Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Perversión narcisista

O Amor a imaxe de si mesmo

O filósofo e psicólogo francés Michel Foucault (1926-1984).

En non poucas ocasións, téñenme preguntado sobre o comportamento ou actitude de persoas dedicadas á política, en función da miña condición de psicanalista. Sempre respondo o mesmo: "Non se pode psiquiatrizar a vida que xa é de seu moi complicada".

Que sabemos da saúde mental dos nosos dirixentes políticos? É compatible a súa actividade publica cos efectyos dun posible trastorno mental? Freud e Lacan xa nos advirten de como o desenvolvemento da pulsión sexual (libido pode estancarse ou perturbarse de tal forma en moitas persoas, resultando que estas tomen o Ego na súa totalidade como único obxecto de amor. Trátase, entón, de persoas narcisistas que se identifican de forma neurótica ca súa imaxe idealizada. A libido, neses casos, estaría dirixida cara si mesmo.

A perversión, porén, aparece como un estigma, enlazando o mal moral co trastorno mental e provocando a aparición da mesma perversión na pulsión sexual. Aparecen así toda unha serie de trastornos tocante á esfera sexual: atracción polos cadáveres ou necrofilia, gusto polos animais ou obxectos inanimados... No perverso xoga a intensidade anormal do seu imaxinario erótico e dunha causalidade patolóxica que o desborda. O paso ao acto é incontrolable, resulta brutal.

Existe, pois, a perversión narcisista? Así a denomina o psicanalista francés Paul-Claude Racamier (1986) no seu artigo: "Entre agoníe psychique, deni psychotique et perversion narcissique" (Revue française de psychanalyse), e foi popularizada desde 1990 polos psicanalistas Alberto Eiguer e Marie-France Hirigoyen, que nos mostran a interdependencia do perverso narcisista e a súa vítima. Un non pode existir sen o outro.

Racamier ve na perversión narcisista: "unha capacidade a meterse o abrigo dos conflitos internos, e particularmente da dor, facéndose forte en detrimento dun obxecto manipulado como un utensilio ou un facerse valer". O perverso narcisista é habitualmente intelixente e refinado. Contrariamente ao home malvado, os seus vicios e comportamentos son reflexivos; as súas maneiras de ser e de pensar non teñen a vulgaridade do necio. Estes individuos pensan de forma corrompida desde as súas raíces, están para alén da transgresión, mais aló do ben e do mal, ignorando os remordementos e facendo o mal polo só feito de facelo. Trátatase de xentes que teñen un comportamento amoral,trocando os valores pola conveniencia. A persoa malvada, contrariamente, recoñece os valores a pesar de que os trasgrede. É sabedor do mal que fai, pero empurrado polo odio ou a culpabilidade, non pode deixar de facelo. O seu comportamento vén ser totalmente inmoral. Unha personalidade anormal e asocial (os que se denominaban psicópatas) non é capaz de dominarse. O perverso narcisista, sen embargo, pode ponderarse en todos os pequenos detalles.

De cara a atoparse cunha persoa perversa narcisista, só hai dúas maneiras posibles de eludilos: a indiferenza, que o reenvía á frialdade dunha dor (real ou simbólica) ou a fuxida. Eles sempre tratan de angustiar o outro; non hai nada que esperar da súa parte, soamente saírmos indemnes.

O cineasta Lars von Trier é perverso? Realizador da triloxía Antichrist, Melancholia e Ninphomaniac comenta: "sienós decidimos que somos as peores persoas do mundo, ninguén poderá convencernos do contrario, e, sen dúbida, temos razón". Lars von Trier colle o concepto máis desagradable da relixión, o pecado, e faino sobrevivir mais aló dela: "Acordes a unha relixión que non existe aínda...acordes a un deus que aínda non se ten manifestado...". Nos filmes do realizador austríaco Michael Haneke existiría un momento onde a liberdade lle permitiría ás persoas facer o mal.

Goce e dor

  • A perversión para Foucault é un termo médico utilizado para cualificar as alteracións orgánicas e funcionais.Constitúe unha norma dominante? É unha etapa necesaria no campo da sexualidade? É ante todo un trastorno masculino? Acada un sentido cando se di perversión narcisista? A linguaxe literaria tivo, e ten, unha forza perversa. Aparece como unha arte da manipulación, do travestismo ou da crueldade, é o caso de autores como Shakespeare, Genet, Nabokov ou Dostoïevski. No cinema, Hitchock tampouco queda fóra do debate.A persoa perversa narcisista non admite a súa condición. O seu pensamento é: "facer ver os demais como perversos". Non soportan ter pensamentos sans cara aos demais e cara á sociedade. Necesitados de adulación e recoñecemento, séntense insuperables e especiais, demandando sempre un trato preferente. Os seus erros e responsabilidades son dos outros.Os narcisitas precisan ser admirados, buscan o compadreo constante para satisfacer os seus desexos a costa dos outros, utilizándoos para os seus fins. O goce pode marcar o triunfo temporal dos seus fantasmas sobre o real. Porén, mesmo se ese triunfo non é no fondo unha sorte de rapto, unha toma do poder, acaban sempre por saír queimados ao día seguinte dunha actividade.

Compartir el artículo

stats