Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Vistas monumentais

O paisaxista galego Jenaro Pérez Villaamil, sorpresa agradable dunha das salas do Museo do Prado

Unha das sorpresas máis agradábeis para un espectador galego no Museo do Prado é a que o espera nas novas salas dedicadas á pintura do século XIX. No ámbito dedicado ao paisaxismo romántico encontrámonos co pintor galego Jenaro Pérez Villaamil (Ferrol, l807-Madrid, 1854). Nesta sala podemos contemplar unhas Vistas monumentales de ciudades españolas. Trátase dun conxunto inédito até hai moi poucos meses, realizado polo artista entre 1835 e 1839, formado por corenta e dúas vistas pintadas sobre soportes de plancha metálica, organizadas polo propio pintor nun díptico de follas simétricas rematadas en sobrias arquivoltas oxivais sobre columnas. Pola súa concepción e carácter, estamos perante un conxunto único no seu xénero dentro do movemento romántico español que o museo madrileño vén de restaurar logo de adquirilo recentemente en Gran Bretaña.

Jenaro Pérez Villamil viviu e traballou na primeira metade do século XIX, un período en que se asiste en todo Occidente ao auxe da burguesía, que tenta por medio da arte, en especial da pintura, representar a súa imaxe como clase, xa que non se sente identificada coa que proxectan os sectores sociais tradicionais, ligados ao Antigo Réxime, e quere, ao tempo, transmitir a súa visión ao conxunto da sociedade, co claro obxectivo de crear unha imaxe burguesa. Neste sentido o artista, de fondas conviccións liberais, mesmo chega a loitar contra a invasión absolutista dos Cen Mil Fillos de San Luís en 1823, defendendo este espirito renovador tamén no político.

Unha das manifestacións desta nova sensibilidade será a pintura de paisaxe -á que se adscribe Pérez Villaamil-, un fenómeno relativamente novo na historia da arte, que como tema de debate teórico gañara protagonismo no XVIII coa sensibilidade prerromántica do pintoresco e o sublime, e que atinxe unha nova dimensión no século XIX, en especial no ambiente artístico e intelectual que o romanticismo favorece. A paisaxe convértese daquela en instrumento para expresar un sentido da relación do home co mundo externo, non como fora na pintura anterior, un sistema de abstracción, senón como produto dun estado de ánimo interior que se proxecta sobre unha realidade tanxíbel.

Nesta liña, a obra do noso artista é reflexo da fiel da evolución cultural do seu tempo, estando as súas románticas paisaxes inspiradas na pintura nórdica, carentes os contextos galego e español dunha tradición paisaxística importante.

Grande viaxeiro, a partir de 1833 -sen dúbida debido ao seu encontro co pintor británico David Roberts (Stockbridge, Edimburgo, 1796- Londres, 1864) ao que coñece en Sevilla- realiza un paisaxismo á inglesa, no que podemos percibir o interese polos temas exóticos, o gusto polo afastado, os monumentos, o mundo medieval, marcadamente romántico e literario. Romántico é tamén o seu luminismo que lembra moito o do seu mestre e amigo David Roberts. Os seus cadros de viaxes e as súas mariñas sitúanse entre o soño e a fantasía arquitectónica, aínda cun pé no século XVIII, pero xa cun ideal cultural de matriz vivencial.

Cidades de España

  • A obra que podemos contemplar no Museo do Prado -que ten como título de Vistas monumentales de ciudades españolas- é testemuño do interese do artista pola captación de paisaxes e monumentos, que encaixa no cadro da ollada pintoresca e romántica a respecto da realidade española, moi do gusto dos viaxeiros estranxeiros, en especial británicos. De feito estas vistas foron encargadas ao artista polo embaixador británico en Madrid Georges Villiers, máis tarde Lord Clarendon. Trátase dun traballo excepcional, elaborado polo pintor galego do natural na técnica do óleo, unha técnica que habitualmente utilizaba só no seu estudio. Este conxunto de cadros amosa a enorme habilidade do artista na representación de exteriores e interiores arquitectónicos, tendo, alén diso, o interese de que algúns deses monumentos, xa en ruínas, desaparecerían despois. Tamén evidencian a destreza no traballo directo ao óleo co pincel sobre a plancha metálica, para o que o noso pintor realiza unha superposición de camadas moi esluídas de pintura e un toque final con pigmentos que resaltan os efectos da luz sobre as ricas ornamentacións mudéxares e góticas, os estilos que predominan nas últimas vistas.Globalmente, supoñen un ensaio do que será a súa larga dedicación posterior á representación de monumentos, que o levaría a asumir a dirección artística da España artística y monumental (1842-1850), proxecto editorial para cuxas litografías forneceu debuxos e acuarelas moi relacionados nos seus encadramentos con algunhas destas obras, segundo revelan os exemplos dos libros expostos na mostra.Alén destas vistas, na sala Villaamil comparte espazo coa obra do seu mestre, David Roberts, permitindo enxergar as enormes afinidades dentro dunha estética que entende a paisaxe desde un forte subxectivismo e cargado de boas doses de exotismo orientalizante.

Compartir el artículo

stats