Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Camus e nós

Xornadas no CCG

Jean-Paul Sartre e Albert Camus.

"Non fun quen de atopar un Camus autóctono". Así o dixo Bieito Iglesias nas xornadas que o Consello da Cultura Galega vén de dedicarlle ao creador de O home revoltado. A Iglesias tocáballe analizar a conexión entre Camus e a literatura galega. E non a forzou. "O autor galego que máis se achegou ao existencialismo foi Camilo Gonsar en Cara a Times Square", explicou. Polo demais -indicou- o "ton lúgrube" da Escola da Tebra podería gardar algunha relación, mais se cadra non por influencia do existencialismo senón pola "tristeza herdada da xeración anterior". Alén diso -engadiu- quizais o Deus sentado nun sillón azul de Carlos Casares amose algunha pegada da postura moral de Camus.

Dese fío, precisamente, tirou Damián Villalaín. Camus -salientou- reintroduciu a moral como problema no seo da política. Fiel á súa postura antidogmática, foi crítico coa URSS por entender que "a fin non xustifica os medios", que non pode construírse unha sociedade xusta ao prezo do "asasinato e da escravitude". Coma el -remarcou- Carlos Casares foi fiel ao "concreto e limitado" fronte ao "abstracto e absoluto". Preferiu "amar os seres", as persoas, que "a humanidade". Villalaín propuxo recoñecer un certo "eco" da disputa Camus-Sartre nas diferenzas entre Casares e Méndez Ferrín. Casares, coa súa adhesión ao proxecto de "galeguismo transversal" de Ramón Piñeiro e a súa preferencia pola socialdemocracia e por un Estado federal. Ferrín, coa súa "fetichización da violencia revolucionaria e mais o seu independentismo."

O debate entre Camus e Sartre centrou boa parte do contido das xornadas. Arturo Leyte remarcou que O home revoltado de Camus é a cidade terreal fronte á "Cidade de Deus", a "existencia terrenal" fronte á totalidade; o home vinculado ao seu tempo fronte á Historia en abstracto; a rebelión individual fronte á revolución; o presente fronte ao futuro e a liberdade fronte á xustiza. E, tal como subliñou Francisco Jarauta, Camus compartía con Schiller a idea de que "a esencia do home é a liberdade".

Rosa Rodríguez afondou nesta cuestión. Fronte á aceptación, por parte de Sartre, da violencia como medio para transformar a realidade, para acadar a ditadura do proletariado, Camus rexeita xustificar o asasinato. Así, "non recula de forma pacata ante a revolta" -asegurou Rodríguez- senón que trata de evitar a barbarie, desde unha postura que implica "mesura", "límites", rexeitamento ao "terror" e afirmación da liberdade.

As xornadas analizaron tamén o encontro de Camus coa obra doutros autores. Bataille -subliñou Miguel Morey- consideraba que a desmesura era o principio de toda rebelión, fronte á rebelión con mesura de Camus. Malia todo -recordou- Bataille defendeu a Camus fronte ás críticas de Breton a O home revoltado. Germán Cano detívose, pola súa banda, na relación entre Camus e Nietzsche a partir da cuestión da lóxica do resentimento. Definiu a Camus como un "nietzschiano de esquerdas".

Nietzsche, remarcou, afirmou a vida, o sentido positivo da existencia. Rexeitou a moral do resentimento, mais para "pensar doutra maneira o valor", para converterse nun novo moralista, mais afastado do pór a outra meixela do cristianismo. "Como Sísifo, o home rebelde de Camus non ten garantías, ten que renovar sempre o esforzo", explicou.

Da mesma maneira, o superhome de Nietzsche volvía tentalo, a pesar da dinámica do eterno retorno. Alberto Moreiras sinalou, pola súa banda, na súa intervención, a relevancia da temática da pena capital en O estranxeiro de Camus. O personaxe non chora pola morte da nai. Encontra que o máis "interesante" é a morte mesma. Oponse á morte tratada como espectáculo, nas execucións públicas.

Escritor ou intelectual

  • José Luis Villacanas conectou O estranxeiro co mito de Sísifo. "A proposta" de Camus, dixo, é, permanecer abertos a unha realidade "sen trucos", sen relación sublimada con ela, acollendo a "ambivalencia insuperable". Xesús Alonso Montero situouse, por outra banda, máis perto de Sartre que de Camus na cuestión do debate sobre a figura do intelectual comprometido co seu tempo.Damián Villalaín comentara antes, en relación con isto, que Carlos Casares prefería definirse como "escritor" que como "intelectual". Camus enfrontouse cos intelectuais de esquerda da súa época, con Sartre á cabeza, en cuestións como a política e a violencia ou o conflito de Alxeria, no que se posicionou en favor dunha federación con Francia, sendo por iso tachado de defensor do colonialismo.O coordinador da xornada, Jorge Álvarez, destacou a actualidade do ideario e mais da obra de Camus como figura clave do existencialismo, pero tamén a relevancia da pegada que deixou na cultura galega. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, sinalou outro aspecto da conexión galega de Albert Camus ao aludir á relación que mantivo coa actriz María Casares, compartindo con ela tamén posicións vitais. "Ten un valor sentimental que se engade ao filosófico", apuntou Villares.

Compartir el artículo

stats