición que foi inaugurada o pasado 12 de novembro.

Nestes traballos en pequena escala podemos percibir que o traballo do escultor galego xorde dunha intensa reflexión ao redor da materia -nesta ocasión pólas de herba luísa- mimada polo artista, e ten como punto de partida, como orixe máis profunda, a súa experiencia vital e cultural. A cerna desta experiencia é, sen dubida, o estudo das técnicas de carpintaría, nunha valoración do traballo artesanal, polo que este ten de valor fundamentado secularmente e pola súa fonda verdade e transcendencia.

Esta toma de postura do artista non é nova nin descoñecida no noso contexto, mais o traballo permanente de Basallo, o conxunto da súa obra, ten a virtude de se situar nun ámbito de reflexión que ten moito que ver coa construción da identidade cultural galega e a súa posíbel virtualidade no noso presente. Cómpre lembrarmos que historicamente a construción dun espazo cultural nacional se fixo tendo moi en conta a tradición -pénsese no Movemento Renovador da Arte Galega nas primeiras décadas do século XX-. Naquela altura os signos da cultura galega (mesmo a etnográfico-folclórica) e os da cultura da vangarda internacional hibridizáronse, non sen perigo, xa que no propio éxito desta articulación, na súa facilidade latexaba o risco de anquilosamento, que inevitabelmente deu lugar a unha reacción.

A maior abondamento, é preciso lembrar que os nosos artistas non actuaron dun xeito anacrónico, ben pola contra, xa que o popular -por anticlásico- era un dos referentes das vangardas históricas (W. Kandinsky, vangarda rusa, Sonia e Robert Delaunay, Amadeo de Sousa Cardoso...).

Na escultura galega o peso destes elementos de tradición popular sempre estivo presente, mais foi nas últimas décadas, especialmente nos oitenta, cando xurdiu unha nova fornada de creadores que realizan unha obra renovadora, cunha marcada vontade de conexión coas correntes internacionais, mais sen renunciaren á utilización de referentes de identidade. Neste contexto a aposta escultórica de Basallo adquire un valor e un sentido singular e en certo sentido exemplar.

As preocupacións formais levan o noso escultor á combinación de madeira con outros materiais, á reflexión sobre o simétrico e asimétrico ou sobre o equilibrio, procurando coas súas construcións abstractas o dominio das ligazóns que establecen as diferentes formas, fuxindo da escultura como bloque compacto, como pura masa, de aí a atracción que sempre recoñeceu por escultores como Alexander Calder ou Julio González, que con diferentes fórmulas plásticas seguiron tendencias que romperon o monolitismo do bloque. Todo un proceso, con moito de lúdica fruición, que as pequenas pezas presentadas na Galería Lilliput amosa con toda claridade.

Título: Vailongo

Artista: Ignacio Basallo

Local: Galería Lilliput-Libraría Versus, Vigo

Desde o 12 de novembro

O pulo natural da materia

  • Unha análise das claves estéticas do escultor galego permítenos contemplar cómo desenvolve na súa obra estes dous polos: a fidelidade á tradición desde o material e a aposta pola construción desde fórmulas de vangarda.Na mostra podemos contemplar pequenas pezas nas que domina a singular utilización das pólas de herba luísa, pequeno arbusto do que acaba por tirar sorprendentes cualidades formais. Cómpre ter en conta que o traballo de Basallo é fondamente conceptual e parte dunha reflexión sobre a capacidade de manipulación e reinterpretación que o material posibilita, tendendo a unha elaboración que parte dos elementos modulares, pero que a diferenza, por exemplo, do minimalismo, teñen un inequívoco pulo "natural" que lle imprime á materia o tratamento seguido polo escultor.Todas as series desenvolvidas polo artista desde os anos oitenta teñen como premisa estes principios. A partir de materiais recollidos e reelaborados xorden pezas que posibilitan a reflexión sobre o valor da materia e do obxecto e permiten unha "lectura" que evidencia as relacións formais e espaciais. Novamente, contemplando estas novas pezas, ensartadas ou ensambladas, temos constancia do xeito no que se conforman como construcións e como espazo, sometidas a diferentes tensión e equilibrios, nas que a combinación do aéreo e o sólido xoga un papel sobranceiro.Estes son os presupostos que segue Ignacio Basallo para a exposición Vailongo e, como en toda a súa obra, realiza un intenso traballo sobre o sentido da manipulación da materia na súa tridimensionalidade, sobre as miraxes non só no sentido visual de falsas impresións senón, sobre todo, no sentido conceptual, reflexionando sobre a capacidade de manipulación, sobre o discutíbel das verdades absolutas cando de obxectos e imaxes falamos. As esculturas de Basallo son tamén -aínda que non só- un intelixente e constante xogo lúdico que proclama as verdades ambiguas que ten toda auténtica obra de arte.

Compartir el artículo

stats