Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Joaquim Ventura: "Otero Pedrayo estableceu unha alianza de por vida con Galiza"

O ensaísta catalán Joaquim Ventura en Barcelona. FOTO: c. pardilla

- ChamaLembranzas

-Cando fixen a tese, falo de 1996, todos os indicios apuntaban a existencia dunha primeira parte, que Otero Pedrayo regalou a Domingo García-Sabell. Escribinlle ao respecto e respondeume (en carta con papel da Real Academia Galega, que daquela el presidía, e que conservo) que non posuía tal manuscrito nin tiña noticia da súa existencia, malia que parcialmente en Grial apareceran uns anacos da segunda parte das Lembranzas, xustamente nun volume no cal el tamén colaboraba. Ignoro as razóns de tal resposta. O certo é que o manuscrito da primeira parte non viaxou á Fundación Barrié de la Maza cando García-Sabell negociou a doazón dos seus papeis coa institución coruñesa porque nela non souberon darme noticia. Cando Ramón Villares e Galaxia pensaron na publicación do manuscrito custodiado na Biblioteca Municipal de Vigo, eu xa tiña transcrita a parte agora publicada e daquela aínda non había certeza da situación da primeira. Con todo, o feito é que Teresa García-Sabell, un tempo despois, atopou nun recuncho da súa casa o manuscrito e nel pódese ver a dedicatoria de Otero. Quero pensar que tal vez polo tempo pasado desde a entrega, Domingo García-Sabell esquecera completamente a súa existencia.

-Que importancia ten a estadía en Madrid de Otero Pedrayo no conxunto da súa biografía e do seu pensamento intelectual e político?

-Non cabe dúbida que boa parte do que Otero sabía, aprendeuno cando estudou en Madrid. Pero penso que non habería moita relación entre o Otero de vida regalada que pasaba tempadas na capital e o Otero adulto concienciado desde que se instalou, xa casado, en Ourense. De feito, apenas tivo relación cos ambientes galegos de Madrid naqueles anos e nas Lembranzas tampouco hai confesións de tipo político que resulten significativas.

-Cales foron entón os círculos intelectuais do Madrid da época que máis frecuentou e cales os personaxes cos que tivo maior relación?

-Á parte das facultades de Dereito e de Filosofía e Letras, por suposto, o Ateneo. E naturalmente, os cafés e os seus faladoiros. De todas as maneiras, penso que houbo unha mitificación niso dos seus vencellos co Ateneo. Non esquezamos que apenas pasou completo en Madrid o primeiro curso. Nos seguintes estivo no inicio e unhas semanas antes dos exames. Por iso, no Ateneo de Madrid sempre tivo a condición de socio transeúnte, nunca de pleno dereito. Canto aos persoeiros que influíron nel, nestas Lembranzas podemos descubrir certa situación de soidade. Otero salienta a importancia dun dos bedeis da biblioteca do Ateneo, Vilanova, auténtico mestre en coñecer os libros polos lombos. Se algún amigo tivo naqueles anos, foi o tamén ourensán Primitivo Rodríguez Sanjurjo, auténtico pigmalión intelectual para Otero e para Risco no tocante a certas novidades literarias.

-En que cambiou o Otero Pedrayo que marcha a Madrid en 1905 e o que regresa a Galiza en 1911?

-Penso que ben pouco, excepción feita da súa formación e da lóxica evolución de adolescente de dezasete anos, e orfo recente cando marcha, a home xa maduro e formado cando remata os estudos universitarios. Con todo, estas Lembranzas recollen tamén os anos seguintes, cando pasou tempadas en Madrid para preparar oposicións, o cal non impediu que seguise a gozar da vida regalada de fillo único solteiro malia unha dependencia case edípica verbo da súa nai.

-Se a figura de Otero Pedrayo fose "divisible", en cal das súas facetas (intelectual, política, literaria?) subliñaría Vde. que destacou especialmente?

-Postos a salientar un aspecto, eu destacaría a de intelectual en tanto que soubo "pensar Galiza". A súa Galiza, claro, idealizada a partir dun pasado irreversible e coa cal, en ausencia de fillos (e sen posibilidade de telos), estableceu unha alianza de por vida. E para esa visión remito a Ensayo histórico sobre la cultura gallega, malia que apareceu en castelán en 1933.

