Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Marcos Campos: "Está a piques de estoupar un novo 'boom' da música galega"

O gaiteiro Marcos Campos. FOTO: ELI REGUEIRA

- Vde. xa ten dirixido outras bandas, pero supoño que este é un caso algo especial. Que lle supón, daquela, este nomeamento como director de Xarabal?

-Pois é unha desas propostas que che tocan un pouquiño o corazón, xa que dirixir a banda onde me formei como músico e como persoa, e continuar o gran traballo feito polo meu mestre Antón Corral, eran soños da infancia que sempre rondaron a miña cabeza.

-En xeral, que diferenzas de nivel, formación musical e incluso persoal atopa entre os membros actuais de Xarabal e os que tiñan os da súa xeración?

-Hoxe en día, a meirande parte dos compoñentes de Xarabal teñen formación musical de conservatorio, cousa que antes non sucedía, e no plano persoal, a banda é unha gran familia onde hai un interese común: traballar con respecto, cooperación e amizade, tal e como se fixo dende os inicios do colectivo no ano 1984.

-Anxo Pintos, Carlos Núñez, Budiño, Vde. mesmo?Cal era o segredo daquela Xarabal da súa xeración para que saísen tan grandes e recoñecidos talentos da gaita?

-Penso que ese segredo o saben todos os que pasaron nalgún momento pola banda: a paixón polo que faciamos dende ben nenos, o respecto pola música, en xeral, e a galega en particular, a facilidade para acceder a novos punteiros, pitos, requintas, zanfonas, gaitas estranxeiras.... Pasabamos as tardes na Universidade Popular de Vigo xunto a Antón, quen nos facilitaba e transmitía en todo momento a súa sabedoría e bo facer.

-En que aspectos vai procurar que se note a súa man na dirección de Xarabal? En cales manterá a tradición da banda, o seu xeito de funcionar e formar músicos, e en cales introducirá cambios para "modernizala"?

-Como todos os colectivos, Xarabal pasou por diferentes épocas. Agora mesmo, están en funcionamento as escolas de gaita e percusión no centro de Vigo, onde os aspirantes preparan o repertorio con profesores altamente cualificados que deciden cando o alumno debe incorporarse á banda. Aínda que un dos obxectivos é conservar o repertorio identificativo de Xarabal, tamén iremos enriquecendo este con composicións comtemporáneas (algunhas dos propios compoñentes) e xoias da nosa música tradicional.

-As bandas de gaitas cumpriron no seu día, entre outros, un labor de base para que xurdiran aqueles grupos folk dos 90. Segue sendo ese un dos seus principais obxectivos?

-Non creo que sexa un obxectivo da banda de seu o que si sucede é que nun colectivo de máis de 60 persoas coas mesmas inquedanzas, sempre xorden subgrupos e algúns acaban sendo formacións de éxito no panorama folk galego. O principal obxectivo de Xarabal é ofrecer un espectáculo de calidade en todas e cada unha das súas actuacións.

-Desde fóra, semella que se perdeu aquela figura do gaiteiro-mestre, tipo de Ricardo Portela, en favor da formación de conservatorio. Tense esa mesma impresión dende dentro ou aínda existe e se sinte respecto pola sabedoría e o carisma do mestre?

-Por suposto que os vellos gaiteiros sempre son tidos en conta, porque grazas a eles moitos de nós podemos dicir que a nosa profesión é a de "GAITEIRO". Ricardo, ao que tiven a sorte de coñecer, era un home que se facía respectar polo mundo adiante como gaiteiro profesional, e quen non amosaba tal respecto cara ao seu oficio non era santo da súa devoción.

-Que lle aconsellaría a un xove membro de Xarabal que aspire a converterse no seu día nun, digamos por exemplo, Carlos Núñez?

-Principalmente aconsellaríalle que sexa constante no estudo e no ensaio, e despois que desfrute do que fai, que o faga con paixón e, o máis importante, que aprenda a transmitirllo ao público.

-Vai seguir compatibilizando a dirección de Xarabal e outras experiencias musicais das que forma parte?

-Por suposto, sempre que o traballo o permita, seguirei cos meus proxectos: Riobó, Pelica de Can e Crema de Gaita.

-Que condicións terían que darse para que xurdise un "boom" do folk galego semellante ao que xurdiu nos anos 90?

-Eu creo que foi un ciclo que se pechou e en breve voltarase a abrir, xa que actualmente o nivel e a proliferación de músicos folk de calidade é altísimo,. Cando un alumno cumpre os obxectivos, normalmente o seguinte paso é facer un grupiño ou empezar a tocar con alguén que lle abre as portas a este negocio. A percepción é que os programadores volven ter en conta este tipo de formacións, e son conscientes da calidade dos espectáculos que ofrecen así como da cantidade de público que mobilizan. Esperemos que o "boom" volte, pero de sete estalos!!!

-Xa non se fala daquela "guerra de gaitas" que tiña como telón de fondo á Real Banda de Gaitas de Ourense. É que "estalou a paz" ou simplemente que os medios de comunicación xa non se fan eco das "liortas" entre gaiteiros?

-Naqueles anos, a falta de información imperaba. Hoxe en día teño por certo que a inmensa parte dos galegos (tamén os políticos) saben que aquel modelo non reivindicaba en absoluto o noso, que había un gran ambiente de confusión, e que a música galega era o que menos importancia tiña dentro daqueles movementos de miles de gaiteiros, hoxe en declive.

-Coa perspectiva que dan os anos, que diagnóstico fai do estado actual da música tradicional galega?

-A música galega goza dunha excelente saúde, os novos discos teñen unha calidade excepcional, novas bandas, solistas, instrumentistas de primeira, producións de primeiro nivel... Penso que non somos conscientes do potencial artístico exportable que temos en Galicia, algo falla na cadea. Na nosa terra temos a sorte de ter unha morea de festivais por toda a xeografía, o 90% deles son gratuítos. Isto fai que cada vez sexa máis dificil por parte dos organizadores asumir os costes de ditos festivais e moitos deles van morrendo ano a ano. Penso que debemos cambiar o chip e pensar que a cultura non é gratis.

-Sería partidario de que en todas as verbenas que se celebran ao ano en Galicia houbese por obriga que contrata alomenos un grupo de música tradicional galega ou unha banda de gaitas?

-Tamén as comisóns de festas deberían cambiar o chip e ampliar un pouquiño o abano de estilos musicais para celebrar unha festa. Por exemplo, se a festa patronal dura tres días, por que non adicar unha noite a algo que non sexan dúas orquestras? (con todo o meu respecto ás excelentes orquestras galegas) Señores, hai que darlle un pouquiño á cabeza, que o tendes ao lado da casa!!! Aí o deixo.

Compartir el artículo

stats