Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Museos efémeros

Espazos para a fluidez

Vista dun dos espazos do Museo Temporal da Moda (Rotterdam).

A moda é efémera; pódese dicir que é o cumio das vaidades. Aínda non recoñecemos unha tendencia, cando ten de ser fagocitada por outra máis nova. A beleza da moda ten moito de letal, como naqueles bodegóns do século de ouro español nos cales se retrataba o inexorable paso do tempo cara á senectude e a morte. O tempo fuxindo é o propio da moda. Daquela, un museo efémero de moda parece unha idea doada. En Rotterdam veñen de converter o Het Nieuwe Instituut, un edificio contemporáneo dedicado de cotío a exposicións de arquitectura e deseño, en museo de moda. O Temporary Fashion Museum permanecerá aberto durante oito meses, até maio do 2016, presentando unha constelación de mostras de moda baixo a coordinación de Alexander van Slobbe e Francisco van Benthum. A proposta da exposición tenta debater sobre a difusa liña de separación entre comercio e cultura, afondando no debate da natureza do museo e tratando, dende unha perspectiva conceptual, a natureza da moda. Entre outras vaidades, preséntanse pezas de roupa de produción en serie ou prêt à porter, trocadas en pezas de observación ao teren alterada a súa escala.Unha sección chamada "Collected by?" ("coleccionado por?"), presenta a colección de Ferry van der Nat e Eva María Hatschek. A mostra ten sido deseñada polo estudo holandés Makkink & Bey, os autores do deseño da exposición itinerante de Jean Paul Gaultier do ano pasado. E do mesmo xeito que sorprenderon á audiencia cunha instalación para o deseñador francés, que ironizaba sobre a beleza e o humor, desta volta propoñen como vitrina de exhibición unha estrutura industrial concibida para almacenar e dispensar caixas, que serve arestora para a roupa. Ademais os visitantes son animados a tocar, probar e mesmo mercar moitos dos obxectos en exhibición. Os críticos e comisarios de arte holandeses caracterízanse por ser tan intelectuais como lúdicos nas exposicións que organizan. Nesta ocasión, o director do Museo de moda temporal, Guus Beumer, explica que atoparon interesante experimentar un primeiro museo de moda en Holanda, onde moitas institucións contan con fondos téxtiles e de moda, mais ningunha está integramente dedicada a esta cuestión. Por outro lado, no século XX, téñense convertido os museos en espazos comerciais, mentres que as tendas teñen trocado as súas mercancías en bens de culto e colección. Esta subversión de funcións resulta interesante para o museo temporal de moda, onde se expón como obxecto de creación unha moda que pode ser usada e mesmo mercada.

A moda, cando entra no museo, incorpora esa calidade de obxecto admirable, algo que se pretende poñer en cuestión ao valorar a propia existencia do enderezo onde se expón como algo de duración predeterminada. A moda non se presenta de xeito exento no museo, de feito que a dos anos cincuenta se relaiona co fogar; a dos anos sesenta e setenta coa rúa e mais a cultura pop. Os anos oitenta relaciónanse coa discoteca e os noventa coa pantalla global. Até chegar aos tempos actuais que se presentan como un laboratorio de formas.

O que resulta máis salientable da mostra é que teña acadado con éxito a tradución de todos os conceptos intelectuais de fondo (o tempo, o museable, o comercial, as funcións da arte, as utilidades da moda, a inversión de roles), nun conxunto de espazos lúdicos: territorios devidos ideais para comunicaren plasticamente a fluidez da moda.

Moda conxelada

  • A idea dun museo temporal de moda, que agora ocupa o Het Nieuwe Instituut, resulta atractiva e rotunda para trasladar á audiencia as novidades entorno á moda intelectualizada. Non é, sen embargo, a primeira volta que se fai unha musealización temporal ou conxelación da moda. No ano 2012 o artista Francesco Vezzoli, colaborando co equipo de arquitectura AMO de Rem Koolhaas, creou o "24 hours Prada Museum", un espazo efémero no palacio d´Iena de París, que era unha mestura da discoteca Studio 54 cunha instalación de neon de Dan Flavin. Todo iso no ámbito mercantil-intelectual da firma italiana Prada. A roupa e os complementos serviron de leitmotiv a un museo efémero de arte-moda que máis pareceu unha festa eterna que un xélido e hierático espazo museístico.Cando no ano 2009 o deseñador de roupa deportiva exclusiva, Dirk Bikkembergs, creou un apartamento para o defensa do Brera, Andrea Vasa, a especulación do espazo da tenda, trocado en territorio expositivo, alcanzou un súmmum. Daquela, a vida do xogador de fútbol no apartamento era una acción performativa, observable en igualdade da condicións que as zapatillas deportivas, as gafas de sol ou os traxes creados por Bikkembergs. Noutro ámbito, o modisto Raf Simons recreou no ano 1998 o seu apartamento branco de Anveres, na Stazione Leopolda de Florencia, onde tres adolescentes haberían de pasar o tempo de apertura da Biennale di Firenze. Esa conxelación da moda masculina, con aires de eterno adolescente da colección de Simons dese ano, non era senón unha creación dun museo temporal performativo, dentro dunha mostra de arte e cine.Así pois, o museo, temporal ou non, está sendo invadido pola moda, do mesmo xeito que a moda ten invadido as nosas vidas dende os anos oitenta.

Compartir el artículo

stats