-Que lugar pensa Vde. que ocupa a obra literaria de Otero no conxunto da historia da literatura galega?

-Nese senso, eu confésome profundamente crítico. Non fixo outra literatura que autoexplicarse. Na panorámica literaria galega non estamos para rexeitar nada, pero penso que case ningunha das súas obras literarias pasaría esa "proba do algodón" que é a tradución. É dicir, obter un mínimo éxito editorial entre lectores non galegos. Cómpre abordar a obra literaria de Otero Pedrayo coa condición de clásico, sen dúbida, pero desprovista de calquera mitificación. Con esas condicións, eu salientaría a importancia que tivo -e que aínda terá- Arredor de si e o seu protagonista, Adrián Solovio, como espello no que se modelou Otero e como ferramenta para que a mocidade acorde ao galeguismo.

-Dise que Otero Pedrayo salvou a vida na Guerra Civil grazas ás boas relacións que mantiña coa cúpula da igrexa ourensá. E isto certo? Quen intercedeu por el?

-Non estudei o asunto, pero penso que a vida de Otero Pedrayo non estivo en perigo real cando se produciu a sublevación militar de xullo de 1936. En calquera caso, pagou con creces a súa fidelidade galeguista coa depuración como catedrático e director de instituto durante unha ducia longa de anos, tal vez por non adscribirse a Dereita Galeguista e seguir fiel ao PG. Penso que tería contactos dabondo na igrexa ourensá como para conxurar o risco de calquera falcatruada sectaria, como probaría a súa colaboración inmediata en Misión. Do que si podemos estar certos é de que Otero tiña moitas complicidades sociais que lle permitiron conseguir nas urnas a acta de deputado en 1931, circunstancia da que non gozaría Risco.

-Dado que ambos xa mantiveran serias diferenzas ideolóxicas antes, como foron as relacións entre Castelao e Otero Pedrayo cando este viaxa a Bos Aires en 1947?

-A prol de Otero Pedrayo cómpre salientar que a súa fidelidade ao Partido Galeguista despois de febreiro de 1936, cando esta organización se presentou coa Fronte Popular, estaba motivada pola súa fonda amizade con Castelao, con independencia de posibles discrepancias ideolóxicas pero que nunca o foron en canto ao común amor por Galiza. Por iso, cando se atoparon de novo en Bos Aires, esa amizade seguía intacta. Ao cabo, Otero Pedrayo seguía a ser aínda unha vítima do réxime e estaban no mesmo campo.

-A figura de Otero Pedrayo está suficentemente valorada e recoñecida na Galiza de hoxe ou aínda pesa moito sobre el a "sombra" de Castelao?

-Penso que a sombra de Castelao pesa moito aínda no conxunto do galeguismo. Aínda hoxe segue aberto para algúns o caso do traslado dos seus restos por parte da Xunta preautonómica, sen que eses críticos se decaten que o regreso do rianxeiro foi a mesma manobra, por parte da UCD, que a volta de Tarradellas. Castelao acadou -malia el- a condición de "santo civil" galego, como ben axiña o obtivo Rosalía, e esa circunstancia, coas limitacións que aínda ten a cultura galega, impediron unha análise obxectiva do que fixeron e do que foron. Sucede que Castelao tivo unha condición dual como artista plástico e de dobremente desterrado (en Badaxoz e na Arxentina). Por iso resultou homologable fóra de Galiza xa desde antes da Guerra Civil (lembremos a caricatura de Bagaria) -non, digamos despois desde a esquerda-, cousa que non pasa con Otero Pedrayo. Penso que se aínda hai algunha sombra -e con isto non censuro nada- é a dos homes que participaron no grupo Nós -así, non Xeración Nós- en detrimento doutros escritores e xornalistas que non resultaron cómodos para o galeguismo de tendencia republicana e, por extensión, ao de posguerra, definitivamente esquecidos coa democracia.

Compartir el artículo

stats